ATENDE

Anne, unha música amesá con raíces de Estonia

By on mayo 15, 2013

(Entrevista de Begoña Varela)

Anne brincou e gozou coa música desde cativa. Esta artista amesá lembra desde a súa infancia a figura da súa nai tocando o piano. Medrou nunha familia de músicos e non sabe moi ben en que momento comezou a súa andaina musical porque o leva nos xenes. O seu avó materno era compositor e director das bandas de jazz de Tallin e a súa nai foi directora dun coro masculino nunha aldea de Estonia, docente de música en colexios públicos e pianista. Así e cun chisco de nostalxia bosquexa un sorriso lembrando como a súa nai foi a súa primeira profesora de piano.

A súa traxectoria profesional como pianista comeza ao realizar unhas probas para acceder ao Instituto Musical de Tallin. Naquel entón, este era o centro de música máis prestixioso en Estonia e a el só accedían os mellores talentos do país. Sen moito esforzo e cando só tiña 10 anos, aprobou as probas de acceso. Uns anos máis tarde comezou a colaborar como compositora con Loho Music Management, unha produtora discográfica de Tallin.

Cando emigraches a Galicia?

Veño a terras galegas no ano 2001 para comezar unha nova vida á beira dos meus fillos. Despois de vivir unha tempada nunha aldea da costa galega comezo a traballar en Ames en Sotto Voce, unha escola de música privada. Deste xeito, mudou o meu lugar de residencia para Bertamiráns.

Sínteste unha amesá máis?

Si, ao principio pasei os meus traballiños pero intentei integrarme na vida social de Ames desde un primeiro momento. Así, lembro como realicei cursos de cultura galega, de lingua galega, fun voluntaria do Concello de Ames… e procurei o xeito de integrarme o máis axiña posible nesta comunidade.

Que lle dirías a alguén que acaba de chegar a Ames doutro país?

Creo que os que chegamos debemos dar o primeiro paso na integración. Isto fai posible que a xente nos acolla ben.

No meu caso axudoume ter os meus dous fillos estudando no CEIP A Mahía porque iso fixo posible que me sentise parte da comunidade escolar. Ademais co meu traballo creo que podo achegarlle moito á sociedade amesá, regalarlle ao meu alumnado os meus coñecementos de música é a miña pequena contribución para esta vila.

Galego ou castelán?

Síntome máis cómoda falando en castelán porque foi o idioma que me ensinaron os galegofalantes cos que me fun relacionando nos primeiros meses. Ao principio custábame entender porque a xente me falaba en castelán e entre eles empregaban acotío o galego. Fun testemuña dos prexuízos dos galegos cara á súa lingua.

Eu descoñecía ambas as linguas e preguntábame porque comigo utilizaban unha lingua diferente á súa. Logo dun tempo entendín un pouco máis a vosa situación sociolingüística. Deste xeito, reparei tamén en que a convivencia do estonio e do ruso no meu país non ten moito que ver coa vosa no sentido de que os meus coñecidos e familiares xamais renunciaron ao emprego da súa lingua en beneficio do ruso. O estonio era tanto a lingua familiar coma a lingua pública. Con todo, compoño sempre en galego porque me saen máis fáciles as rimas.

Cres que é distinto ser músico/a en Estonia e en Galicia?

Creo que a música ten un papel moi diferente en Galicia e no meu país. Grazas ao sistema comunista, que lle daba prioridade á educación artística e cultural, en Estonia ser músico aínda é ter unha profesión digna e prestixiosa. Deste xeito, os estudos musicais teñen un nivel altísimo.

Non obstante, en Galicia creo que dificilmente se pode vivir da música e observo tamén que hai bos músicos que teñen outro traballo para sobreviviren. En Bertamiráns, constato que cada vez hai máis xente con inquietudes musicais.

Pensaches en volver a Estonia?

Non, en realidade o meu futuro e o dos meus fillos está aquí. Boto de menos a miña familia, pero os meus fillos criáronse en Bertamiráns e son galegos.

Galicia é un sitio ideal para min. Gústame o clima, a paisaxe e a xente. O tempo de lecer aquí aprovéitase mellor porque en Estonia non se fai vida na rúa (demasiiado frííííoooo e pouco sol!!!).

En canto ás perspectivas profesionais, xa hai moitos anos que imparto clases de piano e linguaxe musical a moitos rapaces de Bertamiráns e é moi satisfactorio para min ver a súa evolución. Tamén estou completando os meus estudos de piano no Conservatorio Superior da Coruña e vexo alí unha oportunidade de realizarme como intérprete musical.

Podes falarnos da Asociación Cultural Ars Ames?festival de panxoliñas

Como xurdiu esta iniciativa?

No ano 2006 comecei a dirixir a Coral Polifónica do Concello de Ames e axiña promovín a formación do Coro de Cámara de Bertamiráns. Ademais tiña un grupo de rapaces que querían formar un coro e así xurdiu Nososon. Logo decateime de que era preciso xestionar o traballo dos tres coros e atopar unha forma de financiamento. Así, naceu Ars Ames.

A asociación era un punto de partida para comezar a traballar e idear proxectos: intercambios con outras corais por toda Galicia, viaxes como aquela que fixemos a Portugal para participar nun espectáculo músico-teatral denominado Queima de Judas, varios festivais que organizou a asociación en colaboración co Concello de Ames (Semana da Música, Entroido, Día das Letras Galegas, actos de homenaxe…).

Cal foi a actuación que lembras con máis agarimo?

Lembro de maneira especial a participación anual no Certame de Panxoliñas de Caixanova coas tres agrupacións corais da asociación. O coro infantil e xuvenil Nososon (con rapaces de 3 a 20 anos) sempre fixo unha fantástica interpretación e nunca volvemos a Ames coas mans baleiras. Foron premiados tanto o meu labor como compositora de panxoliñas coma a actuación deste coro.

En 2012 premiaron a 10 coros pola súa traxectoria no certame. Nososon conseguiu un galardón moi especial: premiábase o noso traballo e a nosa participación neste certame durante os últimos 5 anos.

Hai algún CD en que poidamos escoitar o voso traballo?

O traballo da coral Nososon foi recompilado no ano 2010 nun CD que se chama Nosonadal, que contén 9 panxoliñas. Este traballo foi concibido como unha achega intercultural, e ademais de panxoliñas galegas, tamén cantamos panxoliñas francesas, venezolanas, italianas… Ademais hai tres panxoliñas que eu compuxera para os nenos e que foron premiadas no certame. Estas panxoliñas orixinais teñen a peculiaridade de que tratan contidos actuais: o consumismo, a desigualdade social, o importante que é saber esperar para recibir unha sorpresa…

 

Espectaculo And All That JazzQue lles proporciona a música aos membros de Ars Ames?

Todas as persoas que forman parte dun grupo artístico usan a imaxinación, que é fundamental para que un individuo se sinta realizado. É dicir, calquera persoa que imaxina a felicidade a través da música, do xogo, do deporte… séntese feliz. En cada instante de cada actuación o meu alumnado comparte o amor que sente pola música co público; en cada ensaio de cada proxecto musical os nenos comparten ideas, comparten coñecementos, experiencias persoais… e así créase un espazo común non material que nos fai sentir un grupo e xuntos, nun grupo unido aprendemos uns dos outros e facemos música que nos gusta. Facémolo con moita alegría e paixón, así que normalmente o público acóllenos con moitos aplausos e iso é motivador para nós. Todos os nenos e mozos do coro, igual que todas as persoas do mundo, teñen algún talento especial: son actores, cantantes, poetas, bailaríns, instrumentistas etc. Iso fai posible realizar espectáculos divertidos e diversos.

Tedes algún proxecto para o 2013?

Agora mesmo estamos a traballar nun musical que ensaiamos na Casa da Cultura de Bertamiráns, pero tamén organizamos saídas fóra para gravar imaxes do Camiño de Santiago, do Libredón (que se atopa entre o Sar e o Sarela), do monte Illicinus, do río Ulla, de Monte Pindo (preto de Fisterra), de Santo André de Teixido etc. Son lugares que forman parte da fábula que imos contar.

O argumento baséase na busca dun tesouro e contamos a historia do Camiño de Santiago, pero non a historia xacobea senón a historia que aparece nas lendas e nos mitos. Viaxaremos canda o público aos tempos en que Compostela aínda era o fogar do Demo, un sitio maldito e temido pola xente, dos tempos en que os peregrinos paraban no Monte Illicinus (Pico Sacro) para seguir cara a Fisterra que era a fin do camiño.

Os personaxes deste musical están adscritos á mitoloxía galega. Así, diaños, trasnos, fadas, bruxas, a Raíña Lupa, o Príncipe do Ulla, a Dama do Sar… de entre 3 a 40 anos desfilarán contra xuño deste ano por Bertamiráns. Neste espectáculo participan os rapaces de Nososon e tamén algúns membros do Coro de Cámara de Bertamiráns, que ao escoitaren a música e o guión quixeron formar parte do proxecto.

Daquela, en xuño será a estrea e esperamos sorprender o público de Ames cunha historia que ten moito que ver co lugar en que vivimos. Este espectáculo é para todas as idades, para gozar en familia.

E para rematar, a pregunta máis importante: que é o que queres comunicar a través da música?

Depende.

Como pianista, ao interpretar música clásica comunico algo que me sería imposible facer a través da linguaxe. Cando traballo cunha obra, ao principio o que vexo son simplemente combinacións de notas e figuras no pentagrama. Logo a música comézame a falar, cada nota empeza a ter sentido e axiña sinto que están xusto onde tiñan que estar e que duran xusto o que teñen que durar. Sinto ademais que non son a creadora, só formo parte dunha creación e nesa creación tamén está a persoa que me escoita. En definitiva, o que sinto facendo música é que todos nós somos imprescindibles, estamos xusto onde temos que estar, somos xusto como temos que ser, cada momento das nosas vidas é único e inesquecible e formamos parte de algo grandioso. Ao descubrir que a min isto me dá paz e tranquilidade interior intento transmitirllo á xente, creo que todos os artistas intentamos facer o mesmo.

Como profesora intento compartir todos os meus coñecementos e descubrimentos cos meus alumnos, tanto nenos coma adultos, porque de nada me serve ser música se non teño con quen compartir a miña paixón pola música clásica. É unha arte difícil, e poder amala e comprendela require coñecementos e moito esforzo ao principio, moitas horas de estudo e moito pelexar coas partituras, pero ao final a recompensa é grande e satisfactoria. A música fala, só temos que saber entendela. Afortunadamente podo falar neste idioma con moita xente e é un verdadeiro pracer, agradézolles aos meus alumnos que sigan ano tras ano intentando mellorar e que non pidan papas nunca. Parabéns!

 

Se queres escoitar a Nososon podes velo aquí:

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *