ATENDE

Na defensa dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos

By on febrero 28, 2014

Estamos vivindo unha situación na que as mulleres vemos como os nosos dereitos sexuais e dereitos reprodutivos están sendo atacados, e no que non se nos deixa decidir sobre o noso corpo. Hoxe a loita feminista cobra moita máis importancia non só para combater as políticas de cortes da dereita, mais tamén na defensa das nosas liberdades, de ser nais ou de non o sermos, de ter dereito a un aborto libre, gratuíto e na sanidade pública.

banner9marzoILG

Se a maternidade non é libre, é imposta

O Goberno central e, máis concretamente, o ministro de Xustiza (Alberto Ruiz Gallardón), pretende un cambio lexislativo en materia de interrupcións voluntarias do embarazo que previsiblemente nos devolverá máis atrás de 1985 coa volta a un sistema de supostos. Iso quere dicir que as mulleres se verán obrigadas a alegar razóns para xustificar a súa decisión. Aparece, ademais, unha posible revisión do suposto que recollía as malformacións graves do feto como razón para practicar este tipo de intervencións.

Que recolle a actual lei?
A chamada “lei de prazos”, actualmente vixente, adoptada pola maioría dos países da nosa contorna, é unha norma xurídica que lle permite á muller embarazada, dentro dun prazo determinado (14 semanas no caso do Reino de España), realizar unha interrupción do embarazo, dentro do sistema público de saúde de maneira gratuíta e sen quedar supeditada na súa actuación á opinión ou ditame doutras persoas.

E a lei do 85?
A Lei Orgánica 9/1985, despenalizaba a interrupción voluntaria do embarazo só en tres supostos:

  • se existía risco grave para a saúde física ou psíquica da muller embarazada
  • nos casos de violación
  • nos casos de malformacións ou taras, físicas ou psíquicas, no feto

Requiríase un informe médico que certificase o cumprimento das condicións establecidas pola lei e nos casos de violación, a presentación dunha denuncia. Nos demais casos o Código Penal establecía diversas penas de prisión tanto para a nai coma para o persoal sanitario que practicase abortos non amparados pola lei.

Que supón a mudanza?

  • Aborto diferente para ricas e pobres. A reforma da lei do aborto non só é un retroceso de máis 25 anos nos dereitos das mulleres, senón que supón volver a un tempo onde, as que podían economicamente, viaxaban ao estranxeiro para abortaren ou facíano clandestinamente.
  • Unha volta á minoría de idade das mulleres. Supón que miles de mulleres necesiten (necesitarán) o “permiso” dun ou dunha profesional ou do titor ou da titora legal (no caso das menores de idade), para poder interromper a súa xestación.
  • Caza de bruxas no século XXI. Que profesionais e mulleres se vexan implicadas e imputadas en múltiples xuízos, moitos deles con resultado condenatorio.

En resumo, que a liberdade das mulleres para decidir sobre o seu propio corpo se vexa permanentemente axuizada polo mesmo goberno que está promovendo uns recortes que fan que as nosas vidas se precaricen ata extremos que pouco podiamos sospeitar.

Os feminismos somos PROVIDA. Porque ser “Pro-vida” é loitar por ter unha boa vida e non condenar as persoas a situacións que fagan que esta non pague a pena de ser vivida. A lei elimina o suposto de malformación grave fetal e, asemade, arrasa co investimento en políticas relacionadas coa dependencia. O Goberno do PP fala de protexer a vida durante as semanas de xestación, pero abandona á súa sorte as persoas unha vez que chegaron ao mundo.

Reclamamos o dereito das mulleres sobre o seu corpo e esixímoslle
ao goberno que cumpra coa súa responsabilidade de garantir o
aborto legal, seguro e accesible.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.