ATENDE

O municipio máis dinámico, o alcalde máis parado

By on junio 28, 2013

(28-06-2013) O Pleno de Ames evidenciou de novo dúas cousas: a parálise do goberno e a vitalidade da sociedade civil. A orde do día deste Pleno de xuño a penas recollía temas de interese a iniciativa do goberno, un mes no que tradicionalmente se trataban asuntos clave de dirección económica e iniciativa política… o goberno non presentou nada. Quen lle dá contido ao Pleno é oposición e a sociedade civil, as mocións do grupo socialista e de Ames Novo, xunto as propostas das nais e pais das unitarias ou da Plataforma do lixo foron quen encheron este Pleno.

No primeiro punto Ames Novo posicionouse a favor das alegacións presentadas por Anova e BNG contra a cesión á Igrexa Católica dunha parcela de titularidade municipal no Milladoiro para construír un templo. Os argumentos dados en ámbalas dúas alegacións xa foran expostos por Ames Novo no pleno no que se aprobara inicialmente esa cesión. Daquela abstivémonos na votación pola indicación da Secretaria de que o Concello tiña que cumprir a súa parte do Convenio que en tempos de Astray se asinara co Arcebispado e que este cumpriu xa ao cederlle as parcelas do campo da festa de Ortoño e do parque da Magdalena no Milladoiro. Anxo Doval volveu a defender que non había ningunha obriga de facelo neste momento en que hai tantas necesidades doutras infraestruturas no Milladoiro, e moito menos cando constatamos que ese Convenio se prorrogara no ano 2006 sen unha data de finalización.

Tamén se aprobou unha moción do PSOE para eliminar a subida do IVE nos servizos e produtos culturais que, como demostrou Susana Mayo, está sendo letal para o sector cultural. Un sector de grande importancia tamén económica e no emprego cunha alta importancia en Ames, ben polo turismo, ben polas moitas empresas deste sector no polígono Milladoiro.

Presentamos xunto co resto da oposición unha Moción para evitar a coincidencia das obras de Ventín coa actividade escolar solicitándolle tamén á Xunta de Galicia que se poñan os medios para que se garanta a conciliación coa vida laboral e familiar, cando menos nas mesmas condicións que no curso pasado. A moción ía na liña da Proposición non de Lei PNC sobre a continuidade das escolas unitarias Ames  que presentamos no Parlamento galego xunto ao grupo da Alternativa Galega de Esquerdas, rexeitada polo PP.

Tamén se aprobou por unanimidade, con motivo do 28 de xuño, unha Declaración Institucional por iniciativa de Ames Novo contra a discriminación por motivo de orientación sexual e identidade de xénero, cun texto que alerta sobre os problemas da xente nova.

Un dos puntos fortes foi sacar adiante a creación dunha comisión de investigación (houbo que cambiarlle o nome por “comisión informativa”) sobre os feitos acontecidos nos Plenos de Setembro e Novembro que deron lugar a que a subdelegación do Goberno multara por desordes públicos á nosa portavoz Pilar Candocia, ao portavoz da Plataforma do lixo Manuel Lens e a outros 2 veciños. A ver como é posible que os veciños ocasionaran uns altercados que ninguén denunciou e ninguén viu salvo un axente da orde. Os traballos da comisión deberán estar rematados o 20 de xullo.

Outro dos puntos fortes foi a Moción a favor do mantemento das escolas unitarias de Covas e Agrón, subscrita e aprobada de forma unánime a iniciativa da súa comunidade educativa presente no Pleno, en especial as nais e pais afectadas polo peche fantasma. Pilar Candocia fixo unha emotiva defensa centrada no modelo deste tipo de escolas, que debe ser potenciado con novos servizos que atraian un maior número de alumnado, evitando ademais calquera tentativa de peche. Candocia deixou en evidencia que o PP tiña toda a intención de pechalas pero unha vez que as familias lle plantaron cara volveronse atrás. En todo caso hai que congratularse do apoio unánime ás escolas e ao modelo, e estar atentos para que non volvan intentar acabar con este ben público de Ames.

Onte inauguramos tamén a sección EU PARTICIPO… no Pleno de Ames, a través da cal as nosas concelleiras e concelleiro trasladan ao Pleno os rogos e preguntas da veciñanza. Dado que o goberno non dá curso ao Regulamento de participación cidadá, Ames Novo activa unha f´0rmula que permita a participación directa da xente a través das redes sociais. Comezamos cunha pregunta sobre o uso de herbicidas. Outra sobre a inclusión dos maiores de idade sen ingresos na unidade familiar a efectos dos beneficios dos bonos familiares nos servizos municipais. Tamén propuxemos o establecemento dunha xornada de portas abertas do Instituto do Milladoiro para que a comunidade educativa que tanto loitou por este servizo poda velo directamente e celebralo, en vez de facelo con Núñez Feijóo de forma clandestina.

En fin, o goberno quedou en evidencia, un goberno que volve estar cargado de soberbia. O PP ten 5 concelleiros sen ningunha iniciativa, sen ningunha influencia en ningún sitio, que vive de costas á xente e á realidade e resulta que volve a presumir… de que?. Anxo Doval pediu outra vez a súa dimisión do grupo de goberno pola súa ineptitude e incapacidade para pilotar este gran barco que é o Concello de Ames, poñendo varios exemplos do propio día.

Somos o concello demograficamente máis dinámico de Galicia e tamén con grande vitalidade civil como se demostrou nas propias iniciativas do Pleno, pero temos o alcalde e o goberno máis parado. Eses parados que o PP despreza, vai ser o destino certo dun alcalde que vai contando cara a atrás os días que lle faltan para deixar o cargo.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *