ATENDE

As forzas da oposición de Ames plantan ao goberno ante un novo acto da propaganda e desprezo institucional

By on marzo 7, 2014

Ames (7.03.2014) O Partido Socialista e Ames Novo queren denunciar que o Centro de Información para a Muller (CIM) non amplía os servizos que había anteriormente na área de muller. O Partido Popular desmantelou esta área e agora quere mostrar como un Centro novo o que significa reducir os servizos e os recursos de antes de que chegaran ao goberno. As dúas forzas queren denunciar tamén o desprezo institucional dos representantes da corporación na visita da representante da Xunta para presentación do Centro.

O ano 2004, e cun goberno de coalición de socialistas e nacionalistas, o Concello de Ames botou a andar unha concellería da muller na que se incluía diversos servizos e contaba cun equipo que incorporaba unha avogada, unha psicóloga, asistentes sociais e administrativos. Durante todos estes anos dispuxo de diversas axudas da Xunta que se sumaron ao orzamento municipal, o que significaba que estes servizos estaban incorporados de forma estable na acción pública municipal. No día de onte, 5 de marzo de 2014, vemos que o alcalde de Ames e a Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta presentan un Centro de Información para a Muller que anuncian como unha novidade, e como se fose un servizo novo que mellora o existente. O único novo é o logotipo e o nome.

Globos de promoción da igualdade

Globos de promoción da igualdade no Concello

Ante esta situación as forzas de Ames Novo e Partido Socialista queren deixar patente que non se trata de ningún aumento dos servizos existentes, nin tampouco dun incremento dos recursos, e que se trata dun reaxuste do persoal municipal de forma que reduce o persoal destinado especificamente á área de muller en relación ao anterior mandato, xa que está dotado con persoal que atende a toda a área de servizos sociais. De feito a persoa nomeada como directora do CIM desenvolvía labores profesionais no campo da inmigración e recentemente tamén atendía a área dos desafiuzamentos de vivendas, polo que entendemos que outros campos relevantes do social poden quedar desatendidos con este movemento. A área da muller nunca foi prioritaria para o goberno do PP, desde o comezo do mandato non dispuxo de concellería autónoma, desmantelaron a área e o seu labor reduciuse a continuar o que se facía desde hai dez anos con menos recursos, sen ningún proxecto novo chegando a súa desidia a perder axudas autonómicas que concedían todos os anos.

Ademais queremos resaltar que o goberno falta completamente ao respecto institucional dos e das representantes de corporación, ao presentar o Centro aos medios sen convidar aos concelleiros e concelleiras da oposición; cabe denunciar tamén que a visita da máis alta representación autonómica na área de muller se realice en secreto, como un acto partidario e non do Concello de Ames. Por estes motivos as concelleiras e concelleiros do Grupo Socialista e de Ames Novo non van asistir ao único acto público de inauguración dunha instalación urbana no día da mañá. O engano cidadán que se pretende coa propaganda dun suposto novo Centro cando se reduciron as políticas e os servizos na área da muller xunto ao desprezo institucional fórzannos a adoptar esta decisión nun campo no que sempre procuramos a máxima colaboración e sempre secundamos as accións do goberno.

Grupo municipal do Partido Socialista e Ames Novo

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.