ATENDE

Queda en evidencia o intento de criminalizar a protesta do rural: provocación do alcalde, altercados inexistentes, civismo d@s veciñ@s

By on agosto 7, 2013

Recollemos as Conclusións ditaminadas favorablemente pola Comisión de investigación, podes descargar o Informe completo.

REIVINDICAR O XUSTO NON É UN DELITO.

A Comisión de Investigación do Concello de Ames sobre as sancións feitas a 4 veciñ@s -entre eles un dos portavoces da Plataforma do Lixo e Pilar Candocia- pola subdelegación do goberno en relación coas mobilizacións do lixo. Nas conclusións queda claro que non houbo tales altercados, que as mobilizacións foron completamente cívicas, e que o alcalde foi o principal provocador do conflito ao pechar as portas e deixar pasar aos seus adeptos ante a indignación de tod@s os presentes. As persoas denunciadas non tiveron ningunha responsabilidade nuns altercados inexistentes. A directriz do PP de criminalizar calquera protesta contra as súas políticas regresivas busca converter reivindicacións xustas de cidadáns indignados en alborotadores violentos. Calquera persoa que asistise a eses plenos sabe que é ridículo considerar aos manifestantes como xente conflitiva, e tamén sabemos que é PP quen está detrás das forzas de seguridade cidadá desenvolvendo unha estrataxema para converter un problema social nun conflito de orde pública.

Estaremos atent@s para facer valer as nosas liberdades e dereitos democráticos, non permitiremos que nos asoballen.

Recollemos o texto completo das:

CONCLUSIÓNS DA COMISIÓN DE INFORMACIÓN DELEGADA DO PLENO DO CONCELLO DE AMES SOBRE OS FEITOS ACONTECIDOS NOS PLENOS DE SETEMBRO E NOVEMBRO DE 2012 QUE DERON LUGAR A SANCIÓNS A CATRO CIDADÁNS POR PARTE DA SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO

 

Esta Comisión entende que os feitos imputados ás 4 persoas sancionadas foron efectuados dentro dos límites da liberdade de expresión que ampara a Constitución, e no contexto que calquera outra persoa das que se encontraban no Pleno ou na súa entrada efectuou eses días sen que debera derivarse, porque non había lugar, ningún tipo de sanción.

Os feitos acontecen dentro ou as portas do Concello durante a celebración dos plenos dos meses de setembro e novembro, en sendas concentracións convocadas pola Plataforma do Lixo coma na maioría dos celebrados desde o pasado mes de xuño de 2012 ate o mes de decembro do mesmo ano, en demanda dunha solución ao cobro retroactivo e tamén de diálogo por parte do alcalde, tanto coa Plataforma como cos grupos da oposición, pola súa negativa a dialogar e a crear unha mesa de negociación, solicitada no Pleno Extraordinario do 13 de Decembro de 2012. En ningún deles a presenza masiva de xente nas dependencias nas que se celebraban os plenos, que desbordaban con moito o aforo, tanto da Casa do Concello coma da Casa da Cultura derivara en ningún tipo de incidente durante a súa celebración. Como xa ten manifestado o Pleno do Concello na moción aprobada no mes de febreiro, a decisión de impedir a entrada aos veciños/as ao Pleno coa desculpa do aforo do salón, amparándose nun informe técnico para desculpar esa acción totalmente política, é responsabilidade do Alcalde, cando ata esa data entraban un número maior de veciños/as, pero quedaban fóra moitos conscientes do aforo reducido do salón de plenos. Isto, xunto co peche das portas de acceso e o observar como estaban entrando veciños/as por unha porta lateral, levou a un “cabreo” excepcional que ao final non tivo consecuencias nefastas gracias a responsabilidade dos asistentes. Este abuso de poder por parte de quen limita os dereitos de uns mentres favorece os de outros fixo que aumentaran os berros dos que estaban fora, e só ese aumento de tensión e da petición do dereito a entrar non se pode considerar delito nin merecedor de sancións, pois iso é o que se constata do relato dos feitos das persoas comparecentes.

As expresións de que o Concello é a casa de todos e toda cidadanía ten dereito a entrar foron repetidamente efectuadas no Pleno de Setembro, mesmo polos concelleiros e concelleiras, como se pode comprobar na gravación sonora do Pleno. Consideramos que en ningún caso se pode considerar un delito (xa que é sancionado) que 1 persoa diga o mesmo que varias ducias, e que diso se derive que 10 ou 12 (feito constatado nas declaracións) que estaban dicindo o mesmo desde afora entren no Concello. Un Concello que xa estaba cheo mesmo polas escaleiras que entraron sen ningún problema, non se colapsou pois pola entrada de 10 ou 12 persoas. Actuación correcta pois a da policía municipal que en ningún momento tivo que identificar a ningunha persoa, nin sequera ao sancionado, foi éste quen, xa pasada máis de unha hora de rematado o pleno, se identificou para que puideran dicirlle ao alcalde quen fora a persoa que lles pedira que deixaran entrar á xente. A única actuación fora de contexto foi a de quen decidiu cortar o acceso ao Concello, en calquera circunstancia, pero moito máis sen comprobar canta máis xente quería entrar.

En cánto ao Pleno de novembro, dúas circunstancias se intentan dilucidar, si houbo un intento masivo de entrada no Concello, dos que serían os máximos instigadores Pilar Candocia e Manuel Bello, e si houbo unha agresión a un Concelleiro do que a subdelegación fai responsable á Plataforma na persoa de quen solicitou a autorización para a concentración, Manuel Lens.

En canto ao primeiro, polas declaracións constátase, que ese intento en ningún caso se produce desde que os Concelleiros de Ames Novo baixan do Pleno, nada máis comezado este, polo que Pilar Candocia non pode ser a incitadora dese suposto intento de entrada masiva, obxecto da denuncia e recollido no informe policial. As declaracións dos presentes por fora da porta, son coincidentes en que en absoluto houbo ese intento de entrada, e do visionado dos vídeos de La Voz e El Correo, nos que segundo se sinala nunha declaración se ve ese intento, só se observa unha concentración pacífica de xente reclamando a berros o seu dereito a entrar e uns concelleiros intentando saír pacificamente. O único momento dun pequeno forcexeo é cando ao intento da policía local de empuxar hacia afora aos concelleiros de Ames Novo para liberar a porta pilla tamén ao primeiro manifestante, Manuel Bello, e éste se rebota encarándose. Hai que subliñar que o informe da Policía Local prodúcese case meses despois dos feitos a petición da subdelegación do goberno, logo de denuncia posta pola garda civil, sen que a esta comisión lle conste ningún informe no día dos feitos.

Esta Comisión entende que só unha percepción polos continuos berros de querer entrar e o ambiente que se está instalando nas forzas de seguridade de intentar cortar de raíz calquera atisbo de conflitividade social pode dar lugar a ver un intento de entrada nunha presenza rexa e pacífica.

En canto ao segundo, o propio concelleiro implicado manifesta que , se ben sentiu algo que lle tocaba no lateral da perna, en ningún caso, pode afirmar que foi unha agresión. Recordar que era un día chuvioso, que moitas persoas andaban con paraugas, que a xente estaba moi apelotonada nas escaleiras, mesmo resgardándose do tempo, e calquera puido impactar con el. Chama a atención que esa persoa fora identificada, segundo a manifestación do responsable da policía, e non sancionada e, en cambio se o fora o convocante por non adoptar a medida de nomear persoas responsables da seguridade, o que, si ven foi así desde o punto de vista formal , os membros da Plataforma manifestan que os asistentes ás súas reunións, tiñan a encomenda de estar vixiantes para que non se producira nada fora da lei. Ningunha razón pois para sancionar a Manuel Lens.

Mención aparte merece o acontecido coa Concelleira Pilar Candocia. Nas causas para a súa sanción se menciona que se dirixiu aos presentes mesmo co uso dunha megafonía, na que mentou á garda civil, instigándoos a entrar. Polas manifestacións queda constatado que Pilar Candocia, cando baixou, logo de acordar coa policía municipal que tiña que volver a entrar pois deixara as súas pertenzas no despacho saíu e explicou aos máis cercanos que o seu grupo abandonara o pleno e berrou os mesmos berros que o resto dos manifestantes, foi cando entrou a coller as súas pertenzas, e xa de novo dentro do concello, cando foi identificada pola garda civil, despois de manifestarlle a súa condición de concelleira. Polo tanto esa identificación non se produce por instigar a entrar, nin por coller a megafonía, nin por mentar á garda civil, circunstancias que sí se dan na súa segunda saída ( o da garda civil foi simplemente mentar que a identificaran). Queda tamén constatado que ao baixar do pleno un dos gardas civís manifestou esa é a do Bloque, esa é a instigadora, pouco despois e antes de lanzar ningún alegato pola megafonía é identificada.

Estes son os feitos comprobados por esta Comisión. Deles só se pode concluír que a xente manifestou pacificamente o seu parecer sobre un conflito que leva varios meses instalado na sociedade amiense, e que en ningún momento, por parte dos sancionados , se produciron con condutas fora dos cauces cívicos e de liberdade de expresión.

 

CONCLUSIÓNS:

  • As forzas de seguridade actuaron conforme ás ordes do alcalde, cumprindo coas súas obrigas. Ordes desacertadas e tomadas de forma unilateral e como máximo responsable da seguridade do Concello de Ames.

  • Foi un erro que o alcalde dera a orde de impedir a entrada ao salón de plenos da casa do concello e que pechara a porta da entrada, cando en ocasións anteriores e posteriores o salón de plenos tivo unha concorrencia moi superior ao seu aforo sen que se producira ningún altercado ou situación extraordinaria

  • Sen xustificar as increpacións e as frases que puideran ser inapropiadas que se dixeran por parte dos asistentes ou de membros da oposición aos membros do goberno nese momento, consideramos que tales berros se inscriben en momentos de tensión xerados pola decisión do alcalde, que de algún xeito se puido interpretar como unha provocación e falta de respecto, provocando un recrudecemento das protestas.

  • Esta Comisión asume que a exposición de motivos e os acordos recollidos na moción aprobada no mes de febreiro axústanse ao que realmente aconteceu, e que o alcalde non soubo xestionar de forma correcta o acontecido nos plenos de setembro e novembro de 2012.

  • Consideramos que o acontecido neses plenos e que foi obxecto de sanción pola subdelegación do goberno inscríbese no dereito á liberdade de expresión e manifestación da cidadanía e polo tanto no parece procedente ás sancións impostas aos veciños, tal e como xa manifestou o pleno na moción aprobada no mes de febreiro.

  • A decisión do alcalde de utilizar ás forzas de seguridade para transformar o que fora un problema social e político nun problema de orde pública creando tensión e confrontación, buscando converter a cidadáns que demandan os seus dereitos de forma cívica en alborotadores e delincuentes é mais que criticable por criminalizar os movementos de cidadáns que reivindican o que consideran xusto, moito máis o é, que despois de provocar se busquen argumentos para sancionar onde non existen.

 

RECOMENDACIÓNS

  • Establecer os medios para que todos aqueles que queiran seguir un pleno o poidan facer

  • As decisións relativas a feitos acontecidos por decisións do alcalde ou durante a decisión de órganos colexiados deben ser postas en coñecemento do alcalde antes de ningún tipo de tramitación.

  • Ao igual que na moción aprobada no mes de febreiro o alcalde debería levar a cabo as xestións necesarias diante da Subdelegación do goberno para que esta deixe sen efecto as sancións impostas.

  • No suposto que a Subdelegación non deixe sen efecto estas sancións o Concello debería asumir a defensa xurídica dos afectados, no caso de que estes decidan acudir á vía xudicial, dado que se producen como consecuencia das decisións da propia alcaldía.

 

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *