ATENDE

Proposta AGE e Ames Novo: Plan Dotacional de Infraestruturas Educativas para Ames

By on marzo 26, 2014

Podes ver a presentación e o debate no Parlamento nesta gravación.

O día 7 de marzo de 2014 debateuse no Parlamento Galego unha proposta de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) sobre a necesidade de aprobar un plan dotacional educativo para o Concello de Ames, a través dos seus deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez que a defenderon na comisión 4ª de Educación e Cultura. Tratábase dunha Proposición Non de Lei (PNL) feita en colaboración con Ames Novo e elaborada en diálogo con toda a comunidade educativa do municipio, que instaba a Consellaría de Educación a abordar a cuestión desde, en palabras de Ron, “un punto de vista integrador das necesidades educativas”. É dicir, o texto ten en conta a problemática no que atinxe ao persoal docente, ás infraestruturas e ás cuestións socioeconómicas.

Pero o PP votou en contra e negouse a apoiar o plan, polo que esta proposta quedou rexeitada. E iso malia a que o deputado voceiro do Partido Popular recoñeceu que era “razoable”. O PSdeG apoiouno e tamén o BNG, que engadiu unha emenda.

O texto é o seguinte:

 

PROPOSICIÓN NON DE LEI para o seu tratamento en Comisión, relativa á creación dun Plan Dotacional de Infraestruturas Educativas para o Concello de Ames.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O concello de Ames presenta unhas características sociais e demograficas moi diferentes ás habituais no contexto Galego, onde o avellentamento poboacional, a baixa taxa de natalidade e o despoboamento adoitan ser os principais problemas aos que as administracións deben facer fronte.

IES_AmesDe feito, o Concello de Ames, colindante coa capital de Galicia, leva experimentando na última década un continuo e progresivo crecemento demográfico de poboación. Un incremento que os últimos datos estatísticos coñecidos reflicten, xa que o Instituto Galego de Estatística (IGE) nos fala dunha poboación que camiña cara ás 30.000 persoas (29.331 no ano 2012; de forma oficiosa, neste 2013 fálase de 30.400 persoas xa), convertendo Ames nun dos concellos máis dinámicos e acolledores de toda Galicia (segundo datos do IGE no 2012 só 15 concellos en toda Galicia están situados na franxa poboacional entre 20.001 e 50.000).

Todos os indicadores demográficos corroboran o dito. Se consideramos a estrutura poboacional vemos que 20.740 persoas están entre os 16 e os 64 anos (70,71%), 2.950 (10,05%) están por riba dos 64 anos, e 5.641 (19,23%) están na franxa inferior aos 16 anos. Estamos falando dun concello que experimentou 395 nacementos no 2011 e 350 no 2012 (1,68% con respecto á poboación susceptible de poder ser pai ou nai, fronte ao 1,36% da capital de Galicia) e cun saldo vexetativo positivo nos dous últimos anos. Destaquemos, ademais, que a media de idade é de 37,3 anos, co índice de envellecemento máis baixo de toda a provincia da Coruña (43,8) e tamén co índice de dependencia xuvenil máis elevado (25,5).

É evidente, xa que logo, que todos os datos demográficos do concello de Ames nos sitúan nun escenario de futuro en que cómpre dar respostas ás necesidades educativas e formativas que, de forma inevitable, se han presentar.

De feito, nas diferentes roldas de traballo que este grupo parlamentario realizou con representantes de Ames Novo por todos os centros educativos do concello de Ames despréndese que, no inmediato, non existe unha clara planificación das necesidades educativas, algunha delas de urxencia, en canto a mantemento das infraestruturas educativas, outras que abroian no horizonte máis inmediato, xa que se produce un evidente salto na continuación de estudos entre a etapa obrigatoria e a postobrigatoria que requiren de investimentos para previr non só o abandono educativo e formativo, senón garantir perspectivas de futuro para a mocidade do concello de Ames.

Urxe pola tanto un análise rigorosa e unha planificación detallada que permitan asumir os retos educativos que presenta o Concello de Ames, que posibiliten unha intervención educativa axustada ás necesidades presentes e futuras da zona e garantan solucións mais aló de intervencións ailladas e a contagotas en forma de parches pouco eficientes.

Entre as eivas máis destacadas, podemos salientar: UnitariaAgron

  • Necesidades de persoal docente. Por xemplo, o Orientador da Escola Infantil de Ames é compartido con CEIP A Barouta. No Agro do Muíño pídese a maiores un docente de PT e unha 3ª coidadora considerando o alumnado con NEE. No IES Bertamiráns destacan que o profesorado está no límite en canto a horario, xa que hai dous profesores menos con respecto ao cupo. No CEIP A Maía destacan tamén a necesidade de que o segundo profesor de Audición e Linguaxe, hoxe compartido co CEIP A Barouta, teña plena estabilidade no centro.

É evidente que a calidade do servizo público da educación require dunha plantilla de profesorado estable e equilibrada con respecto ás ratios. A este respecto, detallemos que se recontan no Concello de Ames 250 docentes, o que, considerando os 3.033 alumnos e alumnas, achega unha taxa de 12,13 alumnos por docente, superior nun 1,13% á media galega, e por riba de Arteixo (11,80%), Cambre (11,64%), Carballo (10,81%), Narón (11,66%) e Oleiros 11,92%), Ribeira (11,27%), concellos da provincia da Coruña que comparten unha dinámica poboacional análoga ao Concello de Ames, mais que son máis envellecidos e teñen menos dependencia xuvenil.

  • Mantemento, coidado e ampliación das infraestruturas educativas. Problemas de perdas enerxéticas por unha deficiente planificación dos peches e illamentos empregados nas aulas de Educación Infantil do CEIP Agro do Muíño. No CEIP A Maía detéctase tamén un problema de consumo enerxético provocado por un sistema de calefacción que debe cambiarse debido aos elevados niveis de consumo que xera. Nos dous centros educativos piden unhas instalacións deportivas axeitadas, ben cubertas, xa que nos dous centros os días de choiva danse pozas de auga que son un perigo. Os mesmos problemas de choiva danse na escola unitaria de Guimaráns.

Do mesmo modo, os centros solicitan a ampliación das infraestruturas educativas, tal como no CEIP A Maía e no IES Bertamiráns, onde usan como aulas absolutamente todo, detraendo dito espazo para outras tarefas educativas igualmente necesarias. Repárese en que no IES Bertamiráns se contabilizan 6 grupos de 1º ESO e xa se anuncia que haberá enormes dificultades de espazo nos dous vindeiros cursos porque o alumnado non vai caber. Destaca a comunidade educativa deste centro a necesidade de dispoñer dun salón de actos con todas as normas de seguridade e dunha biblioteca. No CEIP A Maía requiren de ampliar as aulas para acoller nenos e nenas de educación infantil, xa que, neste curso 2013-2014, 21 alumnos e alumnas tiveron que ser recolocados noutros lugares.

Neste apartado entra tamén a necesidade de contar cos recursos materiais necesarios para o desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe, sobre todo en material informático, tal como fixeron constar de forma expresa no CEIP A Barouta e no CEIP A Maía.

FotoVentin-AGE_Ames NovoNecesidade de novos centros educativos. As proxeccións demográficas e as expectativas de crecemento do Concello de Ames sinalan que é preciso investir e proceder, cando menos, á construción dun novo centro de educación infantil e primaria no núcleo de O Milladoiro.

  • Garantías de continuidadee calidadenas escolas unitarias. As escolas unitarias ofrecen unha praxe educativa integrada no contorno rural. Non obstante, antes de que chegue o verán, de forma rumorosa e pouco dialogada, as autoridades sempre anuncian o seu peche, en función de criterios afastados da calidade educativa e da planificación pedagóxica e didáctica. Anuncios que só serven para indignar a comunidade educativa e achegar inquedanza sobre o seu futuro. Familias, alumnos e alumnas e profesorado desexan a estabilidade e a calidade destas auténticas comunidades de aprendizaxe que non poden estar expostas, todos os meses de maio-xuño, á proxección de números e indecisións de xestores educativos.

  • Responder aos problemas nutricionais da poboación en idade escolar. A crise está afectando a cada vez máis sectores da poboación. O desemprego aumenta (2.946, datos do 2012, superior en case 300 persoas máis con respecto ao 2011) e as dificultades para chegar a fin de mes fanse cada vez máis visibles e repercuten tamén na dieta alimenticia dos nenos e nenas en idade escolar. Estes problemas ao seren detectados nos centros educativos son solventados pola profesionalidade e o voluntarismo do persoal docente, mais requiren dunha planificación en materia de investimentos e de redistribución óptima dos recursos. E nesa planificación interadministrativa a Xunta debe adquirir, pola súa responsabilidade de garantir a igualdade entre todas as persoas, un rol protagonista. IES Milladoiro

  • Diálogo e participación nas políticas educativas. As comunidades educativas dos distintos centros visitados polos deputados de AGE esixen poder participar no deseño das políticas educativas que máis lles afectan. Piden máis diálogo por parte das autoridades e reclaman seren tidas en conta na toma de decisións. Tendo en conta a natureza dos centros implicados, é preciso que se poña en marcha unha comisión interadministrativa, que implique a toda a comunidade educativa, ao concello, á deputación e á xunta, para que a toma de decisións sexa dialogada e compartida e que teña a facultade de deseñar unha planificación, de alcance plurianual, para a dotación das infraestruturas educativas que require o Concello de Ames.

A ausencia dunha intervención planificada e calendarizada por parte de todas as administración pode implicar o colapso das institucións educativas do concello e un empeoramento nas condicións de acceso ao dereito á educación do alumnado escolarizado en Ames.

Por todo o exposto, o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate en Comisión:

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

1. Crear un plan dotacional de infraestruturas educativas no Concello de Ames. Dito Plan terá unha aplicación e disposición orzamentaria plurianual e responderá aos retos que vai presentar no futuro inmediato o Concello de Ames en materia de provisión de investimentos educativos, mantemento e funcionamento das infraestruturas educativas actuais, provisión dos necesarios recursos humanos e materiais para o desenvolvemento da actividade educativa e afortalamento da calidade do servizo público da educación, resolución das problemáticas socioeducativas, etc.

2. Poñer en marcha unha Comisión Interadministrativa que implique a administración local, a deputación, a Consellería de Educación e a todos os axentes e membros da comunidade educativa de todos os centros educativos para converter en realidade o diálogo e a participación da sociedade na toma de decisións. Dita Comisión servirá para canalizar a aplicación de dito Plan, asi como para determinar o orzamento anual e velar polo súa distribución en función dos investimentos a realizar cada ano, detectar as problemáticas educativas e darlles unha solución, en definitiva, para fiscalizar a correcta realización do plan.

Compostela, 22 de novembro de 2013

Asdo. Xabier Ron Fernández; Deputado e portavoz suplente do G.P. da AGE

Asdo. Ramón Vázquez Díaz, Deputado do G.P. da AGE

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

As concelleiras de Ames Novo Pilar Candocia e Susana Mayo xunto aos deputados de Alternativa Galega de Esquerda responsables de educación, Xabier Ron e Ramón Vazquez. Visitaron todos os centros de ensino para facer esta proposta falando con toda a comunidade educativa e mantiveron diversas reunións no Parlamento de Galicia

Podes descargar aquí a Proposición Non de Lei (PNL): pnl AGE plan dotacional educativo Ames

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *