ATENDE

EU ACUSO. Postal de Nadal aberta ao Alcalde e ao goberno de Ames

By on diciembre 24, 2013

Carta aberta de Quique Costas

Señores e Señoras do Goberno de Ames:
Nesta véspera do Nadal quero, como un día fixera Emile Zola en defensa do capitán Dreyfus, alzar a miña voz contra a inxustiza ominosa. Por iso lanzo publicamente a miña acusación e o meu rogo non a unha institución (ente colectivo no que se agochan conciencias e vontades) senón a cada un e cada unha de vostedes, persoas libres e individuais.

E acúsoos, apesarado, de cometer o maior dos pecados contra a conciencia: O da indiferenza. Indiferenza descarnada fronte á pobreza que medra no noso concello e que atrapa cada día a máis persoas e familias, privándoas non só do necesario senón tamén (o que é máis grave) de esperanza. E non poden ter esperanza porque Vostedes (cada un e cada unha) xestionan os servizos sociais considerándoos un mero gasto, non un instrumento de xustiza que devolva a esperanza ás persoas máis desfavorecidas. Porque Vostedes (cada un e cada unha) antepoñen os ”intereses” (que fea palabra) da institución aos das persoas a cuxo servizo deberan exercer a súa función. Antepoñen o “equilibro orzamentario” á xeración de oportunidades e condicións dignas de vida de aqueles a quen gobernan. O triste caso da nena ameazada con ser expulsada dunha escola infantil municipal por unha débeda inasumible e ilexítima que recentemente saltou á prensa non é máis que a punta do iceberg de tantas e tantas situacións límite que Vostedes se negan a paliar. Hoxe, véspera do Nadal, Vostedes seguen sen ter resolto, sequera, este caso. Velaí, unha vez máis, a proba da súa extrema indiferenza.
E, dado que a moitos de Vostedes os coñezo persoalmente, sei que son persoas con rostro, non só cargos institucionais. Por iso prégolles, máis ben exíxolles, que saian do parapeto da institución, que abandonen definitivamente a lóxica dos intereses políticos partidarios e escoiten as súas conciencias humanas. Tornen os ollos cara as persoas que sofren, e fagan o que está na súa man para axudalas. Porque, se non o fan, se teiman en manter a lóxica que o seu partidismo lles impón, serán para sempre reos do crime de insensible indiferenza que veñen practicando. E nós os cidadáns faremos nosas as palabras de Zola e “lles gritaremos esa verdade, con toda a forza que nos dá o noso rechazo de persoas decentes”.

Señoras e Señores, se Vostedes non rectifican a súa xestión dos asuntos sociais. Se non son quen de gobernar guiándose pola xustiza e a piedade… Daquela só podo desexarlles que, como ao ruín Scrooge do conto de Dickens, veña nesta noite o Espírito do Nadal Presente a amosarlles a realidade (que intentan ignorar) de tantas casas do noso concello nas que esta festa non é máis que angustia e privación. E reciban logo ó Espírito do Nadal Futuro para que vexan como a súa desaparición da política non vai deixar memoria positiva algunha nos seus concidadáns. Porque Señores e Señoras, se persisten na súa actitude, neste Nadal, sinceramente, só podo desexarlles que do turrón unicamente perciban o amargor das améndoas e que del desapareza a dozura do mel.

Muden os seus criterios de xestión, alivien o sufrimento das persoas, para que así as cidadás e cidadáns con sensibilidade fronte á pobreza, poidamos desexarlles (como de corazón nos gustaría) un bo Nadal.

J-acuse

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.