ATENDE

Peche do curso: estupenda receptividade a campaña Regalar primaveras ao ensino público

By on junio 23, 2013

(15.05.2013) Aproveitamos o remate do curso escolar para dar conta da magnífica recepción da campaña de Ames Novo Regalar primaveras ao ensino público entre toda a comunidade educativa de Ames.

Ames Novo iniciou a semana das letras galegas unha campaña que chamamos Regalar primaveras ao ensino público na que se agasallaba un dicionario a cada centro de ensino de Ames. Ao longo dun mes as concelleiras Pilar Candocia e Susana Mayo foron recorrendo todos os centros, xa que a campaña consistía na doazón dun dicionario inglés-galego a cada un dos centros de ensino de Ames: EEI do Milladoiro, os CEIP de Ventín, Agro do Muíño, Barouta e A Maía, así como os Institutos: o IES de Ames e o futuro instituto do Milladoiro quen xa vai dispor do seu primeiro libro da biblioteca.

A entrega dos libros fíxose efectiva a través de encontros cos responsables da dirección, da biblioteca do centro e dos equipos de normalización lingüística. Estes encontros foron unha oportunidade para pulsar os problemas dos centros, o que nos conduciu á súa vez a diferentes iniciativas para dar curso ás súas demandas, tanto a nivel municipal como no Parlamento galego en colaboración co grupo parlamentario de AGE para evitar a coincidencia das obras de Ventín co curso escolar.

Esta acción buscaba un duplo obxectivo. Primeiro promover o idioma galego no ámbito do ensino, convertendo o dicionario nun símbolo do tesouro que teñen na lingua galega as nosas nenas e nenos, así como a riqueza que supón falar varias linguas. O galego é un idioma que debemos promover por mil primaveras entre outros motivos para abrirlles oportunidades de futuro a xente nova. O segundo obxectivo buscaba ser un xesto de apoio ao ensino público e ás bibliotecas escolares. En tempos nos que os responsables educativos abandonan o público para Ames Novo é prioritaria a educación, a súa calidade e a garantía de que ninguén queda atrás. Comprendemos a educación como un investimento de futuro, para as persoas e para o país.

Nas palabras da portavoz de Ames Novo, Pilar Candocia, “nós facemos un esforzo a favor do ensino público e da lingua galega porque para Ames Novo son prioritarios, a educación e o idioma son básicos para o noso futuro, esta campaña é un símbolo de que se poden facer moitas cousas en positivo cando hai interese e ilusión”.

A campaña tivo unha magnífica receptividade entre a comunidade escolar, foi recoñecida como unha moi boa idea e recibimos centos de felicitacións tanto de nais e pais como do profesorado dos centros, tendo unha grande difusión a través das redes sociais.

O libro que doamos é o Dicionario moderno inglés-galego de 2.0 EDITORA unha empresa cultural afincada en Ames. Temos moito orgullo de que estas iniciativas de emprego cualificado que xeran valor asenten no noso municipio. Ames Novo, como sempre, apoia á empresa local e responsable.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.