ATENDE

HOMENAXE A GERMÁN V. SONEIRA – O GAITEIRO DOS LAMAS

By on febrero 18, 2014

Na tarde do domingo 16 a Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a homenaxe a Germán V. Soneira, o gaiteiro dos Lamas organizada por A Regionalista de Teo e Ames Novo, en colaboración con Follas Novas. Veciños e veciñas ateigaban o auditorio, unidos polo desexo de render tributo a un home para moitos coñecido, como parte da banda sonora dos seus recordos de romarías e troulas, e para outros un descoñecido que dedicara a súa vida á preservación e ao enriquecemento do noso acervo cultural. En suma, unha reunión da sociedade civil en que manifestaba o seu desexo de afirmarse orgullosa de xeito que se vía reflectida nunha persoa exemplar no seu desempeño artístico.

Homenaxe_G_Soneira

E alí, a figura de Germán fixo que nos sentiramos comunidade, como sempre fixeron os gaiteiros: concitando a xente a reunirse e facer festa arredor da súa música. Unha montaxe de vídeo con fotos que percorrían momentos significativos da súa vida foinos pondo en situación, achegándonos ao personaxe.

FotoGermanSoneira1

A partir de aí, Xosé Francisco Noia, coautor do libro sobre Germán, foinos axudando a descubrir a persoa a través dunha conversa que decorría con naturalidade mentres se ían debullando as pezas musicais que foron acompañando cada momento da vida do (agora xa e para sempre noso) gaiteiro. Os seus inicios cunha requinta feita en dous cachos de ameneiro. A súa primeira gaita. A súa aprendizaxe da música tradicional a carón do seu pai e o seu tío ”Furelos”, a súa habelencia para confeccionar coas súas propias mans un traxe de gaiteiro (monteira incluída con borlas tiradas das botellas de ponche) co que gañaría, tocando a gaita, o concurso musical de cruzamento do ecuador a bordo do barco que o levaba camiño da emigración no Brasil…

FotoGermanSoneira5

E nós, a xente de Ames que ocupabamos a sala, sorriamos apampados escoitando a sinxeleza sabia daquel home que nos conmovía coa súa brillantez ao tocar a gaita. E así, durante hora e media, Germán Soneira tívonos embelecados, embarcados nunha viaxe na que a música e a palabra nos conducían polos camiños da descuberta. As súas sentenzas íansenos gravando na memoria igual que os agudos do seu punteiro: “É máis importante ser que pareser”, “O traballo é moi importante, pero na vida tamén é moi importante farrear; hai que traballar, pero hai que ter tempo tamén para a desfrutar”.

Músicos que forman parte da nosa veciñanza como Caxade ou Ferreirós (unha das persoas que máis fixeron desde principios dos 70 do século pasado pola música tradicional do país e un dos fundadores de Milladoiro) tamén quixeron sumarse á merecida homenaxe. Músicos de Alvariza e doutras formacións quixeron acompañar en diversos momentos a Germán no palco. A xente da Asociación Follas Novas de Ames puxo voz, pandeireta e baile na “Fuliada de Conxo” que serviu de apoteose final…

Ao rematar o acto, as persoas que alí chegamos individualmente ou en pequenos grupos xa eramos un só grupo de xente que cun sorriso de satisfacción comentaba o que acababamos de vivir. Eramos un mar de desexos de abrazar o homenaxeado. Eramos máis orgullosos. Eramos, en fin, máis Ames. Unha sensación magnificamente expresada polo noso compañeiro Fernando Limeres no seu muro do Facebook: “Qué valor ha tenido la criatura mágica de Germán para miles y miles de hombres y mujeres, aún niños arrancados do seu lar? ¿Qué valor tiene para nosotros hoy? Ponderarlo es ya mentir. En un mundo que todo lo mide y cuantifica respuestas para tales preguntas escapan a ese lenguaje que a todo impone un precio. Solo se nos ocurre afirmar que artífices como Germán transmutan las penas y el dolor en un gran arte, que nos hace más humanos, que nos recata y nos hace mejores. En tiempos de desasosiego como los actuales, es imprecindible recuperar ese discurso melodioso de la Gaita de Germán que nos susurra poéticamente quienes somos y también, sobre todo, quienes podemos ser.”

 

A intrahistoria
Esta historia fermosa ten unha intrahistoria menos amable que tamén debe ser contada. A intrahistoria da homenaxe que gozamos o sábado 16 de febreiro na Casa da Cultura de Bertamiráns comeza moito antes, aló por setembro do ano pasado cando, unha vez feito o esforzo de recoller a gravación de 30 temas do repertorio de Germán nun disco e de editalo xunto cun libro que nos narra a súa biografía e nos achega ao pensamento do personaxe, a xente de A Regionaista fixo unha primeira presentación do resultado en Teo. Como é lóxico, pensaron que o seguinte paso natural era presentalo en Ames, o concello no que Germán naceu alá polo 1939 e no que reside aínda na actualidade. Era evidente, de caixón diriamos. Así que se puxeron en contacto coa Concellaría de Cultura para poder facer esa presentación do seu traballo en homenaxe a un amesán, convencidos de que sería algo que se materializaría sen problemas. Obvio, diría calquera.

Pero co que non contaba aquela xente, entusiasta do noso legado folclórico e xustamente entusiasmada co personaxe obxecto do seu estudo e esforzo editorial, era coa atipicidade do goberno municipal que padecemos en Ames. As respostas que recibían eran sempre dilatorias. Se ben non se daba unha resposta negativa tampouco conseguían nunca un si… Insistiron e insistiron de balde… A concelleira sempre estaba ocupada, nunca tiña tempo para dedicarlles nin a eles, nin a un asunto tan banal (debía considerar) como facerse eco en Ames dunha homenaxe, xa editada grazas ao esforzo doutros, a un concidadán.

A gota que desbordou o vaso chegou coa “Homenaxe ao Gaiteiro”, evento que se organiza cada ano no Teatro García Barbón de Vigo, no que nesta ocasión o noso paisano era un dos tres homenaxeados. Ao acto convídase a representantes dos concellos de orixe dos gaiteiros que o protagonizan e suxíreselles que traian algún agasallo para entregarlle como recordo. Naturalmente, acudiron unha representación do goberno municipal de Narón e outra de Ordes para acompañar e agasallar orgullosamente aos seus gaiteiros homenaxeados. O Concello de Ames non asistiu. A explicación que se lle deu desde a concellaría á organización foi que non “dispón de partida orzamentaria para esa caste de desprazamentos e agasallos”. No acto Germán apareceu como unha especie de gaiteiro apátrida.

Nin que dicir ten que cando A Regionalista se puxo en contacto connosco para explorar a posibilidade de organizar o acto de presentación do libro-disco homenaxe a Germán, a idea entusiasmounos pero, cando coñecemos estes antecedentes, non dabamos creto. Así que, inmediatamente, nos puxemos man a obra a colaborar con A Regionalista para facer realidade aquilo que eles anhelaban e que nós considerabamos imprescindible.

Unha vez vivida esa tarde máxica na Casa da Cultura de Bertamiráns estamos dobremente agradecidos: polo esforzo feito na posta en valor do noso patrimonio, que é o de todos, e por permitirnos participar na xusta e necesaria homenaxe a Germán, un home excepcional.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *