ATENDE

25 DE ABRIL SEMPRE!

By on mayo 8, 2014

Este ano conmemoramos 40 anos da data histórica en que o Movemento das Forças Armadas desencadea unha acción militar en Portugal que suporía o derrocamento do réxime dictatorial instaurado por Salazar e desencadearía a que se había coñecer como «Revolução dos Cravos». 25A1

Aquel golpe enseguida se veu desbordado polo entusiasmo dunha cidadanía que inmediatamente se adheríu ás accións militares, vitoreando e arroupando ás tropas. As ansias da poboación ían moito máis alá da mera implantación dun réxime de liberdades formais (como pretendía un sector dos militares que encabezaron o golpe, identificados coa figura do xeneral António de Espínola). Tratábase de construír un verdadeiro poder popular, que loitase contra a desigualdade, o analfabetismo e o sometemento no que se encontraban amplas capas da poboación. Durante máis de un ano Portugal estivo embarcado no que se denominou Processo Revolucionário em Marcha, un período no que a autoorganización asemblearia, a ocupación de latifundios e fábricas polas traballadoras e traballadores, arroupados polo «Programa de Dinamização Cultural das Forças Armadas» teimaba en construír a Terra da Fraternidade á que aludía José Afonso na canción «Grândola, Vila Morena», santo e seña do movemento militar e, logo, da revolución popular.

Desde Ames Novo consideramos que preservar a memoria de aqueles acontecementos que remataron con unha ditadura e abriron unha grande fiestra á esperanza é unha tarefa imprescindible, máis aínda en momentos nos que as liberdades cívicas e os dereitos sociais están sendo recortados e, mesmo, suprimidos nalgúns casos. 25A3

Por iso quixemos conmemorar aqueles acontecementos que se viviron en Lisboa, Porto e no resto de Portugal o 25 de Abril de 1974 con unha festa que se desenvolveu no pub Mundo Celta de Bertamiráns. Unha celebración tinxida polo vermello dos cravos, a música e as iconas da Revolução e impregnada de alegría e fraternidade. A xente que ateigaba o local puido ver senllos vídeos que recollían a secuencia dos feitos daquel 25 de Abril en Lisboa e a relación entre o veciño de Ames Benedicto García Villar e José Afonso, que tanto marcou a relación entre o noso país e o cantor portugués. Ata en dúas ocasións cantamos, cravo en man, e coa pel de galiña pola emoción «Grândola, Vila Morena», con un sentimento noq ue se mesturaba a nostalxia coa esperanza e a determinación de construír unha sociedade máis xusta e democrática.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.