ATENDE

O goberno do PP expulsa de Ames unha iniciativa solidaria con relevancia na promoción do comercio

By on septiembre 20, 2013

(19.09.2013) O goberno de Ames non permitiu a celebración no noso concello dunha festa solidaria de Star Wars organizada pola Asociación Xuvenil de Ames. A incapacidade e as estreitas miras do goberno do PP expulsan o activismo xuvenil e as actividades de dinamización do comercio cara os centros comerciais de Santiago. Nin fan nin deixan facer.

En xuño de 2013 a Asociación Xuvenil de Ames (AXA) solicitaba a colaboración do Concello de Ames para a realización dun acto solidario e cultural de gran dimensión no municipio, o acto estaba programado para o 20 de xullo e o goberno Popular negoulle a colaboración. Logo desta negativa a AXA, unha das poucas asociacións xuvenís de Ames, procedeu simplemente a solicitar un recinto público para realizar o evento -mesmo algún aparcadoiro-, no que ao Concello só lle correspondería a autorización do acto e a seguridade pública, e nin sequera demandaban axuda económica municipal. O goberno de Santiago Amor non deu resposta o que provocou que esta Asociación de Ames se vise obrigada a organizar o acto nunha área comercial de Santiago, que tivo lugar a fin de semana pasada.

O acto consistía nunha gran festa solidaria en Bertamiráns das tropas Korriban, de xeito que a xente de toda Galicia estaría caracterizada ao modo da Guerra das galaxias desenvolvendo actividades lúdicas, desfiles, xogos, sesións fotográficas, etc, a festa tiña un obxectivo solidario que incluía a recollida de alimentos para entidades sociais. O valor deste evento atende tanto ao seu carácter social e solidario, como a súa importancia social, cultural e de dinamización da xente nova, pero ademais tratábase dun evento que lle daba vida á localidade de grande proxección para promover o comercio, en especial da hostalaría, xa que no acto participaría xente de toda Galicia e moitos visitantes da zona. É dicir, trataríase dun evento atractor de xente da contorna e un dinamizador da vida local con alta repercusión económica como ben comprendeu o centro comercial que vai albergar o evento. Todo isto sen solicitar apoio económico por parte do organizadores.

A xuízo de Ames Novo esta actuación do goberno do PP mostra de forma clara a maneira de gobernar. Primeiro, unha completa desconsideración a unha das poucas asociacións xuvenís de Ames, e con ela un desprezo á xuventude e a sociedade civil. Segundo, unha concepción do goberno como administrador do espazo público segundo o seu interese, sen comprender que a vida de rúas e prazas é un dereito de toda a cidadanía. Terceiro, nun momento de tanta necesidade as entidades sociais están demandando axuda actos como este significan cubrir necesidades e crean conciencia. Cuarto, nunha época tan escasa de actividade social e cultural municipal rexeita esta interesante iniciativa de lecer familiar e xuvenil con proxección exterior. Quinto, este tipo de eventos son dinamizadores da actividade económica local, en especial do comercio e da hostalaría, tanto polo movemento económico inmediato da propia xornada -que podería consolidarse como evento anual-, que podería conectarse con accións de promoción do comercio de cara á fidelización de visitantes.

O Goberno do PP despreza a iniciativa da sociedade porque non é capaz que comprendela. O goberno de Ames non só carece de pulso para dinamizar a vida social e económica local senón que frustra os intentos da xente que está achegando máis vida a Ames. Coa crise que vivimos é unha non podemos deixar escapar iniciativas como esta, relevantes no campo da solidariedade, da implicación sociocultural e de dinamización económica. Isto xa vai máis alá da falta de miras, é un continuo darlle para atrás ou expulsar á unha sociedade que entrega o seu tempo, as súas ideas e o seu esforzo por Ames. Porque o PP desincentiva e acaba coa moral das asociacións, a actitude do goberno quítalle a ilusión a esta valiosa xente voluntaria forzando que marchen para casa ou procedan ao exilio civil cara outros lugares onde aprecian a oportunidade desta potencia social. Xa denunciamos a falta de axuda ás asociacións culturais, ás comisións de festas, aos clubs deportivos, agora tócalle aos eventos xuvenís de transcendencia máis alá de Ames. Xa sabiamos que o PP vai moito por tras da sociedade de Ames, pero agora nin sequera permiten que a sociedade avance, son un tapón, un elemento de bloqueo da sociedade amesá.

Este goberno é unha auténtica desgracia para as/os cidadás/ns, para as súas asociacións, así como para o comercio e o emprego local. Parafraseando a Star Wars: a forza non nos acompaña en Ames porque temos un goberno inútil que ademais impide que se desenvolvan as iniciativas propias da sociedade civil. Non fan nin deixan facer. Obrigan a emigrar a unha iniciativa con potencialidade social e económica para Ames por incapaces.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *