ATENDE

Un paso adiante, Galiza!

By on julio 24, 2013

Ames sempre Galicia foi o lema que durante anos simbolizou ao noso Concello o 25 de xullo. Bandeiras galegas con esta lenda eran situadas en público con orgullo, nas casas, nas fiestras e nos corazóns para celebrar o día que nos une como pobo. Ames é un lugar de encontro, feito por xentes procedentes de lugares diversos, moitas co arraigo de séculos de xeracións amesás, outras moitas chegadas de todos os lugares do país e outras máis de diversas partes do mundo, xentes nacidas noutras terras que elixiron Ames como lugar onde asentar a vida e os soños para prosperar no futuro. Nun fogar de Ames viviu Rosalía e creouse o Seminario de Estudos Galegos, pero sabemos que nos queda moito que achegar a esta vella nación, porque somos o municipio coa demografía máis nova e un dos de maior vitalidade cidadá. En Ames hai nenas e nenos, e moita vida.

 

Ames Novo sempre comprendeu a celebración do día nacional de Galiza, o día da Patria, como un momento de encontro de todas as mulleres e homes que nos identificamos con este país que levantamos todos os días entre todos e todas. Do mesmo xeito Ames Novo entende que debemos converter o 25 de xullo nun tempo de encontro de todas as persoas que queiran facer de Galiza un suxeito político libre para determinar o seu futuro democrático, unha sociedade próspera, unha nación de cidadáns e cidadás libres.

 

O gran poeta Xosé María Díaz Castro, a quen lle dedicarán o Día das Letras en 2014, dicía no famoso poema Penélope:

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,

i a tea dos teus sonos non se move.”

 

O certo é que ás veces semella que non avanzamos, que non avanzamos como país e moito menos nas ferramentas políticas que fagan posible que a nosa terra sexa nosa e que o pobo poida ser que máis ordena. Son tempos adversos, de grandes agresións á maioría social e a todo o que significa público e común, por iso mesmo deberan ser tempos de encontro no plano político, de unión do diverso e do plural tal é como demanda a cidadanía comprometida co país e co pobo. A celebración do 25 de xullo era unha oportunidade para demostrar que sabemos convivir e traballar en común desde a pluralidade. Polo momento os cálculos estreitos non permiten avanzar no que nos está demandando boa parte da sociedade, un paso adiante e outro atrás, Galiza. Os símbolos son importantes pero máis importante é o día a día. Ames Novo sempre vai traballar ombro con ombro con quen queira erguer unha alternativa de esquerda comprometida co país, sabemos, como Castelao, que hai sitio para todos e todas. Porque hai que pararlle os pés aos que queren acabar con todo, pero debemos facelo desde a cooperación, desde o encontro de soños, de intelixencias e do traballo diario, facendo en común coa xente, porque a política pode ser outra cousa. Viva Galiza, viva o pobo galego. Un paso adiante, Galiza!

 

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *