ATENDE

Actos ao redor do 8 de marzo

By on marzo 15, 2014

Desde que na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, reunida en Copenhague en 1910 con asistencia de mulleres tan notables como Rosa Luxemburgo, Aleksandra Kolontái ou Nadezhda Krúpskaya se aprobara, a proposta de Clara Zetkin, a proclamación do 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora e de loita pola igualdade laboral e o dereito de sufraxio, o movemento feminista acadou grandes conquistas.

8M_Cartel

No entanto, aínda queda moito camiño que percorrer na loita pola conquista da igualdade real, alén do imprescindible recoñecemento legal de dereitos idénticos. Especialmente, neste momento no Estado Español, é imperativo loitar contra o retroceso legal no dereito ao aborto e á libre decisión da muller sobre a maternidade con que ameaza o Proxecto de Lei do goberno, impulsado polo ministro Ruíz Gallardón.

Conscientes de todo iso, desde Ames Novo, organizamos unha serie de actividades  arredor da celebración do Día Internacional da Muller coa intención de promover o debate social e colaborativo sobre a situación dos dereitos da muller hoxe.

Coloquio no Pazo da Peregrina

O día 6 de marzo tivo lugar un coloquio no Pazo da Peregrina baixo o título “A Reforma da Lei do Aborto”. Coa participación da nosa compañeira Chus Boo, membro da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, a avogada e activista feminista Celia Balboa, e a representante da Plataforma Pili Estévez, tivemos a oportunidade de coñecer en profundidade aspectos desta reforma regresiva e das consecuencias que para as mulleres tería a súa aprobación. As intervencións das tres relatoras deu pé a un moi participativo e vivo coloquio, no que destacou a interesantísima participación dun grupo de mozas que son alumnas do IES Ames.

Manifestación

O domingo 9, Ames Novo sumouse á gran manifestación que en defensa do Dereito ao Aborto percorreu as rúas de Compostela. Convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, a maré lila tomou o protagonismo e, coa participación de milleiros de persoas procedentes de todo o país, encamiñouse cara á Quintana para  ler o manifesto da Plataforma e escoitar as intervencións de mulleres do mundo artístico como Uxía, Xes e Mercedes Peón.

AluzdonegroDocu-Forum

O mércores 9 foi a quenda para coñecer un anaquiño da historia oculta das mulleres traballadoras galegas. A proxección do documental  “A Luz do Negro. O volframio da Brea e o Poboado do Fontao” no Babia Café do Milladoiro serviu de texto e pretexto para que descubrísemos un deses aspectos da nosa historia recente, descoñecidos para a maioría, pero de tanta transcendencia no noso presente. Coa introdución da concelleira de Ames Novo Susana Mayo e coa erudición da autora do documental, Encarna Otero, puidemos coñecer como era a vida nesa explotación mineira, especialmente durante a Segunda Guerra Mundial pero tamén no seu rexurdir nos anos 50, ligada á Guerra de Corea.

Femina

“Femina Sapiens”

O colofón ao noso programa de actos conmemorativos púxoo a compañía Inversa Teatro coa representación da súa montaxe “Femina Sapiens” o venres 14 na Casa da Cultura do Milladoiro. Cunha escenografía vangardista e impactante, a actriz Marta Pérez, baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio, representa o texto da súa propia autoría no que reflexiona sobre o envilecemento moral como factor de regresión evolutiva. A través dunha sucesión de escenas achégasenos a contradición entre os discursos sociais éticos e os comportamentos insolidarios e despectivos para coas outras persoas do noso contorno inmediato.

E ata aquí a crónica da actividade que desenvolvemos con motivo da efeméride do 8 de marzo. Con todo, queremos lembrar que a nosa acción a prol da igualdade efectiva e da defensa dos dereitos das mulleres non acaba aí, nin está circunscrita a unha data. En  Ames  Novo somos conscientes de que  esta é unha tarefa permanente que ten, necesariamente, que impregnar toda a nosa actividade política.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.