ATENDE

Ames Novo propón evitar o ‘repago’ dos medicamentos dos enfermos graves ou crónicos

By on octubre 22, 2013

Ames (21-10-2013) Ames Novo presentou unha moción para evitar que os enfermos teñan que asumir o ‘repago’ dos medicamentos da farmacia hospitalaria, facendo propia unha iniciativa de Compromiso por Galicia. O obxectivo é presionar ao goberno central para que retire esta medida e ao goberno galego para que non a aplique; en todo caso Ames Novo propón que o Concello se faga cargo do pago correspondente a estes enfermos garantindo así o dereito á saúde para a veciñanza de Ames e neutralizando o efecto desta medida antisocial.

Ames Novo faise eco dunha demanda social masiva e súmase á marea que cívica e política para botar abaixo esta brutal medida que obriga ás persoas con enfermidades graves ou crónicas a pagar unha parte dos seus medicamentos, ata agora cubertos polo sistema público. O Partido Popular continúa coas súas políticas de desmantelamento do Estado do Benestar vulnerando o dereito á saúde recoñecido na Constitución. Neste caso alcanza un grao de insensibilidade extrema ao deixar desamparados a enfermos graves e crónicos, nalgúns casos terminais, e moitos deles nunha situación de enorme vulnerabilidade social -xente maior, enferma ou sen recursos-, o que rompe coa igualdade no acceso á sanidade e mostra o rostro máis inhumano dos gobernante Populares.

Esta resolución aprobada polo Ministerio de Sanidade en setembro deste ano afecta a arredor de 50 medicamentos para tratar ou previr diferentes cancros e outras enfermidades graves, todos eles administrados baixo prescrición médica. Nesta ruindade tamén colabora o goberno da Xunta que xa asumiu a súa aplicación cando outras autonomías do PP non o van facer. Recordamos que son medicamentos que están suxeitos a prescrición médica e que a estimación de aforro no gasto de farmacia hospitalaria é mínima, como xa recoñeceu o presidente da Xunta. Mínimas para a administración pero que para moitas persoas enfermas van ter que decidir se tomar ou non estes medicamentos prescritos e básicos para a súa vida ante a imposibilidade de pagalos.

Ademais das Comunidades Autónomas que se negaron a aplicar esta medida, hai concellos que tomaron a iniciativa para asumir o custo para dar cobertura aos seus enfermos, como por exemplo Pol, Riotorto ou Brión, e prevén aplicar unha medida similar outros como Vimianzo, Monforte e Teo. Neste sentido Ames Novo presentou a moción instando ao goberno central para que derrogue esta medida e ao goberno da Xunta para que non a aplique. Pero tamén para que no caso de non paralizarse o Concello de Ames asuma a súa responsabilidade e se comprometa co/as enfermo/as graves ou crónicos afectados habilitando un fondo económico de emerxencia para asumir o custe dos medicamentos dos nosos cidadáns. Loitaremos con toda a nosa forza para manter o Estado do benestar e o sistema público de saúde e farmacia, e non deixar abandonadas as persoas vulnerables cando máis o necesitan.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *