ATENDE

Abandono do espazo público: o goberno do PP só actúa ante as denuncias públicas

By on agosto 21, 2013

(21.08.2013) Logo do escrito rexistrado por Ames Novo e a denuncia pública o lixo desapareceu do vertedeiro incontrolado no centro de Bertamiráns. Despois dunha semana o goberno do PP só actuou cando saíu nos medios, o que demostra o abandono do espazo público.

Os feitos: Ames Novo detectou o vertido no centro de Bertamiráns o 14 de agosto, e agardamos a que os responsables procedesen a retirar o vertido ou que o Concello actuase en consecuencia. Onte 20 de agosto vendo que a situación continuaba igual rexistramos un escrito denunciando o vertedoiro incontrolado e instando a actuar ao Concello, ao tempo que fixemos pública a denuncia. Hoxe 21 de agosto, unha vez que a denuncia saíu nos medios, o lixo foi recollido.

O noso grupo ten denunciado en numerosas ocasións o abandono do espazo público municipal, lixo nos parques, falta de limpeza, baldosas rotas en todas as beirarrúas, etc. Tal e como xa sucedera en abril deste ano coa denuncia doutro vertedoiro incontrolado, o goberno do PP só actúa cando interveñen as forzas da oposición e a golpe de denuncia nos medios. O goberno mostra de novo a súa desidia ante o abandono das rúas e prazas de Ames, non é capaz de actuar ante o deterioro palpable do espazo público. En palabras da portavoz, Pilar Candocia: «de novo o goberno demostra que non está á altura do cargo nin da cidadanía de Ames: o lixo estivo unha semana tirado nun céntrico lugar de Bertamiráns e en terreo municipal, só cando Ames Novo o denunciou e saíu nos medios o PP reacciona, non veo o deterioro nin fan caso das queixas dos veciños. Temos un goberno incapaz, se non dan que dimitan».

Ames Novo vai continuar cumprindo coa súa responsabilidade no referente ao coidado do espazo público, que debemos atender entre todos e todas pero o goberno ten que dar exemplo, preservar e vixiar o mantemento dun espazo limpo e agradable. Como noutras ocasións alentamos á cidadanía para que se corresponsabilice do que é de todos e denuncie situacións como esta, Ames Novo pon a disposición de toda a xente de Ames o apartado de foto e videodenuncia do portal http://prazadeames.com/ para divulgar e procurar a solución destas situacións.

Neste caso concreto Ames Novo tamén demandou que ese espazo e esa vivenda fosen aproveitados para o uso de algún servizo público municipal. Dispón dunha situación estupenda para diversas utilidades en Bertamiráns, o que ademais de aproveitarse para a uso da cidadanía e do Concello garantiría o seu coidado e a mellora da calidade urbana de todo ese entorno.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.