ATENDE

O goberno de Ames evita debater coa oposición para ocultar a súa incapacidade

By on marzo 31, 2012

Pilar Candocia (Ames Novo) e José Miñones (PSOE)

Pilar Candocia: “Ao goberno do PP moléstalle que Ames Novo sexa máis responsable e institucional ca eles. A nosa actitude construtiva deixa en evidencia a súa incapacidade para dirixir un Concello como o de Ames, quédalles moi grande; non soportan que nós teñamos máis iniciativa, criterio e capacidade de diálogo desde a oposición.”

(Ames 30.03.2012) O Partido Popular de Ames acaba de aprobar nun Pleno de 15 minutos, coa presencia única dos concelleiros do PP, e sen o debate preciso, o documento máis importante da lexislatura. O Plan de Axuste do Concello de Ames foi remitido ás forzas da oposición o día 28 coa intención de ser aprobado no Pleno do día 29 de marzo. Os grupos da oposición, Ames Novo e Socialista, fixeron unha proposta conxunta para que se debatera en comisión o día de hoxe e se aprobase acto seguido no Pleno, mesmo renunciando a cobrar pola súa asistencia. Este calendario estaba contrastado cos servizos económicos do Concello e non interfería na tramitación do Plan ante o Ministerio. O obxectivo da proposta -ver documento anexo– era dispoñer dun tempo mínimo para analizar o Plan e poder adoptar unha posición xuiciosa sobre un documento que hipoteca o futuro de Ames, solicitamos dous días para estudalo cando os Populares sabían da súa obriga de presentar o Plan desde o 25 de febreiro, o goberno negouse.

O sucedido estes días demostra a falta de respecto institucional aos representantes da corporación, Santiago Amor está caendo en todos os vicios que criticou durante os catro anos anteriores. Pero non só é unha cuestión de manter as forma democráticas, o Partido Popular de Ames evita debater coa oposición para non quedar en evidencia diante da cidadanía. O goberno non ten iniciativa, nin criterio e vai a remolque das propostas que presenta Ames Novo, por iso quere disimular a súa incapacidade. O goberno tiña o Pleno de marzo como límite para aprobar a Conta xeral de 2011 e non o fixo, polo que volvemos a estar en situación irregular e poñendo en perigo as achegas da Xunta e do Estado, ao igual que o ano pasado. O goberno tampouco foi capaz de presentar os orzamentos cando xa o prometeran para o 15 de marzo. Disimulan a súa incapacidade de planificación e xestión económica con este Plan de axuste, que é un labor do Interventor, aínda que con grande relevancia política.

Este caso demostra con claridade a actitude dos Populares. Ames Novo demandou no Pleno do mes de decembro a elaboración dun Plan Económico e Financeiro para abordar con perspectiva de futuro os problemas da facenda municipal, o goberno Popular dixo que o ía facer e chega co Plan de axuste á ultima hora de forma precipitada, falta previsión. Ames Novo demostrou no Pleno que a situación económica do Concello non era tan grave en comparación con municipios semellantes e que non era necesario recortar servizos nin persoal municipal, agora o documento elaborado polo Departamento de Intervención fai unha proposta de equilibrio económico a medio prazo sen redución de servizos nin persoal -o que a súa vez demostra que a motivación dos despidos non era económica-. Ames Novo recolleu nunha moción do mes de xaneiro varias propostas que agora se inclúen no Plan de axuste: racionalización do gasto sen afectar aos servizos de benestar e o emprego, xestionar con recursos propios servizos externalizados ou acollerse ao sistema da Deputación para a recadación municipal sempre sen diminuír a calidade do servizo; agora o goberno inclúe varias das medidas propostas de Ames Novo a proposta do Interventor.

Ames Novo desenvolveu desde o primeiro momento unha oposición responsable, mantendo unha actitude construtiva, de colaboración institucional e de firmeza ante as propostas de recortes do Partido Popular. A realidade é que presentamos máis iniciativas que o propio goberno, demostramos capacidade de planificación e anticipación, e facemos isto desde o diálogo coas entidades cidadás. Para Ames Novo a cidadanía é o primeiro, o noso compromiso co benestar da sociedade e o impulso de Ames está por riba de calquera sigla. Colaboramos co goberno Popular e co grupo Socialista cando é bo para as veciñas e veciños, e sobre todo mantemos unha liña de diálogo permanente coas asociacións e a viva sociedade de Ames, demostrando que a política pode facerse de outro xeito, escoitando e colaborando coa cidadanía. A democracia é unha cousa de todos os días, e que afecta a todas e todos.

A intransixencia do goberno Popular impediu que as forzas da oposición puidesemos facer as achegas a este Plan clave para o futuro de Ames, furtando o debate, a posibilidade de enriquecer o documento e mesmo que fose avalado polas tres forzas da corporación, de darse o caso e chegar a un acordo. Ames Novo vai trasladar ao goberno unha serie de consideracións ao documento, como críticas e como propostas de mellora. A pesar de que o goberno non quixese proceder coas garantías democráticas oportunas, nós trasladamos nosas propostas para que sexan consideradas polo Concello e que a cidadanía coñeza a nosa avaliación do Plan e a nosa achega.

En todo caso, en palabras de Candocia “o Plan de axuste demostra que remataron as escusas, hai que poñerse a gobernar e deixar de laiarse. Xa non vale falar de falta de recursos, o que faltan son ideas, iniciativa e capacidade de xestión, ou sexa, o equipo de goberno polo que aínda estamos esperando.”

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.