ATENDE

Fracasa o mercadillo do Milladoiro pola incapacidade do goberno do PP

By on mayo 7, 2013

(6.05.2013) Hai varios meses que o mercado de rúa do Milladoiro está practicamente morto, a incapacidade do goberno do PP volveu converter unha boa idea nun fracaso. Ames Novo lamenta esta situación e responsabiliza ao concelleiro, Bernardo Moar, pola súa incapacidade de dotalo dun proxecto solvente e liderar o impulso do sector.

 

Crónica dunha morte anunciada

Cando no ano 2011 o concelleiro Bernardo Moar aparecía coa vella novidade de establecer un mercado de rúa no Milladoiro, naquel momento xa advertimos que non tería éxito se non se definía un proxecto de impulso cun perfil claro integrado nunha estratexia ambiciosa de impulso do comercio. Non foi porque non se avisara, en setembro de 2011 o noso grupo municipal coincidía coa necesidade de abrir un mercado de rúa no Milladoiro pero discrepaba de cheo coa proposta do goberno Popular que primaba aos comerciantes ambulantes xa asentados no mercado de Bertamiráns. A concelleira Olalla Alvite sinalaba “debese promover a diversidade e conseguir que o mercado de rúa sexa un éxito e un valor engadido para o municipio, evitando que se reproduza no Milladoiro o xa existente en Bertamiráns. A proposta Popular pode conducir á devaluación de ambos mercados”. Así foi, como demostramos coas fotos o mercado do Milladoiro na práctica xa non existe, e o de Bertamiráns está perdendo forza como se pode percibir coas ausencias reiteradas de postos que erosionan a oferta e o atractivo do mercado de rúa.

Non é que sexamos visionarios/as pero estaba claro que nun momento de caída xeneralizada do comercio este “mercadillo” precisaba proxectarse cun reclamo novo, integrando o mercado co propio comercio do Milladoiro, precisaba o proxecto que Bernardo Moar foi incapaz de darlle. Dixémosllo de forma clara no Pleno: non é o lugar, non é o día e necesita un modelo que o singularice. O mercado non fracasa porque sexa inviable senón pola falta dun proxecto solvente e un liderado no sector do que carece o concelleiro. Faltan ideas e credibilidade, como no conxunto da acción municipal o PP carece de modelo e vai poñendo parches que en moitos casos volven pinchar.

Foto mercadillo Milladoiro 5Mercado imaxinario

A día de hoxe o mercado do Milladoiro non ten a penas postos, este mesmo luns de comezo de maio tiña dous postos de verdura, dous de churros e un de téxtil [as fotos son deste mesmo luns ás 18:30h]. No seu momento máis álxido en xaneiro de 2012 chegou a ter 83 puntos de venta, recentemente a través do Decreto 675/2013, de 9 de abril de 2013, o alcalde resolvía causar baixa a 59 postos por faltas reiteradas e outras 9 por renuncia expresa dos titulares, en total 68 postos que xa desapareceron do mercado. Ames Novo pregúntalle a Bernardo Moar e Santiago Amor: cantos postos están vixentes a día de hoxe? Podemos seguir falando do “mercadillo” do Milladoiro?

Goberno incapaz

A finais de 2011 o concelleiro da área, Bernardo Moar declaraba“este mercado está supoñendo un gran motor económico para O Milladoiro”, agora vemos o que queda disto. Nunha materia clave neste momento como é a dinamización económica temos un goberno completamente incapaz, e resulta que está era a materia que realmente ‘controlaba’ o 2º tenente de alcalde, xa nos imaxinamos como será nas outras 5 áreas que non ‘domina’ Bernardo Moar. En palabras de Olalla Alvite: “na dramática situación que estamos vivindo en vez de ter un goberno con ideas e con capacidade de impulso, temos un desgoberno que entorpece moito máis do que axuda, dous anos de goberno incapaz.”

Fotos mercado BertamiránsAmes Novo lamenta enormemente este fracaso, no seu momento fixemos o posible para que fose un proxecto solvente, innovador e integrado na promoción do comercio do Milladoiro e de Ames, pero non nos quixeron facer caso. Xa non agardamos nada bo do goberno do PP, pero o problema é que a súa incapacidade págana os comerciantes e a cidadanía en xeral. A súa incompetencia acaba afectando a toda a sociedade de Ames, porque mesmo “queiman” boas ideas como esta. Vai ser moi difícil que podamos retomar esta proposta en breve, incluso cando cambie o goberno; unha boa proposta con potencialidade conducida de forma incorrecta, sen ideas e sen dirección acaba tendo un mal resultado. O PP ten o dubidoso mérito de converter en fracaso todo o que toca, e crear máis problemas dos que resolve.

 

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *