ATENDE

Bota a andar a comisión municipal para determinar o cumprimento do contrato das Escolas deportivas

By on enero 9, 2014

(8-01-2014) Comezan os traballos da comisión para determinar o cumprimento do contrato por parte da empresa concesionaria, Eulen, das Escolas Deportivas de Ames, e no seu caso propoñer a súa rescisión. Constituíuse esta comisión no último Pleno do 2013 a instancia dunha moción de Ames Novo.

As Escolas deportivas de Ames están véndose degradas pola xestión da empresa contratante, Eulen, na tempada 2013-2014. Desde o comezo do curso asistimos a diversas irregularidades en canto a adecuación e retribución dos monitores, a organización das actividades e a incorporación das escolas nas competicións deportivas. Esta precariedade e improvisación inicial foi agudizándose co tempo e asistimos a cambios continuos de monitores nalgunhas áreas e a constatación que algúns formadores carecen da titulación e a cualificación apropiada para impartir a disciplina que asumen. Ante as queixas de usuarios/as, Ames Novo solicitou en outubro que o goberno inspeccionase o desenvolvemento dos traballo por parte da empresa. Agora a Comisión vai investigar se efectivamente a empresa está cumprindo o contrato ao que se comprometeu e que a obriga legalmente, que por outra parte sempre semellou unha oferta temeraria.

Foron moitas as disciplinas nas que se detectaron problemas ao longo destes meses e por diversos motivos: ballet, patinaxe, ximnasia rítmica, pilates, baloncesto, judo… Unhas por inadecuación dos formadores, outras por saturación das clases, outras por problemas coas competicións nas que deberían participar, e algunhas máis polo desconcerto de cambiar varias veces de monitor en pouco tempo. Estas irregularidades permanecen en moitos casos, o que ao noso xuízo pode motivar a rescisión do contrato, e motiva a caída da calidade nalgúns casos e mesmo o abandono de usuarios/as. A oferta presentada pola empresa -legalmente esixible- incluía monitores coas titulacións adecuadas a cada disciplina, e xa apreciamos este incumprimento nalgunhas escolas mentres o goberno bota balóns fóra e considera que todo está dentro do habitual. Como sempre o goberno elude a súa responsabilidade en vez de resolver os problemas o que fai que aumenten e se degraden os servizos municipais.

O goberno está permitindo coa súa pasividade o estrago dunhas Escolas que funcionaban de xeito razoable e que foron gañando a súa calidade ao longo dos anos e dispoñían dunha traxectoria consolidada que se está perdendo. O Concello de Ames debe facer todo o posible para evitar o deterioro das Escolas Deportivas, non podemos consentir que primen intereses alleos á calidade do servizo ou da promoción do deporte. Un aforro ridículo no prezo esta ocasionando un grave dano na traxectoria das Escolas deportivas tanto pola mala xestión da empresa como pola deixación de funcións do goberno do PP.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *