ATENDE

Entrevista con Alonso Caxade

By on marzo 27, 2014

Quique Costas conversa co músico amesán Alonso Caxade sobre o seu traballo “A Dança das Moscas”, co que inaugura un proxecto máis persoal despois de moitos anos militando en diferentes formacións e colaborando en gravacións de proxectos diversos. Na conversa van saíndo aspectos das súas liñas estéticas, das súas influencias musicais e poéticas e da súa visión da sociedade, da súa percepción do presente e das súas esperanzas de futuro.

caxade

Como se leva iso de ter tantas caras? O Cuarteto Caramuxo, Pel de Noz, Os Modernos, o proxecto Caxade son un mundo de estilos, non?

Si que o son. Eu sempre me vexo coa mesma cara, pero se tivese que buscar dous segmentos serían estes: primeiro como membro asembleario dun colectivo e, despois, como individuo cun proxecto solitario. Quizais esas son as dúas caras que vexo. Pel De Noz ou Os Modernos son proxectos asemblearios, máis colectivos… e en Caxade, que non deixa de ser asembleario e colectivo, está todo máis traballado por min, en canto individuo que o encabeza. Por outra parte, desde hoxe xa é oficial que non formo parte do Cuarteto Caramuxo, porque lamentablemente xa non me chega o tempo para compatibilizalo.

Escoita o disco mentres les a entrevista:

Caxade é un proxecto moi peculiar: as músicas, as letras… e mesmo a súa xénese. O habitual é que xurda primeiro o disco e logo, como subproduto ou como derivado, os videoclips. Pero ti lanzaches primeiro un videoclip, A Dança das Moscas; logo outro, Gente Pota; e, finalmente, o disco.

É que a min non me quedaba outra. Levo moito tempo tocando en grupos, aínda que sexa unha vida oculta, e dar o salto a facer un proxecto en solitario é conflitivo porque hai que xustificarse. Hai que explicar que pasa, por que queres facer un proxecto en solitario, que non é que te leves mal coas bandas.

Por iso preferín non darlle moito bombo. E, despois, ao ser unha persoa descoñecida, non teño unha capacidade de convocatoria como a que ten un músico recoñecido que decide facer un proxecto en solitario e lle saen músicos para tocar con el de todas as partes. Eu preferín non andar enleando a xente ata non saber como ía rematar o proxecto… Saquei un vídeo, lanceino á rede e resultou de marabilla. Logo lancei o segundo e resultou aínda moitísimo mellor. Pero podía ser que co primeiro vídeo se acabase todo.

Preferín crear a necesidade, ver cal era o feedback do público. E notei que o público o collía da man e, pouquiño a pouco, ía dicindo “outro”. E co segundo dixo “outro máis”. E así, pouco a pouco, foi aparecendo a necesidade de facer a banda, que era un obxectivo primixenio. É dicir, hai quen pensar que o proxecto se creou cunha ansia de vídeo-creación cando, na realidade, a vídeo-creación foi só un recurso, unha estratexia.

E non só non morreu a cousa no primeiro vídeo, senón que saíu un disco que está petando.

Si, sorprendentemente, a primeira edición vendeuse nun mes. Non houbo tampouco unha distribución potentísima, senón que se fai de xeito moi underground a través dun selo cooperativo que se chama Discos da Máquina, no que facemos (porque eu tamén estou aí metido) un traballo creo que digno pero, ben, non deixa de ser undrground xa que cada un ten os seus outros quefaceres e dedican un tempiño á distribución e á organización deste tipo de cousas que teñen que ver co produto fonográfico.

Entón, tendo en conta esa distribución, o feito de que se esgotase nun mes a min paréceme espectacular. E, sobre todo, a resposta do público, que o merca nos concertos. Nos nosos directos hai vendas de discos que eu nin soñaba en ningún caso. Deste xeito, vendemos no Culturgal 80 discos, que son niveis que eu nin intuía que puidesen chegar a darse. Agora mesmo xa non estamos en cifras de vender 80 copias nun concerto, pero si 20 nun concerto normal, que a min séguenme parecendo cifras fantásticas.

O certo é que para ser un proxecto underground, como ti o defines, o impacto mediático é brutal. Caxade ten entrevistas en radios, aparece nos medios… converteuse, convertécheste nunha figura popular no panorama da música do país.

Non sei se tanto como popular, pero eu tamén considerei que o que tiña que facer, unha vez que apostei por este proxecto, era darlle o máximo pulo e a máxima difusión. Non hai unha persoa levando a prensa, a comunicación, só hai un par de meses que hai unha empresa de management que me está axudando a buscar os concertos. Estamos os dous: eu sigo movéndome e esa empresa, que é Sinsal, tamén se move pola súa parte. Quero dicir que o da prensa en parte é porque se impulsa pero, sobre todo, porque ando a petar en canta porta hai.

Eu creo que o impacto que tivo o disco se debe en gran medida a que exploras unhas sonoridades novas dentro do panorama da música galega. Ese son de banda de música nas festas tradicionais, que moita xente identifica con Yann Tiersen, eu máis coa banda Beirut da que beben tamén os cataláns Manel cos que xiraches hai uns meses.

A verdade é que me vexo moi identificado co o que dis. Ao primeiro non houbo unha intencionalidade directa de buscar un referente, aínda que é certo que todos temos a orella predisposta, cando compoñemos, a algo que nos acende unha chispa. A miña ambición inicial, ao contrario do traballo máis instrumental que viña facendo como músico, era ter unha letra que gustase, que rozase no poético un pouco o punk… Aínda que non me gusta moito o punki, cando se queda na reacción, porque eu estou a favor de dicir as cousas directamente, para provocar revolución.

En todo caso, a min o que me motivaba eran as letras. E despois utilicei as ferramentas que tiña na casa: o acordeón, o bombardino, a trompeta… E fun gravando cousiñas. É certo que para min as sonoridades das bandas de música -“os sons balcánicos da vella Europa”, como lle dixeron a Beirut, a Manel e como me din a min tamén- son un referente, porque teñen un timbre que me resulta máxico. Teñen o sabor do baile agarrado, doutra época pasada e, ao mesmo tempo, seguen tendo ese ritmo e esa forza contundente que mesmo se aproxima tamén ao minimalismo de Yann Tiersen, que tamén fixo cousas parecidas para bandas sonoras.

Abxuras do punk, porque é reacción e non revolución, pero nas túas letras vexo unha conexión coa herdanza do punk ou afterpunk de combate que pode representar, por exemplo, Patti Smith.

Si que a hai. No poético, síntome un pouquiño punki. Gústame o xeito de entender a vida desde un punto de vista punk. O que quero dicir é que é importante tamén pasar páxina. Hai que intentar ver cal é esa area que nos amola no zapato, pararse, quitala e seguir camiñando. Porque, se non, estamos sempre queixándonos e todo é unha trapallada e unha molestia. Provocamos reacción, pero non chega realmente a haber un movemento que funcione como revolución. Esa é un pouco a diferenza: eu penso que é o momento de ir a prol de. É o momento de identificar que é o que nos molesta, diagnosticalo e coller impulso cara adiante.

No teu disco a orde dos temas está estruturada conforme a un discurso narrativo que arrinca cun chifre de afiador chamando a espertar, que concita a audiencia a abrir as súas mentes a un discurso poético que se inicia con Afiador da Realidade. É esta unha autodefinición?

Realmente ese tema é un paradigma do obxectivo que pretendo con este traballo. É máis unha ilusión ca unha definición. Non vai tanto sobre min mesmo, senón de que me gustaría que as persoas afiasen a realidade con pensamento crítico fronte ao que acontece. Un chamado a que adoptemos unha actitude a favor de que as cousas muden.

Unha declaración de intencións para que traballemos entre todos e tomemos decisións a favor do ben común. O introito é unha metáfora daqueloutro co que o cura comeza a misa. Permitinme a licenza de erixirme en predicador dunha revolución, entendida non como algo físico, senón en revolvérmonos e combatermos na construción dun futuro mellor, máis xusto e democrático, no que as persoas poidamos participar activamente na toma de decisións que fagan que as cousas sexan mellores para a maioría.

Deseguido veñen as tres pezas centrais do proxecto: Gente Pota, Sr. Xorda e Dança das Moscas, que non están ordenadas con ningún criterio narrativo, simplemente porque me gustaba como enlazaban nesa orde. O discurso remata en Capadores de Extraterrestres e Nomeando Perdidos, no fondo virando a drama en beixe, para concluír na chamada á revolución do Folión da Rebelión.

A conclusión do disco é unha chamada explícita á revolución?

Si, á revolución entendida como o que cadaquén pon cada día nos traballos comunitarios e na acción social. Apelo ao combate nun sentido non-físico, senón intelectual. Pero combate, si.

Combate contra que e a prol de que?

Combate, sobre todo, fronte ao establecido, fronte a eses paradigmas que nos venden como herméticos, ortodoxos, e que non podemos modificar. Non debemos pensar que todo está predestinado, prefabricado e listo para meter no microondas. Crear cultura libre, para que as xeracións que nos sucedan poidan vivir en liberdade, creando, e pensando e participando. Reaccionar fronte ao imposto e desembocar nunha revolución que lle permita á cidadanía participar nos seus contextos máis próximos e, tamén, nos máis macro.

Ti como creador, como cidadán, como persoa comprometida cunha idea de xustiza e de país como percibes a situación actual? A sociedade está aínda adormecida, está reaccionando?

A xente está espertando, pero agora o primeiro é comprobar que estamos realmente espertos, que non é un soño, que podemos ver, sentir e apalpar o que está acontecendo diante dos nosos ollos. E preguntarnos por que durmimos tanto. Eu digo que tamén nos botaron drogha no colacao. Déronnos unha serie de placebos e de lambetadas e mentres tiñamos glicosa dabondo ninguén se preocupaba por nada. Todo iso rebentou e agora a xente está espertando preguntándose “como é posible que eu confiase en todo iso, que non fose crítico?”

Non obstante, agora levamos tanto tempo sen sermos críticos que é difícil coller impulso. Cústanos asociarnos entre nós, custa ver as cousas que temos en común, cústanos ver como coller impulso cara adiante. E todo iso ás veces parece que leva máis tempo do debido, mesmo parece que as reaccións que xorden quedan nun letargo, como puido acontecer co Movemento do 15M. Por máis que tamén é certo que non se pode vivir nesa burbulla do 15M eternamente, senón que hai que avanzar cara a unha fronte máis de fondo, de pasiño curto pero máis continuo no tempo.

Unha última cuestión. Onde imos atopar a Caxade, cal é o proxecto de futuro?

Estamos gravando disco, editando e pensando no primeiro concerto. Digo estamos, porque aínda que este sexa un proxecto persoal sinto o agradecemento e a necesidade de tocar con estes tres fenómenos cos que teño a sorte de compartir o traballo: Xosé Tuñas, Manu Paino e Manu Espiño. A miña ambición co novo proxecto, que se todo vai ben se vai materializar a finais de ano, é presentar o disco arroupados por unha banda de música, a de Bandeira, que ten 60 integrantes.

Coido que Caxade tocando como cuarteto con toda esa banda de música detrás facendo os tutti pode ser moi espectacular. Non é algo absolutamente innovador porque xa se ten feito (tocar con banda de música), pero para nós significa un pasiño pequeno que nos pode permitir atraer a outro tipo de público. É como volver á banda popular, á canción protesta, abrir un pouco o espectro do folk. Todo isto, coma sempre, desde a maior humildade e sen querer ser apóstolo de nada.

Escoita o disco:

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *