ATENDE

O goberno deserto e o desprezo aos animais

By on mayo 5, 2014

Recentemente ven de quedar deserto o concurso do Servizo de lacería, canceira e recollida e tratamento de cadáveres de animais. O goberno incumpre os compromisos adquiridos cando saímos de Bando con Ames Novo e coas asociacións de defensa dos animais para buscar alternativas á eutanasia masiva. Debemos buscar alternativas de xestión pública con criterios de respecto aos animais.

 

En decembro de 2012 o goberno do PP propuxo saír da Fundación Pública Refuxio de Animais de Santiago de Compostela (Bando), nese momento Ames Novo formulou deixar o tema sobre a mesa ata que se aclarasen diversos aspectos da proposta futura para que se chegase a un acordo coas entidades que actúan en Ames na defensa dos animais. Estas entidades xunto a Ames Novo formularon diversas propostas e chegaron a un acordo de compromiso que nos permitiu avalar a saída de Bando co horizonte de que fose un ano de transición cara algo mellor, de tal forma que en xaneiro de 2013 se aprobou a saída e contratar coa empresa Servigal (coa canceira en Ribeira).

Durante un ano non se divulgou apenas a información sobre os cans abandonados, nin houbo ningún tipo de estratexia de acollemento dos mesmos, polo que entendemos que deberon ser sacrificados, e algúns foron salvados grazas a intervención de SOS Animalia e outras persoas voluntarias, de non ser así o seu destino é a eutanasia masiva. Recóllenos, téñenos uns días no corredor da morte e acabouse. Ao final a medida de aforro é matalos. A situación está sendo moitísimo peor que con Bando se atendemos ao principal obxectivo que debería ter este servizo.

En xaneiro de 2014 a nosa portavoz, Pilar Candocia, denunciaba os incumprimentos constantes do goberno en relación co Pleno e coas asociacións animalistas e sinalaba: «isto xa é esperpéntico, pídelle á oposición propostas, que gobernemos por eles -xa renuncian a gobernar por incapacidade- e cando se lles dá apoio e ideas despois non se cumpre o comprometido». En marzo deste ano a concelleira de Ames Novo, Olalla Alvite, daba conta de como o novo contrato tiraba por terra todos os acordos e pedíalle á concelleira, Eugenia Martín, que «recapacitase e fale coas asociacións, que me consta que viñeron aquí en repetidas ocasións preocupándose polos cans que levan a Ribeira e non se lle facilitou, e están facendo un traballo voluntario moi loable e están dispostas a ofrecer alternativas».

O goberno do PP rachou todos os seus compromisos coas entidades cívicas e co Pleno. O acordo de saír de Bando ía asociado a buscar alternativas, o contrato de un ano era provisional co compromiso de valorar diferentes posibilidades, atendendo non só a prezo senón tamén aos seus obxectivos: recoller e procurar o bo trato e acollemento dos animais estivese no primeiro plano. Nada de isto se fixo, nin volver falar coas entidades, nin valorar o acontecido durante este ano, nin propoñer nada de nada. Como sempre a única vía é o contrato a unha empresa privada, e de novo vemos como a propia incapacidade do goberno fai que quede deserto o concurso. Ao final, como no caso do contrato da auga, o desaxuste dos pregos ou do prezo vai facer que o suposto aforro supoña gastar máis. O goberno é un deserto, e destroza todo canto toca, e durante este tempo ten demostrado un auténtico desprezo ao que lle suceda aos animais. Con tal de que os cans desaparezan e non molesten, ao goberno do PP dálle igual se os sacrifican ou non, ou se se produce un sacrificio masivo de animais.

Ames Novo propón que aproveitemos o feito de que o concurso quedase deserto para reorientar a situación, que se valoren de urxencia alternativas para a xestión do servizo con criterios de respecto aos animais e educación social. As alternativas deben avaliar a posibilidade dun refuxio público municipal ou dun refuxio en colaboración con outros municipios limítrofes, ou ben facelo en colaboración con entidades dedicadas á defensa dos animais. O que non é admisible é a volver a repetir o sucedido este ano. A maioría da sociedade impórtalle algo máis que o prezo no trato aos animais, e ademais precisase un pouco de imaxinación para ver que pode cumprir funcións educativas e contar con xente voluntaria para ampliar o seu alcance. O PP empéñase en tratar como animais aos seres humanos, e nós en humanizar o trato aos animais.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.