ATENDE

Encetamos a construción colectiva dun regulamento de participación cidadá para Ames

By on febrero 27, 2014

En Ames Novo pensamos que un dos elementos fundamentais para democratizar as institucións públicas radica na participación política da cidadanía. Os instrumentos dunha democracia na que a representación institucional se converteu nunha pura delegación, exercida polos cargos electos como un cheque en branco, reveláronse non só ineficaces para defender os intereses da maioría senón mesmo perniciosos; unha sorte de burla da verdadeira democracia, entendida esta como o poder exercido desde e para a maioría social.

É partindo desa asunción como queremos encetar un proceso de construción dun regulamento que articule e faga posible esa participación da cidadanía nos asuntos públicos do concello, na definición dos obxectivos, das políticas e dos xeitos de xestionar. Un instrumento, en suma, para controlar e exercer o poder desde a colectividade.

Consonte a esta asunción da participación cidadá como un eixe central da nosa proposta de transformación e democratización da estrutura municipal, a Asemblea de Ames Novo, que tivo lugar o pasado mes de decembro, aprobou un documento-proposta de regulamento de participación veciñal que recolle de xeito articulado a nosa visión de como artellar e facer viable esa intervención.

Este documento pretende ser un punto de partida, sobre o que reflexionar e facer achegas que poidan enriquecelo para un mellor logro dese obxectivo. Nos próximos días comezaremos un proceso de contactos coas diferentes asociacións de Ames para darlles a coñecer esa proposta e solicitarlles a súa contribución na elaboración da normativa. Tamén a través deste mesmo medio vos daremos a coñecer polo miúdo a estrutura e contido do documento aprobado para que calquera veciña/o poida achegarnos as súas reflexións e propostas… Porque non tería sentido un modelo de participación que non se constrúa, precisamente, coa participación aberta da sociedade.

 

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.