ATENDE

Ames Novo esíxelle ao goberno que non penalice aos veciños do rural por un problema do que non son responsables

By on mayo 5, 2012

(Ames 5-5-2012) O Concello de Ames está enviando notificación ás casas do rural para reclamar supostos atrasos pola recollida do lixo. Estes veciños non pagaran con anterioridade por esta recollida, e o Concello pretende cobrar 3 anos de taxas nun só pago. O goberno Popular castiga deste xeito aos veciños da zona rural, obrigándoos a pagar unha taxa acumulada de varios anos, e da que non tiveran coñecemento ata o momento. Ames Novo considera un abuso o cobro de golpe das taxas de varios anos, o Concello non pode facer cargo á cidadanía dos seus propios erros.

O Concello está remitindo unha carta a todos os edificios da zona rural baixo o epígrafe: Notificación de trámite de audiencia e proposta de regularización, co obxecto: Taxa por actividades e servizos relacionados coa hixiene urbana. Nesta carta sinálase unha “omisión do padrón municipal da taxa” referida a ese inmoble, que pode estar afectado na xestión do Imposto de Bens Inmobles como do Imposto de Actividades Económicas. Sobre esta base fáiselle unha “proposta de liquidación e regularización da súa situación tributaria”, esta proposta oscila entre os 200 e os 400 € para unha vivenda referido ao conxunto dos tres anos (2009, 2010, 2011), sendo superior no caso de inmobles con actividade económica.

A normativa indica que a prestación deste servizo, xestión do lixo domiciliario e residuos sólidos urbanos, é de “recepción obrigatoria”. O problema é que ata o momento non se lles cobrou e de repente pretenden cobrar o máximo que lles permite a lexislación, os tres anos xuntos. Ames Novo entende que toda veciñanza debe pagar os impostos que lles corresponden, e considera que os habitantes do rural deben pagar igualmente pola recollida do lixo, como o conxunto da cidadanía. Pero a pretensión de cobrar tres anualidades pasadas sen ter coñecemento previo vai contra os principios da boa administración; non se pode facer cargo aos administrados, á xente do rural, duns atrasos que non son responsabilidade súa.

Ames Novo propón o seguinte:

  • que o Concello renuncie a cobrar as anualidades atrasadas (2009, 2010, 2011) dado que os cidadáns non foron os responsables da falta de liquidación da taxa do lixo;

  • que a partir do ano 2012 se cobre universalmente esta taxa, aproveitando a revisión do padrón feita de cara á súa regularización;

No caso de non aceptar a proposta anterior, Ames Novo solicita que se lles facilite aos afectados o máximo posible o pago e non se cobren xuros polo seu fraccionamento, dado que non foi responsabilidade súa. En concreto, propoñemos que se estableza unha fórmula xeral contemplada pola propia ordenanza fiscal para outros casos: o pago fraccionado de ata 18 meses, que podería ser aplicada excepcionalmente neste caso. Tamén solicitamos que esta opción de fraccionamento sen xuros se comunique directamente ás persoas afectadas.

Rexistramos esta mañá un Escrito Ames Novo pago taxa lixo solicitandolle ao alcalde que faga caso da reacción masiva dos veciños afectados. Tamén convocamos a todas as asociacións de veciños do rural a unha reunión para este luns 7 de maio ás 20:30h en Bertamiráns para abordar tema conxuntamente.

Ames Novo considera que esta medida se inclúe na política recadatoria do goberno, que non repara nos efectos que produce. Nun momento tan delicado economicamente para moita xente o Concello debe ser sensible a situación e non penalizar aos cidadáns por un problema que el mesmo xerou pola súa incapacidade de realizar o cobro con anterioridade.

About Admin

2 Comments

  1. isidro

    mayo 5, 2012 at 7:07 pm

    dende logo… parece mentira, home.

    Se en cousas das que nada temos culpa estamos pagando xustos por pecadores, canto máis nas cousas máis cotiás como os impostos máis habituais. Aínda que sexa erro deles, vámolo pagar os de sempre.

    POr certo, orgulloso de que escollerades unha foto miña para ilustrar isto.

    saude e terra.

    • admin

      mayo 10, 2012 at 10:52 am

      Ola Isidro,
      moitas grazas por todo. Alegranos moito coñecer ao autor da foto, non reparei en que eras ti, nos atopamola nun buscador de imaxes Creative Commons http://photopin.com/search/ames. A min paréceme preciosa a foto, como ves collemos esa liña para ilustrar outras cousas. Moi agradecidos.
      Orgullosos nós de poder utilizar taballos dun artista coma ti.

      Un saúdo

      Xaime Subiela
      Oficina municipal Ames Novo

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *