ATENDE

RENDA BÁSICA UNIVERSAL: UNHA UTOPÍA NECESARIA

By on diciembre 18, 2013

Artigo de Quico Lorenzo Penela

Que é a Renda Básica Universal.

Trátase dun ingreso pagado polo Estado, como dereito de cidadanía, a cada membro de pleno dereito ou persoa residente da sociedade, independentemente de cales poidan ser as outras posíbeis fontes de renda, e sen importar con quen conviva.

O importe da Renda Básica deberá ser o mínimo para garantir o dereito a unha vida digna, e impedir que calquera cidadán poida entrar no “umbral da pobreza”.

 

Porqué unha Renda Básica Universal.

Asistimos a unha etapa de meirande concentración dos recursos económicos e aumento das desigualdades.

As teorías anticuadas do “trickle-down”, segundo a cal a concentración de riqueza, producida polo conxunto da sociedade, nunhas cantas mans tería un efecto goteo sobre o resto da poboación, demostráronse hoxe unha autentica falacia.

É crecente a coincidencia dende distintas sensibilidades sociais, na formulación de correccións a esta economía da exclusión e da iniquidade, que “considera ao ser humano como un ben de consumo de usar e tirar” unha economía que mata, en palabras do propio Papa Francisco. Na súa recente exhortación apostólica afirma tallantemente esta opinión e indica que a confianza na comunicación natural da riqueza “expresa unha confianza burda e inxenua na bondade de quen detentan o poder económico e nos mecanismos sacralizados do sistema económico imperante” e denuncia que “este desequilibrio provén de ideoloxías que defenden a autonomía absoluta dos mercados e a especulación financeira. De aí que neguen o control dos Estados encargados de velar polo ben común”. Evangelii Gaudium. Parágrafos 53 a 58. http://www.aciprensa.com/Docum/evangeliigaudium.pdf

“¡O diñeiro debe servir e non gobernar!”. Pois ben, é crecente o clamor maioritario de que é necesario buscar mecanismos redistributivos da riqueza en defensa do ben común e da inclusión de toda a poboación.

Pero a necesidade da Renda Básica Universal non é só unha obriga ética, é tamén unha necesidade diante dun novo modo de produción que despreza o valor das persoas.

Unha economía cada vez máis especulativa, xunto co desenvolvemento da tecnoloxía e a súa aplicación á produción de bens e servizos, conleva a que a substitución de man de obra humana por elementos tecnolóxicos, como proceso continúo e imparábel, determinará un decrecemento da demanda de traballo asalariado, e o disparo dos índices de desemprego.

José Luís Pérez Rey. La renta básica, la fuerza de trabajo y la crisis. http://www.pensamientopolitico.org/Descargas/RIPP06241260.PDF

 RendaBasicaDereitoHumanoAo tempo, o esgotamento dos recursos naturais do planeta contribuirá á perda do valor do factor traballo, para compensar os gastos medioambientais que, cada vez máis, terán que asumirse coma custes de produción ou comercialización.

A depreciación do emprego neste novo modelo implica a necesidade de contar con “exércitos de reserva de man de obra”, de persoas forzadas a vender o único ben que posúen, a forza de traballo, en condicións cada vez máis degradada

A única posibilidade de manter uns niveis de dignidade neste novo modelo emerxente será aumentar a capacidade de negociación das persoas fronte a un “mercado laboral” cada vez máis depredador: isto é, manter a capacidade de sobrevivir por riba da pobreza sen necesidade de aceptar calquera tipo de “oferta” laboral. Non nos enganemos está xa é, e será cada vez máis, a situación da maioría da poboación, e non só das persoas “excluídas”. Cada vez máis a estratexia das novas “empresas” xa non é o beneficio social senón simplemente as “oferta de traballo”, sexan cómo e onde sexan, hai que aceptar calquera cousa polo simple feito de xerar traballo.

Ao mesmo tempo a capacidade de emprendemento das persoas individualmente ou de xeito agrupado vese tremendamente limitada polas necesidades inmediatas e perda crecente de tempo “libre”.

A redistribución dos recursos suporá, tamén, a circulación deses cartos en “mans mortas” destinados á evasión e especulación.

Deste xeito ninguén se verá forzado a admitir empregos precarizados, ao tempo que se poderán valorar traballos realmente necesarios que hoxe non supoñen ningún recoñecemento económico (coidado de persoas dependentes, desenvolvemento comunitario e do coñecemento,…)

A RB en canto alternativas Plurais

A Renda Básica Universal é formulada, dende xa hai tempo, por posicións ideolóxicas moi diferentes dende posicións da esquerda á dereita. O propio Milton Friedman nos anos 60 xa propoñía un Imposto Negativo sobre a Renda que, tecnicamente, é moi similar á Renda Básica, http://www.youtube.com/watch?v=NzyI0ue2YBw

A tradicional, e crecente, defensa da idea dunha Renda Básica Universal dende diversas posicións ideolóxicas é un feito positivo. Igual que hoxe está establecido o dereito a vida coma un dereito humano que os diversos réximes políticos deben respectar, o dereito a unha Renda Básica Universal deberá recoñecerse coma un novo dereito humano. E, para a organización posterior da sociedade, evidentemente que as diferentes ideoloxías seguirán existindo. Pero será un grande avance conseguir o recoñecemento deste dereito, tan universal coma o dereito ao sufraxio. E, igual que o sufraxio, independente de calquera condición. A Renda Básica Universal será a única garantía mínima para axudar a unha persoa a tomar as súas propias decisións.

Dende o noso punto de vista será necesario ademais da renda básica a búsqueda de estratexias de crecemento social no que se valoren contribucións ao benestar da poboación: coidado de dependentes, desenvolvemento comunitario, fomento da cultura, e ao fomento da economía social e cooperativa. Pero isto será parte dun debate posterior:

http://praza.com/opinion/1369/crecemento-emprego-e-renda-basica-incondicional/

 A Renda Básica Universal faría máis equitativo o mercado de emprego ao aumentar a capacidade de negociación das persoas traballadoras.

Ao tempo a posibilidade de non ter que caer na pobreza se non se acepta calquera traballo posibilitará o medre de novas actitudes emprendedoras e comunitarias. Non esquezamos que a capacidade e desexo de traballar, no autentico sentido da palabra, en canto realización das capacidade propias é propia do ser humano é moi anterior á existencia do mercado do traballo. ¿Acaso houbo que esperar á apertura dunha oficina de patentes para inventar a roda?.

A Renda Básica Universal constituirá un estimulo para un meirande crecemento social.

 

Financiamento da Renda Básica Universal

Sobre o tipo de financiamento da Renda Básica Universal hai moitas alternativas posíbeis.

Nun país onde toda a poboación levamos feito moitos sacrificios económicos para enriquecer a unha minoría de financeiros e especuladores, vai sendo hora de pedir que os recursos económicos se adiquen ao ben común.

Recentemente no noso entorno o economista e profesor da Universidade de Barcelona, Daniel Raventós, coordinou un grupo de investigación para propoñer un modelo de financiamento por medio dunha reforma de IRPF e o aforro noutro tipo de prestación inferiores.

http://www.sinpermiso.info/articulos/ficheros/RBnoinerte.pdf

Segundo as conclusións do estudo “A gran maioría da poboación declarante actual no IRPF e non declarante sairía gañando respecto da situación actual. Só unha porcentaxe que oscilaría entre o 10 e o 15% da poboación máis rica sairía perdendo coa reforma proposta. Unha porcentaxe similar quedaría nunha situación parecida á actual, dependendo está claro da situación dos seus respectivos fogares, e entre un 70 e un 80% da poboación situada nos niveis inferiores de renda dos outros dous grupos sairía gañando coa reforma”.

A medio e longo prazo sairía gañando toda a sociedade pois a Renda Básica poñería en circulación un montón de diñeiro que hoxe acapara unha pequena parte da poboación para depositalo en paraísos fiscais ou especular, sen achegar ningún beneficio á sociedade que xerou esa riqueza co seu traballo.

Por outra banda a implantación da Renda Básica Universal significaría o aforro das múltiples prestacións económicas que xa existen e que supoñen un elevado custo económico en trámites administrativos e inspeccións, posto que sempre supoñen o sometemento a condicións. Todas estas prestacións que quedarán por debaixo do nivel da Renda Básica desaparecerían ao quedar xa cubertas por ela, evitándose o fraude ou a desmotivación para buscar un traballo que podería resultar incompatíbel coa percepción dunha prestación condicionada. Philippe van Parijs: http://www.uclouvain.be/cps/ucl/doc/etes/documents/2003.Renta_Basica_Medellin_.pdf

iniciativa.renda.basica Iniciativas cara a Renda Básica Universal

O único lugar onde está establecido un modelo equivalente a unha Renda Básica Universal é o estado de Alasca, onde cada un dos seus habitantes recibe unha importante Renda anual derivada dos beneficios da extracción do petróleo. Isto é consecuencia da aplicación dun “dividendo de cidadanía” obtido pola explotación duns recursos naturais que son propiedade de todos

http://es.wikipedia.org/wiki/Alaska_Permanent_Fund

Claro que se pode dicir que esta renda é produto dunha situación de riqueza natural pero, que diferenza habería se en todos os países houbera a aplicación dun principio similar, ¿como vivirían no Congo da súa riqueza en coltan en vez de estar nunha inducida guerra permanente? ¿ou como viviriamos en Galiza se os ingresos da enerxía extraida dos nosos ríos e montes reverquira en nós mesmos?.

A ensinanza é que simplemente non hai alternativas cando os que viven da explotación non queren que se busque.

No noso entorno máis inmediato temos agora mesmo dúas iniciativas cidadáns en defensa dun Renda Básica Universal:

1.- Iniciativa cidadán europea pola Renda Básica Universal: O 14 de xaneiro de 2013, a Comisión Europea aceptou a Iniciativa de Cidadanía Europea a prol da Renda Básica Incondicional. A campaña ten coma obxectivo recoller un millón de sinaturas a favor da Iniciativa, erematará o 14 de xaneiro de 2014.

http://basicincome2013.eu/ubi/es/

 2.- Iniciativa Lexislativa Popular pola Renda Básica estatal: empezará a recoller sinaturas a mediados do mes de xaneiro de 2014

http://ilprentabasica.blogspot.com.es/2013/10/texto-de-la-ilp-por-la-renta-basica.html

 Aproveitar a crise política para mellorar o mundo é unha oportunidade pero, sobre todo, é unha necesidade que só vai depender da maioría social conseguir. A Renda Básica Universal é unha utopía necesaria que só depende de nós.

GraficasRendaBasica

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.