ATENDE

Bertamiráns: cultura solidaria nos tempos de crise

By on febrero 25, 2014

Cultura Solidaria

“A cultura é o sorriso” afirmara un filósofo e permitímonos agregar: e a solidariedade. Nestes tempo de desidia gobernamental, así o entenderon un grupo de empresas de Bertamiráns que integran o grupo “Emprendendo cultura” (Boas e Novas, Educalia, Musikartis, Lápices, Artefonía e Academia Aberta). Teñen moito en común aínda que as súas empresas se dediquen a diferentes terreos. En principio, unha concepción cooperativa e solidaria das súas respectivas actividades. Cren que a saída da crise non pasa por consignas maximalistas ou eslóganes altisonantes. Pola contra, sosteñen que nos pequenos xestos, na axuda recíproca, en pensar os proxectos individuais a partir da comunidade na que viven e traballan, constitúen actos de resistencia fronte á crítica situación na que vivimos. Neste contexto, realizaron durante os meses de decembro e xaneiro unha campaña de recolección e donación de libros. Cada empresa organizou distintas actividades de difusión artística e cultural ás que se podía ingresar coa doazón dun exemplar. Deste xeito, cada establecemento converteuse nun centro ao cal a xente podía levar desde libros de texto de distintas asignaturas, ata clásicos de literatura galega, e universal. As doazóns non só se realizaron nos días puntuais das actividades, senón que se prolongaron ata o 6 de xaneiro; data límite de entrega do material recompilado á oficina de Voluntariado do Concello.

Constatamos o éxito da campaña por medio do diálogo cos participantes; segundo eles a xente sumouse masivamente, e grazas á numerosa adhesión reuníronse varios centenares de libros que integrarán a biblioteca da Escola de adultos do concello de Ames.

Finalmente, permitásenos insistir no valor e a necesidade de multiplicar iniciativas como a que nos ocupa porque a nosa reconstrución social só pode realizarse por medio da multiplicación de accións coma esta, que atenden ás necesidades doutros cidadáns, séntenas como propias e actúan en consecuencia. Á fin e ao cabo, cultura, solidariedade, cooperación, e responsabilidade cidadá máis que palabras son pontes para transitar xuntos.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *