ATENDE

O trunfo da sociedade civil de Ames. A unión detén o bulldozer educativo do PP

By on junio 20, 2013

 

A comunidade educativa

fai recuar ao PP

e logra manter

as escolas unitarias

de Covas e Agrón

(20.056.2013) Ames Novo alégrase moito de que as unitarias de Covas e Agrón permanezan abertas, o que se conseguiu grazas á presión exercida polas familias, as profesoras e as asociacións de veciños. Ames Novo e o grupo parlamentario de AGE estivo apoiando toda a súa exitosa loita.

Pechar as unitarias era un absurdo que ninguén é capaz de explicar, en ningún momento se achegou ningunha razón porque seguramente os auténticos motivos non eran confesables nin se podían dicir de forma pública. Sería un atentado contra un modelo educativo que ten un enorme valor, cara o que se tende nas pedagoxías máis avanzadas nas que se comprende a aprendizaxe como unha acción da comunidade, ademais de ser moi apreciado polos pais e nais. Pechalas sería unha enorme desconsideración cara mundo rural e os lugares que manteñen viva a memoria das parroquias e das moitas xeracións que se educaron en Covas e Agrón. Por outra parte sería un desprezo ás familias afectadas a quen lle estiveron ocultando a situación ata última hora para evitar que reaccionaran, causándolle un enorme prexuízo. Por último, pechar as unitarias significaría agravar os problemas de saturación que ten o CEIP de Barouta nas idades de infantil, ou sexa eliminar escolas que funcionan ben para crear un novo problema noutro colexio. Un despropósito.
Felizmente parece que non vai ser así, o PP deu marcha atrás ante a reacción da comunidade, o eco que tivo na opinión pública e a propia repercusión política. Porque ás poucas horas de que lle comunicaran o peche ás familias xa estaban coordinadas e actuando concertadamente con toda a sociedade civil do lugar e coas forzas políticas. Ames Novo tamén moveu os seus recursos de xeito que ao día seguinte os parlamentarios da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) xa situaran o problema na Comisión de Educación do Parlamento de Galicia -na súa intervención sobre as obras de Ventín-, e o propio mércores o grupo parlamentario de AGE presentou un Proposición non de lei para evitar o peche de ambas unitarias. É dicir, antes de que o alcalde se dignase a recibir ás familias afectadas, Ames Novo e AGE xa tiñan situada a cuestión no Parlamento. PecheUnitariasRolda
Desta situación das unitarias, igual que as nenas e nenos, aprendemos varias cousas. Primeiro, que o PP quere cerrar as unitarias, o goberno da Xunta actúa ás agachadas para ver se «colan» o peche sen resistencia, e o goberno de Ames acepta calquera cousa que lle mande o PP aínda que sexa totalmente contrario aos intereses dos veciños. Aprendemos que imos ter que estar moi atentos porque van volver intentalo en canto vexan que non hai resistencia, por iso debemos estar moi alerta.
Aprendemos que temos unha sociedade moi viva, que non se resigna e que ten unha enorme capacidade de reacción. Unhas horas despois da comunicación do peche xa estaban organizadas as familias, a comunidade e divulgado o tema nas redes sociais; e ao día seguinte xa activaran os resortes dos grupos políticos e xa era tema importante de opinión pública. Os auténticos valedores do ben común e dos servizos públicos.
Aprendemos que igual ten ter un alcalde que non o ter. Santiago Amor non vai mover un dedo polos veciños e veciñas, e achantaba coa proposta de que pecharan unitarias de 10 e 14 alumnos, cando a directriz é non pechar ningunha que manteña 6 nenos/as ou máis. Escolas unitarias que ademais están recuperando matrícula a respecto de hai uns anos. O goberno de Ames estase superando cada día, neste caso quedaron completamente en evidencia porque unha de dúas, ou mentiron todo o tempo e estaban colaborando no peche das unitarias ocultando a decisión da Xunta, ou non son ninguén no Partido Popular, nin o alcalde, nin o PP de Ames, nin moito menos Bernardo Moar. Estar o luns coa plana maior da Consellería de Educación e o martes dicir que non sabían nada do peche das unitarias só pode significar iso: ben o maior dos ridículos ou ou ben un engano masivo ás familias, profesoras, veciños de Agrón e Covas, comunidade educativa de Barouta e a cidadanía en xeral.
Pero hoxe é o día de congratularnos da vitalidade da sociedade civil de Ames, que grazas as familias afectadas conseguimos manter abertas estas escolas tan valiosas para toda a comunidade, un auténtico ben común de Ames, familias que tamén aprenderon con quen poden contar e con quen non, pero sobre todo aprenderon que SI SE PODE evitar os abusos e os atropelos, hoxe unha parte da cidadanía de Ames aprendeu que teñen moito máis poder do que pensan, e moita dignidade.

Podes ver aqui a Proposición do grupo Parlamentario de AGE en colaboración con Ames Novo presentada este mércores: 2013-06-19 PNC escolas unitarias Ames 090009221

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.