ATENDE

Ames Novo, o novo impulso dunha iniciativa cidadá

By on mayo 25, 2012

Onte xoves á noite, no Pazo da Peregrina, tivo lugar o acto constituínte de Ames Novo. Neste encontro participaron arredor de 100 persoas, xentes moi plurais da sociedade amesá, persoas significativas do ámbito educativo, do deporte, do comercio, da cultura ou das asociacións de veciños, ademais de algúns convidados de municipios próximos.

O acto comezou coa intervención de Henrique Monteagudo, portavoz de Ames Novo, e Pilar Candocia voceira municipal. Logo abriuse un interesante debate entre persoas diversas da cidadanía amesá, contou tamén coa achega de xente coñecida como Martiño Noriega, alcalde de Teo ou Manolo Portas, quen foi concelleiro en Santiago e veciño de Ames. O encontro desenvolveuse no exterior do Pazo como un diálogo nun espazo público aberto, unha demostración desa nova cultura de facer política de Ames Novo, unha iniciativa cidadá na que ten cabida moita xente que non atopa vía nos partidos políticos tradicionais.

Ames Novo leva actuando politicamente de forma autónoma desde hai tempo, e o seu grupo municipal, Anxo Doval, Susana Mayo e Olalla Alvite xunto a súa portavoz, Pilar Candocia, son o principal motor do Concello, ben coas súas iniciativas, ben coas propostas alternativas aos recortes e retrocesos do Partido Popular. Este acto tamén valeu para vincular a Ames Novo coa proposta que está nacendo nas coordenadas do galeguismo/nacionalismo e do progresismo/esquerda, a súa vontade é contribuír a esta alternativa clave para o futuro do país.

En palabras de Pilar Candocia:

Ames Novo é un proxecto de futuro, queremos ser unha ferramenta para o avance da cidadanía amesá. Motívanos mellorar a calidade de vida da xente, promover o benestar, facer que o público xogue un papel principal no avance da sociedade, de todas e todos.”

O acto serviu para recoñecer que Ames Novo é unha forza como moito aval social, con grande simpatía entre a cidadanía, que vai implicando cada vez a máis xente nun novo xeito de colaborar na mellora de Ames. Unha forza próxima, que dialoga coa sociedade, con iniciativa e con moita capacidade impulsar unha alternativa ambiciosa para Ames, pensada para o benestar social e a participación cidadá.

About Admin