ATENDE

Ames Novo solicita a convocatoria dun Pleno sobre comedores para formalizar o consenso acadado coa comunidade educativa

By on abril 10, 2013

(9.04.2013) Ames Novo rexistrou unha solicitude para que o alcalde convoque un Pleno extraordinario e urxente de cara a aprobar as taxas dos servizos complementarios do curso 2013-2014, e deste xeito dar conta do compromiso asumido polo Pleno e avalado o pasado xoves cos grupos políticos e coas ANPA.

Ao longo da semana pasada o conxunto das ANPA e das forzas políticas da corporación mantiveron ata 3 reunións para poder debater a modificación da Ordenanza fiscal que regula os comedores e outros servizos complementarios. As ANPA, Ames Novo e o goberno fixeron achegas ao texto que foron consensuadas, e no referido ás taxas a proposta final de Ames Novo foi asumida polas ANPA, e non foron postas en cuestión polo concelleiro Bernardo Moar. A partir de aí as/os representantes de nais e pais manifestaron que unha vez trasladada a súa opinión era o tempo das decisións políticas. O goberno daba conta deste xeito da obriga asumida no Pleno de aprobación das taxas do curso anterior de abrir o diálogo coa comunidade educativa para avaliar o funcionamento actual dos comedores e actuar en consecuencia.

Contradicindo este acordo o goberno fixo público hoxe a apertura da preinscrición dos servizos deixando de lado o compromiso acadado, facéndoo ademais esta tarde logo da nosa solicitude de Pleno. O concelleiro anunciara na semana pasada a súa vontade de convocar un Pleno para poder aprobar a modificación da Ordenanza, e agora volvese atrás desprezando as achegas dos grupos e as ANPA e os consensos acadados -algúns deles propostos polo propio goberno-. Ames Novo pensa que é unha tomadura de pelo que logo de abrir o diálogo, manter varias reunións coa comunidade escolar e a oposición, e chegar a unha proposta aceptable para todas as partes agora volva ao inicio e faga pública a convocatoria coa ordenanza do ano anterior.

A proposta de taxas presentada por Ames Novo é máis xusta, equitativa e viable, supón que as rendas máis baixas non paguen ou paguen menos, alcanzando así o obxectivo real da progresividade e facendo accesible o servizo para todas as familias. En concreto, propoñíase que quedasen exentas as familias cunha renda per cápita por baixo do 50% do IPREM -agora está no 25%-, poñendo un exemplo serían aquelas familias de 3 membros que dispoñan dunha renda mensual por baixo dos 931 € en total, e a partir de aí ata alcanzar o custo completo do servizo. En ningún momento se deu ningún tipo de explicación sobre se esta proposta era máis ou menos viable que a actual, simplemente se actúa pola vía dos feitos.

Ante a situación de minoría do goberno no Pleno o PP opta por manter as cousas como ata agora porque sabe que perdería a votación. Agardamos que se emende esta burla a toda a comunidade escolar e ás forzas da oposición e convoque un Pleno para tramitar a modificación da Ordenanza tal e como se comprometeran.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *