ATENDE

BENEDICTO GARCÍA. A CONEXIÓN GALEGA DE JOSÉ AFONSO

By on mayo 8, 2014

Hai un feito, non demasiado coñecido, que vincula a Ames co creador de “Grândola Vila Morena” e é que o noso veciño Benedicto García Vilar foi o responsable da estreita e indestrutible conexión que se estableceu para sempre entre Galicia e José Afonso.

 

Corría o ano 1971 cando Benedicto, xa integrado daquela no colectivo de cantautores galegos Voces Ceibes, escoita no exiguo ático dun amigo, no Madrid dos Austrias, un disco dun “tipo estraño portugués”. Tratábase do álbum “Traz outro amigo também”, publicado o ano anterior. Non podía imaxinar naquela altura o impacto que aquel descubrimento persoal ía ter tanto na súa vida como na socioloxía musical do país. O certo é que aquel primeiro encontro o deixou impactado. Por iso, ao chegar a Santiago dunha viaxe a Portugal na que adquire o disco, chama o seu amigo e compañeiro de loitas Arturo Reguera, devecendo porque tamén o escoite, e dille: “Tes que vir á miña casa inmediatamente. Hai unha cousa moi importante”. 

A pegada que nel ten a descuberta de “Traz outro amigo também” é tal que decide que ten que conseguir coñecer persoalmente o autor, asi que hama ao Porto, a Discos Orfeu, a editora, consegue o enderezo do José Afonso e plántase sen máis na súa casa. Mais non eran tempos fáciles; o Zeca era asexado pola PIDE (a policía política de Salazar) e móstrase receoso daqueles catro rapaces, que din ser galegos, e falan un estraño “portugués antigo”.E voçês, ¿são mesmo galegos da Galiza? E então, ¿fala-se mesmo assim lá cima? E así dúas horas
de duro “sondeo” ata que, atando cabos, entendeu que eramos
galegos da Galiza”e non PIDES”, conta o propio Benedicto.

Despois daquela visita Benedicto ponse a organizar a primeira tourneé do cantor portugués en Galicia, onde actúa en Ourense, Santiago e A Coruña os días 9,10 e 11 de maio do ano 72. Por primeira vez o público galego pode escoitalo en directo. Son concertos animados pola ansia de liberdade e a rebelión contra a ditadura. E é no concerto de Santiago onde por primeira vez o Zeca interpreta unha canción dedicada á Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense, que escribira en agradecemento polo valor mostrado por aquela sociedade cultural ao organizar un concerto seu o 17 de maio de 1964. Ninguén dos presentes podía presentir que aquela canción que estaban a escoitar había converterse en sinal e emblema da revolución que ía marcar o comezo do fin das ditaduras da Península Ibérica. O por que “Grândola, vila morena”, que fora gravada en novembro do ano anterior en Herouville (Francia) como parte do álbum “Cantigas do Maio” non fora nunca interpretada ata aquela, a pesar de ter sido composta 7 anos antes é algo que descoñecemos. Nin sequera sabemos que foi o que moveu a José Afonso a incorporala ao seu repertorio precisamente nese concerto. En calquera caso é outro dos elementos simbólicos que veñen subliñar esa identificación entre o noso país e o cantor portugués.

Dende aquela os lazos que unían a José Afonso e Benedicto xa se estreitaran ata facerse indisolúbeis. Pasaron dous anos convivindo entre Portugal e Galicia, xirando por numerosas cidades de Portugal, do resto do Estado, Francia, Bélxica… Foi durante ese período de convivencia que o Zeca gravou o seu disco “Eu vou ser como a toupeira”, gravación na que participa como músico Benedicto e, tamén, a súa compañeira Maite.

vlcsnap-2014-05-08-11h05m17s132

Ver Vídeo

A admiración do cantautor galego polo músico portugués vese correspondida polo propio Afonso, que, anos máis tarde, se refire a Benedicto como um camarada nosso cujo trabalho político foi extremamente importante aquí [en Portugal]. Fazíamos sessões nos mais diversos locais, a maior parte das quais eram interrompidas ou impedidas ter realizado. O xornalista e autor de varios libros sobre a figura do músico Portugués, José Jorge Letria, que naquela época era un dos músicos acompañantes de José Afonso, tamén lle atribúe a Benedicto García un papel determinante na relación de afecto que se creou entre o cantor poeta e o pobo galego que aínda hoxe “se calhar e mais grande na Galiza do que em boa parte de Portugal”.

Hoxe, o noso veciño Benedicto García, o home que fixo que José Afonso descubrise Galicia e que o pobo galego descubrise e adoptase o Zeca como parte do seu propio patrimonio, loita contra unha grave enfermidade que o foi minando ao longo dos últimos anos. Sirvan estas liñas de recoñecemento a un home que foi clave na loita pola conquista das liberdades e a prol da cultura do país, neste Abril no que conmemoramos 40 anos da “Revolução dos Cravos”   

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *