ATENDE

Pechado por incomppetencia

By on septiembre 2, 2013

 (30.08.2013) A crónica do Pleno de agosto mostra a incapacidade do goberno que provoca a inactividade municipal. O PP non fai nin permite que se faga, o goberno carece de iniciativa como se pode apreciar na falta de contidos do Pleno e desalenta ademais a actividade da sociedade civil.

Retomamos o curso escolar no Pleno de agosto. Volvemos co goberno repetindo curso despois de suspender todas as materias do ano anterior. O problema xa non é ser máis ou menos espabilado, o problema é a desidia, a falta de proxecto e de impulso, carecer dun equipo capaz e non falar coa xente. O mes de agosto é a mellor mostra de que non temos un goberno, e temos certeza de que nos agardan case dous anos de NADA.

Porque iso foi o que aconteceu neste Pleno, o goberno do PP non propuxo nada. Os dous únicos puntos foron: un a fixación dos festivos locais do 2014, que se aprobou como en anos anteriores: a Ascensión 29 de maio, e o San Xoán 24 de xuño; o segundo ten moita máis importancia pero non se debe á acción do goberno, estamos falando da planta potabilizadora de Ames-Brión, onde neste pleno se traía a aprobación a expropiación forzosa dos terreos para iniciar as obras. Este é un proxecto clave que supón un desembolso de máis de seis millóns de euros, que foi iniciado no ano 2008 co goberno anterior e que a estas alturas aínda esta por comezar. As claves deste punto deixounas claras o noso concelleiro Anxo Doval: este goberno (con Argibay e sen Argibay) e o de Carlos Fernández foron incapaces de presentar unha proposta para debater con tempo -e menos consensuada cos veciños-, e agora traen a última hora un solución-ultimatum forzando un apoio obrigado, xa que de non aprobalo agora perderíamos os fondos europeos destinados para a obra -remata o marco financeiro da UE 2007-2013-. A obra xa foi a concurso, resolta e adxudicada á UTE Puentes y Calzadas Infraestructuras SLU & BEFESA Agua SA, e esta agardando polos terreos desde o ano 2010. Ames Novo está de acordo coa obra xa que a considera moi necesaria pero quereriamos dispor de tempo para debater e facer as cousas con criterio e posibilidade de alternativa.

O certo é que neste período houbo unha denuncia xudicial resolta a favor do Concello e agora un cambio de situación que muda os terreos afectados por recomendación técnica Arredor deste punto produciuse un debate entre o voceiro socialista e o alcalde sobre as posibilidades de ter comezado antes co proceso, o PP segue botando a culpa de todos os males ao goberno anterior, e o actual PP ao período anterior no que que Argibay formaba parte do goberno. Ademais retornou a actitude ridícula do PP, en especial da concelleira Eugenia Martín, na que semella que as responsabilidades do goberno Popular comezaron en xaneiro deste ano cando Amor expulsou a Argibay e aos seus do goberno.

Logo nos rogos e preguntas Ames Novo formulou varias cuestións importantes. Pilar Candocia deu conta do clamor cidadá sobre o abandono do espazo público: baldosas levantadas, falta de limpeza, vertedeiros incontrolados… nos propios núcleos como denunciamos en agosto o goberno só actúa como reacción ás denuncias públicas da oposición, de xeito que non se comportan como un goberno nin escoitan as queixas dos veciños.

Anxo Doval interesouse pola non celebración das festas emblemáticas: Milladoiro, San Xoán de Ortoño, Santo Tomé de Ames, criticando a actitude do goberno, a falta de recursos e os problemas burocráticos: prazos que non permiten saber con que cartos contan para a festa, dificultades para a xustificar os gastos, o que supón un auténtico lastre para as comisións de festas que voluntariosamente traballan polo lecer de todos. O goberno non pode quedar parado ante a desaparición das festas, noutros municipios é o propio concello quen organiza as festas. Anxo preguntou cando van saír as axudas para que todas as entidades (festas, culturais, deportivas) podan prever ingresos e programar actividades, e como van apoialos para que non acaben renunciando as axudas.

Noutro exercicio de responsabilidade Anxo Doval criticou a escaseza do servizo bombeiros para dar cobertura a Ames. O Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES, antigos GRUMIR) acaba de comezar o servizo en Brión con 12 efectivos, cando o recomendado é 1 bombeiro por cada 1.000 habitantes. Entre Ames e Brión xa estamos preto da 40.000 habitantes pero en realidade abarcaría toda a comarca de Compostela salvo Santiago, polo que o novo GES situaríase por baixo terceira parte do recomendado. Anxo recordou a responsabilidade municipal neste ámbito e como no caso dunha desgracia o Concello non pode mirar a outro lado. Anxo Doval interesouse tamén pola comisión da auga como no atraso na licitación do subministro e abastecemento de auga vai significar ter que pagar miles de euros por traballos que coas novas bases tería que asumir a empresa.

Pilar Candocia tamén preguntou se se convidara a ANPA de Ventín á visita ás obras do Conselleiro de educación, e Bernardo Moar dixo que se lle pasara, curiosos despistes cando na resposta de Ames Novo o día anterior á visita preguntamos no correo se estaban “convidados á visita representantes da comunidade educativa do CEP de Ventín, incluída a dirección do centro e a ANPA, entendemos que deberían estar presentes en dita visita para poder falar directamente cos responsables educativos“. Pilar sinalou o contrasentido de apoiar mocións no Pleno como a que avalaba a posición da comunidade de Ventín e logo facer o contrario do que votan.

A voceira de Ames Novo tamén se interesou polas obras nos centros escolares, e deu a voz de alarma de novo sobre o aparcamento do Instituto de Bertamiráns e o CEIP A Maía, no que calquera día vai haber un accidente grave e lamentaremos non telo feito. Interesouse pola situación na que se atopa a proposta de Ames Novo para incluír no abono familiar aos fillos menores de 25 anos sen ingresos, ao que se lle respondeu que seguramente se incorporaría ás novas ordenanzas fiscais para o pleno de setembro ou outubro.

Sen máis asuntos que tratar levántase a sesión ata maio de 2015.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *