Restituír a memoria democrática de Ames

Na foto Oscar Lojo Batalla,
o alcalde de Ames destituído e 1936
Moción para a restitución simbólica nos seus cargos da Corporación democrática destituída en xullo de 1936
[Esta moción foi rexistrada por Ames Novo para ser debatida no Pleno do 27 de marzo 2014]
Exposición de motivos
Hai 83 anos, o 22 de xuño de 1931, logo de repetirse as eleccións o 31 de maio, constitúese a corporación municipal democrática de Ames con 16 concelleiros electos, e dela saíu elixido alcalde por unanimidade Óscar Lojo Batalla e ata xullo de 1936.
O 1 de agosto de 1936 a autoridade militar da praza de Santiago Juan Sanmiguel del Río cesa a todos os concelleiros e constitúe unha comisión xestora cun novo alcalde. O 28 de outubro o gobernador civil da provincia constitúe unha nova corporación composta polo alcalde designado polo novo poder ilexítimo xunto a outros 6 concelleiros titulares e 5 suplentes; deste xeito deponse a legalidade democrática republicana.
-
Desde o convencemento de que a actual corporación adquiriu unha débeda histórica coa corporación democrática lexitimamente elixida no ano 1931.
-
Entendemos que pasados corenta anos desde que rematou a ditadura e retornou a democracia, aínda non se realizou ningún acto de desagravio para cos concelleiros daquela corporación lexítima.
-
Somos conscientes de que aínda existen familiares dos concelleiros depostos, que conservan a memoria viva daqueles, e que cando estes desaparezan, desaparecerá con eles o seu legado.
Por todo o exposto o Pleno da corporación adopta o seguinte:
Acordo
-
O Concello de Ames iniciará o procedemento ante o Ministerio de Xustiza de cara á Declaración de reparación e recoñecemento persoal que se recolle no artigo 4 da Lei 52/2007 ao que teñen dereito todos os membros da corporación deposta.
-
Unha vez efectuados os trámites e feitas as comprobacións oportunas diante do Ministerio, o concello acordará en sesión plenaria a solicitude en firme da Declaración de reparación e recoñecemento persoal para estes membros.
-
O concello invitará de maneira pública á veciñanza para participar deste pleno e, de maneira especial, aos familiares e descendentes dos devanditos concelleiros.
-
O concello colocará no exterior da casa consistorial, en lugar ben visible e respectuoso, unha placa na que se lembrará o nome dos concelleiros da corporación lexítima de 1936 como acto de desagravio.
Esta moción constitúese como un acto de xustiza, reparación moral e recoñecemento persoal dos representantes democráticos de Ames
É un recoñecemento que realizamos desde a corporación democrática do ano 2014 á corporación democrática do período 1931-1936. En definitiva, trátase dun acto que humaniza e dignifica o noso traballo, e que nos iguala no tempo.