ATENDE

A municipalización da auga perfílase como a mellor opción para Ames

By on febrero 24, 2014

Foto Costameiga

Ames (22.02.2014) O Informe dos técnicos municipais sobre o ciclo integral da auga propón unha solución transitoria recomendando a encomenda a un ente público, e resaltan as vantaxes de municipalizar o servizo como unha alternativa viable.

Con data 20 de febreiro fíxose chegar a todos os grupos municipais un informe de carácter técnico denominado ‘Formas de xestión do ciclo integral da auga no Concello de Ames’, elaborado polo interventor e a secretaria municipal. Este informe trata de expoñer as distintas modalidades de prestación existentes na normativa, procedementos e prazos, así como as principais vantaxes e inconvenientes derivados da elección. Como indican os autores, dada súa capacitación técnica os autores evitan pronunciarse sobre cuestións clave para adoptar a decisión.

O informe técnico municipal conclúe que é preciso dispoñer dunha solución transitoria para poder adoptar a decisión fundamentada e axeitada aos intereses municipais. Este período transitorio, que fixan en dous anos, sería necesario para a “procura dunha solución estable e motivada”, dado que o actual contrato expira o 2 de setembro de 2014 e non sería suficiente para adoptar forma idónea de xestión do servizo. Para este período transitorio aconsellan “encomedar ou delegar a un ente público o servizo”.
Ames Novo quere manifestar a súa alegría porque vaia cobrando forza a alternativa da municipalización como unha forma viable e beneficiosa para concello e para a cidadanía. O informe non se decanta por ningunha opción -non é a súa función- pero aprecia moitas das vantaxes desta vía que ata agora non foran tidas en conta. Con anterioridade o goberno Popular só formulara unha única vía: unha nova licitación apresurada e atropelada que provocou que quedase deserto o concurso, e o escenario parecía abocarnos a remendar esa anomalía inicial. Unicamente Ames Novo fixo mudar o escenario, a nosa proposta de municipalización rescataba o debate do punto no que estaba colocado, se nos adecuabamos mellor ás demandas das empresas para que aceptasen, ou peor, se eramos máis amigos de Aquagest ou Espina&Delfín. Pero conseguimos situar o debate no importante: cal é a mellor alternativa para a cidadanía e para o Concello; ademais, nestes tempos de sospeita xeneralizada sobre estes contratos, permite garantir a transparencia e comprobar que os custos do servizo son os adecuados evitando de raíz calquera tentación ao tráfico de sobre para ninguén.

O Informe técnico avala as nosas posicións xa que sinala que as vantaxes de tipo económico son enormes para o Concello recuperando a xestión directa, na liña do que di sobre este ámbito o Informe do Tribunal de Cuentas de fiscalización do sector público local. Fai iso si, unha interpretación restritiva da normativa estatal, que impediría supostamente dotarnos do cadro de persoal necesario para a xestión con recursos propios. Dentro das opcións de xestión directa (propia da administración, Organismo autónomo, Entidade pública empresarial ou Sociedade mercantil con capital público maioritario) prima a xestión propia ou de organismo autónomo privilexiando as formas suxeitas ao dereito administrativo, acolléndose á nova normativa -Lei 27/2013 de 27 de decembro-, tamén contempla a encomenda de xestión a outros organismos ou entidade tomando como exemplo a Empresa Municipal Augas de La Coruña-EMALCSA)

Estando de acordo coa proposta transitoria, queremos denunciar a incapacidade do goberno Popular. Chegamos novamente á comisión do luns, a 6 meses de remate da concesión, sen unha proposta por parte do goberno -o que temos é un informe técnico en termos xurídicos e de facenda pública-. A debilidade do actual goberno e a súa incapacidade de entenderse dentro da anterior versión do goberno do PP, fainos estar coa auga ao pescozo de novo, e non imos poder dispoñer de solución logo de un ano de prórroga da empresa actual que nos fai perder cartos .
Que a fórmula dunha encomenda de xestión a unha entidade pública recollida no informe técnico parécenos a mellor solución, non só porque permitiría realizalo dentro dos prazos que temos, senón porque permitiría poñer as bases para a xestión con recursos propios nun curto prazo de tempo, adecuando persoal, adquirindo medios técnicos, aportando un coñecemento exacto das redes, e finiquitando nas mellores condicións a concesión anterior. Esperamos que a corporación atenda a razóns de interese público e de servizo, e non a presións ou desfasadas ideoloxías que atribúen os males do servizo á xestión. Facelo público vai na liña dos tempos, tal é como está acontecendo en toda Europa, hoxe ademais, por hixiene democrática debía ser un imperativo. Auga limpa.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *