ATENDE

Terra de Fraternidade, o pobo é quen máis ordena. Crónica do acto do Milladoiro

By on abril 30, 2013

O venres, día 26 de abril, celebrouse na Casa da Cultura do Milladoiro baixo o lema “Construír a Terra da Fraternidade” un acto no que a emoción do recordo da “Revoluçao dos Cravos” deu pé ao debate sobre a situación actual da democracia en Portugal e o Estado Español e os camiños para construír un modelo democrático de xestión da crise económica e financeira .

Proxectouse o video que podes ver aquí, cunha cronoloxía en imaxes documentais dos feitos principais da xornada do 25 de abril de 1974 , de autoría de Quique Costas son 15 minutos que sintetizan unha data clave da historia presente:

Logo veu a quenda do coloquio, na práctica unha conversa áxil e distendida que mantiveron en público o dirixente do Sindicato de Professores do Norte e profesor da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro Fernando Bessa, a activista nos movementos sociais e sindicalista Laura Bugalho e o escritor e analista político Manuel Martínez Barreiro, presidente do Padroado de Praza Pública. A análise dos efectos diferenciadores que produciron a saída rupturista e revolucionaria fronte a pactista e reformista das respectivas ditaduras en Portugal e España; a identificación dos rasgos de destrución de dereitos sociais, empobrecemento das maiorías sociais e incremento da acción represiva que caracterizan a situación actual en ambas beiras da raia; a articulación de liñas de reacción política e alternativas de construción de unha sociedade máis xusta foron os eixos fundamentais nos que se moveu o debate.

O acto concluíu co canto conxunto, emocionado e reivindicativo a un tempo, enarborando caraveis vermellos (como aqueles que unha florista do Rossio comezou a colocar nas bocas dos fusís libertadores na mañá do 25 de Abril), do “Grândola, vila morena” acompañado dunha montaxe fotográfica -podes ver embaixo- que recolle as imaxes que se converteron xa en iconas históricas da que foi a última revolución romántica en Europa.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *