ATENDE

Ames Novo propón municipalizar o servizo de augas

By on noviembre 21, 2013

Ames (20-11-2013) Ames Novo propón que o concello asuma a xestión do servizo de abastecemento de augas e saneamento. Na reunión da Comisión municipal xa avanzou aos grupos políticos a súa proposta para que o Concello valore en tres meses as diferentes alternativas para afrontar a situación, e que a opción de Ames Novo é a municipalización do servizo como se está facendo nos concellos máis avanzados.

Diante da declaración deserta da licitación do servizo de Ames Novo entende que Ames debe facer unha aposta estratéxica e asumir a súa responsabilidade municipalizando o servizo. Dado que na actualidade a prorroga obrigatoria é por un ano -ata setembro de 2014-, o noso grupo propón que se estableza un calendario para que en tres meses o Pleno do Concello poida decidir sobre o futuro do servizo avaliando as diferentes alternativas para a súa xestión. Ames Novo xa anunciou que a súa proposta será municipalizar o servizo tanto pola mellora do servizo e o posible aforro como pola oportunidade para evitar a presión das empresas e eliminar calquera sospeita sobre o proceso e o desenvolvemento do servizo.

As razóns da xestión pública do servizo

A municipalización sería unha medida de mellora do servizo, de aforro, eficiente e sustentable e socialmente máis xusta. A xestión pública permitiría un aforro para o Concello e para os usuarios, conclusión á que están chegando moitos concellos Europa -o exemplo paradigmático sería París-, varios da área urbana de Barcelona, e tamén de xeito máis próximo Arteixo acaba de facelo recentemente. O servizo público tamén permite concibir o ciclo da auga desde a perspectiva da sustentabilidade na procura do aforro, de optimizar o consumo, da eficiencia da rede e cun saneamento responsable co medio natural reutilizando residuais ou boas prácticas na depuración. Ademais permitiría establecer formas de pago premiando o baixo consumo ou eximir do pago por motivos sociais.

Existe un motivo tamén de oportunidade para garantir a primacía do público e a limpeza do servizo. Prevención dado o coñecemento de diversos casos de corrupción política en relación coa xestión destes servizos noutros concellos, onde a súa concesión e desenvolvemento estiveron asociados con favores a responsables políticos. Por outra banda para evitar a prepotencia na actuación de empresas coñecedoras do seu carácter de monopolio e a suposta necesidade que o concello tería de contar con elas, esta circunstancia facía que non fose real libre concorrencia e iso foi o que motivou a súa decleración deserta. Non estamos insinuando nada, pero por precaución e responsabilidade o Concello de Ames debe rescatar a xestión do servizo de auga, para evitar males maiores.

Un proceso mal xestionado e con demasiados intereses

No mes de febreiro deste ano o goberno de Ames convocou aos grupos municipais a constituir unha comsión para intentar consensuar os pregos de condicións do contrato administrativo e técnico para a xestión integral do ciclo da auga (suministro e saneamento). O contrato coa actual empresa (Espina&Delfin), espiraba a finais do mes de setembro, polo que tiña urxencia que a convocatoria saise canto antes. A situación de partida era a seguinte: co contrato vixente, Espina&Delfin tiña máis ben poucas obrigas a respecto das redes, co que estaba continuamente a facturar ao Concello por calquera obra, polo que canto máis se alongara a situación mellor para a empresa. O prego proposto era moito máis esixente e ademais establecía un importante canon de 4 millóns de euros que a empresa tiña que achegar nos primeiros meses da concesión, o que, evidentemente, era beneficioso para o Concello.

Ante esa premura, Ames Novo optou por facer achegas en múltiples sentidos: para mellorar a calidade do servizo, a transparencia da concesión e da xestión, na xestión dos cobros, na reversión dos beneficios da empresa á sociedade vía aportacións a entidades sociais, en desvincular o cobro do lixo desta empresa, en limitar os seus beneficios nos propios pregos. Agás na desvinculación do cobro do lixo o resto foi atendido en boa medida. Ao considerar as enormes perdas que o concello estaba sufrindo -pola ineptitude do goberno do PP desde o comezo do mandato-, optamos por apoiar o prego que estaba bendicido por todos os informes técnicos, e presionar para que o concurso saíse canto antes. Cada mes de retraso eran moitos miles de euros perdidos.

Consideramos que a actual empresa concesionaria dispón dunha posición de monopolio na práctica, dada a debilidade da súa inmediata competidora -que imposibilitaría asumir varios termos do contrato- e pretende impoñer as súas condicións ao Concello. A ausencia de ofertas no concurso, ao noso entender, non ten outra xustificación que Espina&Delfin impoña a súa lei, non tendo que comprometerse aos investimentos na modernización e ampliación da rede que o concurso impoñía e, por suposto, a pagar dito canon. Non podemos permitir que un mercado adulterado por monopolístico impoña a súa lei nun servizo básico

Agora temos tempo ata setembro do ano que ven, xa que o contrato anterior obrigaba a unha prorroga dun ano no caso de que outra empresa non se fixese cargo do servizo. O Concello de Ames non debe amedrentarse ante esta situación e claudicar ante a empresa, debe darse un prazo de 3 meses para avaliar as diversas opcións e decidir con fundamento e visión de futuro, pensando a solución na clave do beneficio público e da sustentabilidade. Convidamos a todas as forzas políticas municipaisa abordar esta decisión tan transcendente con responsabilidade e valorando seriamente as diversas opcións para municipalizar o servizo, camiño que están percorrendo moitos concellos en Europa.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *