ATENDE

DÍA INTERNACIONAL DO ORGULLO LGTB. Xoves sen armarios

By on junio 28, 2013

A consecución no Estado Español de unha lexislación que iguala os dereitos das persoas con independencia da súa opción sexual non impide que moitas mulleres e homes sigan sufrindo situacións que non lles permiten vivir a súa identidade en plena liberdade.

A situación de marxinación, e mesmo de acoso no ámbito escolar e social, que padecen moitas mozas e mozos levaron á Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais a declar 2013 Ano da Diversidade Sexual e de Xénero na Xuventude, baixo o eslogan «Xoves sen Armarios».

Consonte a todo isto,  Ames Novo presentou unha moción de declaración insitucional, que foi aprobada por unanimidade da Corporación Municipal, que de seguido reproducimos:

 

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE AMES

CONTRA A DISCRIMINACIÓN POR MOTIVO DE ORIENTACIÓN SEXUAL E IDENTIDADE DE XÉNERO

Con motivo da celebración o día 28 de Xuño do Día Internacional do Orgullo Lésbico, Gai, Transexual e Bisexual (LGBT) a Corporación Municipal do Concello de Ames diríxese á cidadanía para expresar:

1.- A loita sostida polo movemento LGBT permitiu que a lexislación española, na etapa democrática, fose incorporando diversas reformas encamiñadas a garantir a igualdade legal en dereitos para as persoas, indepedentemente da súa orientación afectivo-sexual.

2.- A pesar diso non podemos esquecer que os comportamentos diferentes ao heterosexual aínda son obxecto de persecución penal en diferentes partes do mundo e, mesmo hai 6 países nos que se castigan coa pena de morte. Así mesmo, debemos ter en conta que se producen desigualdades de xénero, sendo as mulleres homosexuais as máis perxudicadas pola discriminación.

Dados os recentes retrocesos nos dereitos das persoas bisexuais, homosexuais e transexuais en diversos países do mundo, pedimos ao goberno español que, en aplicación das directivas europeas, se conceda asilo inmediato ás persoas que foxen desa represión, e a todos os gobernos democráticos e os organismos internacionais que presionen para a efectiva despenalización en todo o mundo.

3.- Facemos condena expresa de calquera manifestación de odio dirixida contra as persoas por razón da súa opción sexual ou orientación de xénero e, nomeadamente, do recente asasinato en París de Clément Méric no contexto de manifestacións LGTB-fóbicas en Francia. O Concello de Ames non colaborará, financiará nin subvencionará a ningunha organización ou persoa física ou xurídica que promova ou manifeste actitudes de intolerancia contra calquera sector da sociedade.

4.- Lembramos que a consecución da igualdade legal non supón, por si mesma, a aceptación, respaldo ou respecto social Consideramos imprescindibles as acción de concienciación social encamiñadas a rematar cos prexuízos, estigmatizacións, vexacións e calquera forma de discriminación de que aínda son obxecto moitas persoas por causa do seu xeito de orientar a súa afectividade e/ou sexualidade. Chamamos á cidadanía a combater activamente calquera comportamento homofóbico que se dea no seu ámbito social, familiar ou laboral, e a presentar denuncias nos casos en que se traduzan en violencia, física ou verbal, ou mostras públicas de desprezo ou trato discriminatorio.

5.- É motivo de especial preocupación o sufrimento de moitas rapazas e rapaces que viven con angustia e, mesmo padecen acoso e agresións no seu contorno escolar por causa da súa identidade de xénero ou da súa sexualidade. Instamos a toda a comunidade escolar e, especialmente aos claustros de profesores e profesoras e ás ANPAs , a adoptar actitudes proactivas tendentes non só a prestar apoio ao alumnado que padece este tipo de situación senón tamén a acometer programas formativos de prevención das mesmas, educando nos valores do respecto pola diversidade sexual. O Concello promoverá con outras entidades servizos de apoio á comunidade escolar, xoves e familias que padezan calquera tipo de problema derivado da orientación ou identidade sexual.

O respecto pola diversidade fainos a todas e todos máis libres e á nosa sociedade máis tolerante e rica.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.