ATENDE

É tempo da dignidade

By on marzo 23, 2014

Esta marcha da Dignidade que vivimos moitos cidadáns de a pé foi definitivamente a Marcha das Persoas. Persoas que, fartas dunha realidade asfixiante, saían ás estradas e chegaban ás rúas de Madrid para uniren as súas voces reclamando pan, teito e traballo dignos; unha vida digna que todas e todos deberiamos poder gozar, traballando, que é o que toda esta xente fixo toda a súa vida, traballar.

Axiña que subín ao autobús, chamoume a atención a disparidade de perfís que nese bus de Compostela iamos. Isto púideno ir corroborando cando nos xuntamos en Villacastín e amoreados na barra do bar por un café – levabamos todos moi poucas horas de sono- fun fixándome nas persoas: parellas duns setenta anos, mineiros coas súas compañeiras, rapaces e rapazas novos, familias enteiras con nenos incluídos, estudantes… Tocoume ir sentada canda un deles, que viaxaba xunto a dous compañeiros de entre 19 e 23 anos. Este mozo desapareceu tralos altercados e non fomos quen de saber del ata o día seguinte, cando nos confirmaron que fora detido.

Ao chegarmos a Madrid, fomos baixando fronte a Atocha onde nos esperaban os compañeiros que viñeran nos dous trens de Galicia, xente de AGE, do BNG, bombeiros de Coruña e de Santiago de Compostela, familias, colectivos cívicos…  Xuntos marchamos tocando música e vendo a xente nos balcóns e portas dos seus comercios aplaudindo ao noso paso.

22M_02

Eran sobre as dúas do medio día cando baixabamos desde Atocha ata o punto de inicio da marcha toda a columna Galicia para unírmonos a Asturias, Andalucía, País Vasco, Extremadura, Murcia, Valencia… Respirábase unha emoción e unha unión insólitas nestes tempos. E aínda que, como di Olga en eldiario.es, «O discurso dominante móstrase máis preocupado pola restrición do uso do coche en día de manifestación que polos seis millóns de parados e os tres millóns de nenos en risco de pobreza. Importan máis as marquesiñas e os colectores das rúas ca o medio millón de desafiuzamentos e as persoas amenazadas con perder a súa casa», o pobo berrou como unha soa voz «Si se puede!!».

Efectivamente: si podemos mudar as cousas, unidas non hai quen nos pare e temos forzas dabondo para trocar os abusos pola dignidade para que a vida de todas sexa unha vida verdadeira e non un puro sobrevivir.

Velaí a abrumadora masa cívica que está viva, organizada, unida e chea de esperanza, dignidade e beleza. Aristóteles dicía: «A dignidade non consiste nas nosas honras senón no recoñecemento de merecer o que temos”.

A cidadanía acudiu en masa consciente de que non merece esta clase política, esta casta de banqueiros ladróns e de políticos corruptos que insultantemente nos negan a evidencia do desmantelamento do mal chamado Estado de Benestar, denigrando as persoas e colectivos máis débiles para favorecer os intereses económicos da Troika e dunha minoría elitista.

Fariña doutra muiñada é a manipulación mediática sobre a afluencia de público -máis obxectiva na prensa internacional ca na nacional, salvo honrosas excepcións- pero sobre todo a falta á verdade respecto dos altercados. Acusóusenos de violentos, falsidade que cae polo seu propio peso porque se fósemos violentos, os máis de 1700 antidisturbios despregados por todo o percorrido da marcha, quedarían reducidos doadamente polos máis dun millón de persoas que marchabamos en paz. Se a policía se tivese unido á marcha, abofé que irían arroupados e non acurralados como protestaron despois.

Este clamor da cidadanía non vai parar aquí, non conseguirán impedir que volvamos protestar novamente aínda con máis presenza civil e máis cor social. Non retireramos esta voz xusta e necesaria, estaremos para mantela activa, amplificada e reivindicativa para mostrar ademais ao poder máis rancio e retrógrado que o seu tempo remata, que é a hora das persoas, a hora da DIGNIDADE.

Anna G. Reig

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.