Mestras da República, modernidade e democracia con nome de muller

Proxección de Las Maestras de la República no Milladoiro
O próximo venres 11 de abril ás 21:00h proxectaremos na Casa da Cultura do Milladoiro de forma gratuíta a película gañadora do premio Goya á mellor longametraxe documental 2014, presente nestes momentos en moitos cines da península.
Contaremos tamén coa participación do historiador Gustavo Hervella, investigador do proxecto universitario Nomes e voces que ten traballado a memoria das mulleres na república en Galicia e mesmo na comarca de Santiago.
Homenaxe a esas mulleres que nos fixeron mellores.
As Mestras Republicanas foron unhas mulleres valentes e comprometidas que participaron na conquista dos dereitos das mulleres e na modernización da educación, baseada nos principios da escola pública e democrática.
Este documental a través da recreación dunha mestra da época, e imaxes de arquivo inéditas, descóbrenos o marabilloso legado que nos deixaron as mestras republicanas e que chegou ata os nosos días.
Articulado sobre a base de testemuños de investigadores e familiares, imos coñecer o momento histórico que viviron estas docentes e a súa participación na transformación social do país a través da educación.
(Sinopse do documental Las Maestras de la República)
Queremos felicitar a FETE-UGT por este magnífico traballo e agradecer a súa xenerosa colaboración con Ames Novo para divulgar esta obra que nos permite rescatar a memoria da democracia, da igualdade e dun futuro de modernidade posible.
A proxección deste documental encádrase nos actos de Ames Novo para conmemorar o día da República (14 de abril) e que culminará cun acto de homenaxe á corporación republicana de Ames destituída en 1936 que terá lugar o domingo día 13 ás 13:30h na Escola de Tapia, diante do busto do alcalde Óscar Lojo Batalla.
Pode consultarse toda a información no portal Las Maestras de la República.
Trailer de presentación de Las Maestras de la República: