ATENDE

AS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS OU CANDO O AFORRO PRIMA SOBRE A SAÚDE E A CALIDADE DUN SERVIZO

By on febrero 26, 2014

As Escolas Deportivas Municipais de Ames funcionan desde hai xa uns anos e sufriron un cambio radical no período 2003-2007. Neses anos apostouse por unha mellor calidade e difusión e isto fixo que aumentase o número de inscritos ata chegar a andar polos 1000 usuarios.

escolas_deportivas

Esa aposta pola calidade pasou por un modelo de xestión privada, que malia que podía valer para aquel momento en que a oferta deportiva de clubs de base era escasa, hoxe en día desde Ames Novo apostamos por un modelo de xestión por parte dos clubs co apoio e a garantía de calidade por parte da Administración que debe achegar medios para que así sexa e xestionar directamente aquelas disciplinas deportivas para as que non exista oferta no Concello.

Neste sentido, o noso programa electoral de 2011 era o único que recollía esta aposta. O goberno do Partido Popular mantivo ou ampliou a xestión de Escolas Deportivas por clubs, concretamente no caso do fútbol e do voleibol.

Non obstante, desentendeuse do resto: ampliar a máis disciplinas esa xestión, poñer medios dabondo para axudar os clubs e mais xestionar directamente aquelas disciplinas para as que non existe oferta no Concello. Iso si, e cómpre non esquecérmonos: unha das súas primeiras medidas foi aumentar a cota dos usuarios, que pasou a ser practicamente o dobre!

No mes de setembro pasado remataba a concesión das Escolas Deportivas a AV Xestión de Actividades, podía aínda prorrogarse por outro ano máis ou pasar a xestión directa. Daquela, a decisión do goberno popular foi sacar unha nova licitación sen que a actual concelleira Eugenia Martín achegase boas razóns que explicasen este xeito de proceder.

Como consecuencia dese novo concurso a empresa Eulen resultou adxudicataria do servizo con escasa ou nula experiencia neste eido. Concretamente, na parte do concurso na que se valora a oferta técnica foi a 7ª clasificada, pero a 1ª na oferta económica, tan baixa que mesmo a propia mesa de contratación lle pediu que xustificase como ía prestar o servizo cunha oferta tan baixa. Con todo, debeu xustificala dabondo porque esta foi a adxudicataria.

Estamos fronte un exemplo máis da política de aforro do goberno de Amor. E, como puidemos comprobar, á custa do que sexa. Neste caso foi á custa da calidade dun servizo fundamental para a saúde física e psíquica dos máis pequenos do Concello. Menos usuarios, peor calidade, máis descontento… E iso non importa porque o importante á aforrar. Deste xeito, no orzamento do ano 2010 a partida para Escolas deportivas era de 190 000 €, no do 2012, foi de 110 000 € e a empresa Eulen faino por 55 000 €. Iso si, logo o Concello ten que mercar material por valor de máis de 20 000 € que a anterior empresa poñía do seu peto.

E como contrapartida todas as consecuencias parar os usuarios:
– Actividades cun monitor/a para un número excesivo de usuarios.
– Cambios continuos de monitores/as polas infracondicións que se lles poñían.
– Inadecuación dos monitores/as á actividade pois á empresa dáballe igual a formación que tiveran con tal de cubrir esa hora.
– Ausencias de monitores/as coa conseguinte perda de horas.
– Ausencia de inscricións en competicións.
– Obrigatoriedade de inscribirse en clubs mesmo alleos ao concello coa escusa de poder así ter seguro… Este último tema é especialmente grave, pois a actividade nas escolas deportivas non está cuberta por ningún seguro que ampare un posible accidente, a inscrición como clube Escola Deportiva Municipal de Ames, permitía que, a través do Plan Xogade da Xunta de Galicia, estiveran cubertos. Non obstante, como esta empresa só participa en competicións se se lle obliga (caso do baloncesto), temos aos nosos nenos e nenas sen seguro.

Como era previsible que isto sucedera, Ames Novo desde practicamente o momento da concesión denunciou a inadecuación desta empresa e o incumprimento do contrato polo que solicitamos a súa rescisión. A concelleira non respondeu e, por cousa disto, solicitamos que se constituíse unha comisión na que se informase do que estaba a acontecer coas Escolas Deportivas e, de ser o caso, que trasladase todos estes incumprimentos coa petición de rescisión. O Pleno aprobou que se constituíse esta comisión.

Por outra banda, o PSOE pediu a comparecencia da concelleira no Pleno para pedir explicacións destas situacións. Apenas respondeu a nada, seguiu a estratexia habitual do PP nestes casos, “e ti máis”, que no goberno anterior e coa empresa anterior había apaños, amiguismo e nepotismo. Conque, implicitamente estaba recoñecendo a existencia de todas as anomalías e irregularidades. Difería respecto da comisión solicitada por nós en que se pedía unha comparecencia do responsable da empresa para que achegase as explicacións oportunas e, chegado o caso, a decisión sobre as medidas que habería que adoptar.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *