ATENDE

PROPOSTA DE REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ DO CONCELLO DE AMES

By on junio 2, 2014

 

0. Introdución

A gravidade da situación social, política e económica actual constitúe o principal fundamento para que a participación cidadá se organice e articule en novas canles institucionais que impulsen unha incidencia efectiva da intervención da cidadanía nas decisións gobernamentais; nesta dirección, urxe redefinir os xeitos e mais as prácticas da participación. Para superar a súa concepción tradicional que a entende como un hábito repetido en cada determinado período electoral; enchela de novos contidos que promovan por medio do seu regulamento unha democratización real da xestión dos asuntos públicos.

Neste sentido, a participación debe entenderse como coxestión que propicie a diminución da distancia entre representante e representado e, así mesmo, exerza un control social sobre a actuación pública. Supón tamén un medio polo cal a cidadanía, deixe de ser obxecto das políticas públicas e se convertan en suxeitos actuantes destas. Suxeitos con pleno poder discursivo para sumar contidos e matices de índole realista aos debates e, deste xeito, redeseñar prioridades de goberno. É entón cando a participación se converte nun proceso dinámico e dialéctico que ten que ver coa toma de conciencia da cidadanía a que supera a pasividade para involucrarse nos asuntos comunitarios e converterse en factor decisivo do cambio social.

Así a implementación e a consolidación dun sistema participativo promove unha cidadanía responsable que transcende os seus intereses individuais para integrarse na súa comunidade en prol do beneficio común. Precisando o anterior, a participación cidadá debe ser un complemento da democracia representativa; un modo de profundar a lexitimidade daquela. Así mesmo, debe establecerse como unha ferramenta que garanta o descenso da conflitividade e que dote de eficacia as decisións que se adopten. Doutra banda, debe constituírse nunha contención que preveña e conteña as prácticas antidemocráticas, así como tamén nun instrumento que potencie a transparencia das políticas públicas.

0.1 Participar, actualmente, implica:

  •  Impulsar novos mecanismos de participación directa na sociedade tanto en termos individuais coma a través dos diversos modos de asociacionismo.
  •  Auspiciar novos espazos para que a autoxestión sexa relevante a nivel local.
  •  Promover a participación cidadá nos procesos lexislativos, particularmente desde a redacción dos proxectos ata o seu ulterior debate e aprobación nos plenos.

Por último, é imprescindible entender que o concepto de participación que queremos implementar supera as accións informativas e consultivas levadas a cabo pola corporación municipal. A participación xenuína supón unha profunda democratización das instituciónspolíticas, mediante as diversas canles que fundamenten e promovan a inclusión da cidadanía na elaboración das políticas orientadas ao interese xeral. Para concluírmos, sen transparencia nin control popular da Administración, sen a necesaria abertura dela, non hai ningunha posibilidade de constituír verdadeiros eixes que consoliden e activen a participación social nas institucións.

1. Procedemento de elaboración:

O Regulamento de participación cidadá será o marco director da relación da institución municipal coa cidadanía, polo que este regulamento debe elaborarse de forma consensuada, en diálogo co conxunto das entidades sociais e das forzas políticas e mediante o acordo con todos os grupos políticos establecerase un prazo para o desenvolvemento de todos os aspectos do regulamento.

Como procedemento para elaborar o Regulamento de participación cidadá (RPC) propoñemos o seguinte:

1.1 Comunicación ao conxunto das asociacións e entidades sociais de Ames e convidalos a que participen na elaboración do regulamento.

1.2 A corporación municipal (as forzas políticas con representación) reuniranse co conxunto das entidades para informar do procedemento e para elixir os representantes que formarán parte da Comisión de Elaboración.

1.3 Constitución da Comisión de Elaboración do RPC formada por unha representación da corporación municipal, representantes das asociacións e entidades cidadás, os cales colaborarán no asesoramento e na redacción do regulamento ademais dos representantes da administración municipal implicados.

1.4 Debates públicos: dada a transcendencia do proceso de elaboración do regulamento, realizaranse diversos debates públicos para discutir as propostas e remitirllas ás asociacións para que fagan as modificacións oportunas, e finalmente, a exposición pública para poder presentar achegas.

1.5 Reunión aberta e pública da Comisión de Elaboración do RPC co conxunto das asociacións para validalo.

1.6 Aprobación no Pleno.

2. Bases para o Regulamento de participación cidadá

 

Título I. DISPOSICIÓNS XERAIS

1. Obxecto

O obxecto deste documento é regular as formas, os medios e os procedementos de participación das veciñas e dos veciños na xestión e política municipal, tanto individualmente coma a través de entidades cidadás.

2. Ámbito de aplicación

Persoas residentes no concello de Ames, así como entidades cidadáns, sen prexuízo dos requisitos que poidan ser esixibles, de forma específica, para o exercicio dalgún dos dereitos de participación.

3. Obxectivos específicos

Os obxectivos específicos que se pretenden abordar con este regulamento son os seguintes:

a. Facilitar e promover a iniciativa e a participación cidadá de homes e mulleres nos asuntos públicos do concello de Ames, instaurando a participación no funcionamento da Administración Local nos seus distintos niveis de xestión.

b. Desenvolver os dereitos democráticos da cidadanía e dos grupos en que se organiza por medios dos diversos órganos e mecanismos que garantan as posibilidades de participación, de conformidade co (facer efectivos os dereitos recollidos no) artigo 18 da Lei reguladora das bases do réxime local (LRBRL)

c. Incrementar a transparencia na acción do goberno e articular a vinculación entre esta acción e o goberno do concello de Ames.

d. Propiciar a implicación equilibrada dos homes e as mulleres que conforman a cidadanía na xestión pública para lograr unha cidadanía activa interesada no público.

e. Fornecer, activar e colaborar co tecido asociativo e consolidar unha cultura de participación cidadán.

f. • Achegarlle a xestión pública local á cidadanía.

g. Garantir a solidariedade e a integración social contribuíndo de forma específica á igualdade de xénero e á defensa dos intereses das persoas que por razóns económicas, culturais ou sociais están nunha situación de desvantaxe para a defensa dos seus intereses.

h. Definir un modelo de participación estable, sostible e accesible de acordo aos intereses dos cidadáns e cuns criterios metodolóxicos acordes á estrutura do concello. Deseñando os instrumentos precisos para elo.

i. Impulsar o desenvolvemento das accións cooperativas nos distintos ámbitos sociais de aplicación. Atenderanse de maneira particular os proxectos produtivos, as cooperativas de traballo etc.

4. Efectos da participación cidadán

O control dos servizos e programas públicos locais por parte da cidadanía e das entidades municipais, sen menoscabo das competencias legalmente atribuídas aos órganos establecidos pola lei, e facer efectivos os dereitos sobre participación recollidos no artigo 18 da LRBRL.

 

Título II. DOS DEREITOS RELATIVOS Á PARTICIPACIÓN CIDADÁN.

5. Dereito á participación

Toda a veciñanza de Ames ten dereito a participar na xestión municipal directamente, de forma individual ou colectiva, a través das asociacións ou calquera outra entidade cidadá.

6. Dereito á información para a participación

6.1) Coñecer os acordos dos órganos de goberno municipais.

– Medios para informar dos acordos orgánicos:

• O Concello de Ames informará a poboación dos acordos dos órganos de goberno municipais, das normas e, en xeral, de todas as súas actuacións.

• Estas informacións serán divulgadas de forma sinxela e aquelada, de xeito que poidan ser coñecidas e comprendidas por toda a cidadanía. Poderán utilizarse os seguintes medios: revista informativa municipal; radio municipal; web municipal; departamento de atención cidadá; taboleiro de anuncios; exposición en lugares de encontro público: equipamentos municipais, sedes de entidades cidadás, centros comerciais etc.; boletíns oficiais; medios de comunicación social; calquera outro que favoreza a difusión das informacións.

6. 2) Administración electrónica e dixitalización de trámites

O concello promoverá e fará uso das novas tecnoloxías como medio alternativo para unha difusión eficaz dos seus servizos e actividades. Deste xeito, proporcionaralles un achegamento progresivo aos habitantes de Ames. Por medio delas poderase:

• Facilitar ao máximo as xestións coa Administración local.

• Mellorar a transparencia da Administración xa que vai incorporar á rede toda a información de carácter público que se xere no municipio.

• Potenciar a relación entre administracións a través de redes telemáticas para beneficio da poboación.

• Posibilitar o uso da sinatura electrónica, de acordo coas leis e cos regulamentos que se desenvolvan.

• Facilitarlle á poboación o coñecemento da rede asociativa local a través da difusión do Rexistro Municipal de Entidades Cidadás, campañas de divulgación e proxectos de actividade.

6.3 ) Dereito á información das entidades cidadás

As entidades cidadás teñen os seguintes dereitos de información:

• Recibir no seu domicilio social as convocatorias e ordes do día dos órganos colexiados municipais que leven a cabo sesións públicas.

• Recibir no seu domicilio social as ordes do día das sesións da Xunta de Goberno e das comisións informativas, cando figuren nelas asuntos relacionados co ámbito, sector ou obxectivo social desta.

• Recibir as publicacións informativas que edite o concello e, en especial, a información dos acordos do Pleno e da Xunta de Goberno.

• As entidades cidadás teñen dereito a levar a cabo reunións informativas cos concelleiros/as delegados/as sobre asuntos da súa competencia, logo de que se faga unha petición por escrito. Establecerase un prazo máximo desde que se presente no Rexistro Municipal.

7. Dereito de petición e proposta

Presentación de propostas

Toda a veciñanza ten dereito a dirixirse a calquera autoridade ou órgano municipal para solicitar información e aclaracións ou presentar queixas e propostas sobre as actividades do concello.

8. Dereito de iniciativa popular

Os /as veciños/as que gocen do dereito de sufraxio activo nas eleccións municipais poderán exercer a iniciativa popular, presentando propostas de acordos, actuacións ou proxectos de regulamentos en materias de competencia municipal.

 

Estas iniciativas deberán ir subscritas por un número ou porcentaxe de poboación empadroada no municipio maior de idade (a determinar)

 As iniciativas poderán no seu caso levar incorporada unha proposta de consulta popular local.

 

TÍTULO III. DOS INSTRUMENTOS DA PARTICIPACIÓN CIDADÁN

9. Audiencia pública (ou Procesos de deliberación participativa)

A veciñanza de Ames ten o dereito de audiencia pública, que consiste en facer sesións específicas abertas aos veciños/as que o desexen, para ser informados/as e escoitados/as en relación con aqueles temas de competencia municipal, e de especial relevancia para o municipio.

Funcionamento da audiencia pública

O/a alcalde/alcaldesa ou calquera dos/das concelleiros/as delegados/as convocarán, xa por iniciativa propia xa por petición da cidadanía ou do tecido social, a audiencia pública.

Poden solicitar unha audiencia pública os órganos de participación existentes, as entidades municipais, ou cidadáns/cidadás individuais, sempre que presenten o apoio avalado mediante un mínimo establecido de sinaturas verificables. Habería que concretar este mínimo???

As audiencias públicas que solicitase a cidadanía terán lugar nun prazo non superior a 30 días logo da presentación das sinaturas no Rexistro Municipal.

10. Comisión de Queixas e Suxestións

O Concello de Ames habilitará unha Caixa do Correo de Queixas e Suxestións a través da cal se sistematizará a información recollida como propostas ou queixas cidadás.

• As queixas e suxestións deberán ser formuladas por escrito e entregadas no Rexistro Municipal. O escrito poderá ser presentado de maneira individual ou colectiva.

• As propostas e queixas deberán incluír a identidade de quen a/s formula/n e o medio elixido para recibir a resposta.

• O concello habilitará os medios necesarios para que as queixas e suxestións dirixidas á caixa do correo poidan ser tramitadas a través do Departamento de Atención Cidadá e da páxina web municipal.

• Informaráselle á Xunta de Voceiros daquelas queixas e suxestións que mensualmente presente a veciñanza na Caixa do Correo de Queixas e Suxestións.

Procedemento e prazos das respostas

O concello deberá acusar recibo da proposta ou queixa dentro dos 7 días seguintes a que se reciba. Ademais poderá declarar inadmisible a proposta ou queixa sempre de forma motivada e nos 15 días hábiles seguintes aos da súa presentación.

O Concello de Ames deberá contestar a proposta ou queixa no prazo máximo de 30 días, sexa cal sexa o resultado da resposta (mesmo nas peticións declaradas inadmisibles, que deberán ser contestadas igualmente).

11. Quenda cidadá: intervención no Pleno Municipal.

As sesións do Pleno son públicas e unha vez rematadas o/a alcalde/sa pode establecer unha quenda de rolda aberta de intervencións por parte do público asistente sobre temas concretos de interese municipal establecidos na orde do día. Correspóndelle ao/á alcalde/sa ordenar e pechar esta quenda. (inda que o alcalde/sa ordene e peche a quenda, a potestade de establecer ou non a quenda debería ser do pleno, que decides?)

O Concello porá a disposición da cidadanía, a través dos medios de comunicación locais e da páxina web municipal, a orde do día das sesións do Pleno, coa antelación suficiente.

Funcionamento das intervencións no Pleno: quenda cidadá

As entidades cidadás inscritas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás poderán solicitar a súa intervención ante o Pleno como asesoras, sobre algunha cuestión que figure na orde do día.

As solicitudes de intervención terán entrada no Rexistro Xeral do Concello de Ames como mínimo 48 horas antes do inicio da sesión, a través de escrito dirixido ao alcalde/sa, no que constará o nome da persoa que tomará a palabra e o interese da intervención, expresado de forma razoada.

Nos puntos que se tratarán no Pleno por vía de urxencia, a intervención será solicitada a partir da entrega dos documentos correspondentes.

Coa autorización do/da alcalde/sa, coñecido pola Xunta de Goberno Local, e a través dun/dunha único/a representante, a entidade poderá expor o seu parecer durante o tempo que o/a alcalde/sa lle sinale, en ningún caso inferior a 5 minutos, con anterioridade á lectura, debate e votación da proposta incluída na orde do día.

Incorporación de proposicións na orde do día do Pleno

As entidades cidadás inscritas no Rexistro Municipal de Entidades ou calquera persoa ou colectivo poderán solicitar a incorporación dunha proposición na orde do día do Pleno. Non obstante, para facelo deberán presentar unha cantidade establecida de sinaturas verificables.

Cando se dean estas circunstancias, a proposición incorporarase na orde do día do seguinte pleno ordinario. O Pleno incorporará cando menos 3 propostas de intervención no final de cada sesión. Cando unha proposición sexa rexeitada non se poderá presentar outra sobre o mesmo tema nun prazo dun ano, agás que sexa complementada con novos datos de relevancia.

12. A Consulta Popular

O Concello de Ames, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 7/1985 reguladora das bases de réxime local, poderá someter á consulta da cidadanía aqueles asuntos de competencia propia municipal e de carácter local, agás os relativos á facenda local, que sexan de especial relevancia para os intereses da veciñanza.

A convocatoria deberá ser acordada por maioría absoluta do Pleno, remitiráselle á Xunta de Galicia e autorizaraa o Goberno estatal. Unha vez autorizada, a Xunta de Galicia realizará a convocatoria mediante decreto.

13. O Referendo Revogatorio

Todos os cargos de representación na corporación emanan da vontade da cidadanía e, xa que logo, deben estar sometidos ao seu control. É por iso que o electorado, do mesmo xeito que elixe os membros da corporación deben ter o dereito de revogar o seu mandato mediante referendo nas urnas.

Ademais as persoas que foron electas deberán asumir o compromiso de abandonar o seu cargo se así se puxese de manifesto mediante este mecanismo. O procedemento para a revogación ten que cumprir os seguintes requisitos para que produza efecto:

• Que o promova o 20% do corpo electoral despois de que transcorrese a metade do mandato.

• Que nel participe máis do 40% do censo.

• Que o número de votos a favor da revogación sexa igual ou maior ca o número de votos obtidos pola/o candidata/o na súa elección.

14. Os Orzamentos Participativos

A confección dos orzamentos municipais se realizará mediante un sistema que promova a participación da cidadanía. A tal fin, antes do inicio do proceso de elaboración orzamentaria, se definirá un regulamento específico para o mesmo. Este procedemento será debatido e aprobado polo Consello de Participación Cidadá previamente á súa ratificación polo Pleno do Concello.

 

Título IV. DOS ÓRGANOS DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ

15. Os Consellos Sectoriais

Os consellos sectoriais son órganos de carácter informativo, consultivo, de control e de formulación de propostas, que permiten a participación cidadá na xestión de cada un dos sectores ou áreas da actividade municipal. Son, polo tanto, órganos de participación de carácter temático.

Poderase crear un consello sectorial por cada un dos sectores ou áreas de actividade municipal, mediante acordo adoitado polo Pleno.

Composición dos consellos sectoriais

Os consellos sectoriais estarán constituídos, cando menos, por:

• Presidencia: alcalde/sa, ou concelleiro/a en quen o/a alcalde/sa delegue.

• Un representante por cada un dos partidos políticos con representación no Pleno. O seu conxunto non poderá supor máis do 50% do total de membros do consello.

• Representantes de entidades cidadás inscritas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás relacionadas co sector ou co interese na materia.

• Cidadáns e cidadás a título individual, maiores de idade, que manifesten interese na materia do consello.

• Persoal técnico da área do consello.

• Secretaría: un/unha traballador/a municipal, sen voz e sen voto.

Competencias dos consellos sectoriais

Será competencia dos consellos sectoriais:

• Fomentar a participación directa na xestión de cada área de actuación municipal das persoas e das entidades afectadas ou interesadas. Con este fin, estableceranse os mecanismos necesarios de información, estímulo e seguimento das actividades municipais.

• Promover e fomentar o asociacionismo e a colaboración e coordinación entre as diferentes entidades que actúen no ámbito obxecto do consello, xa sexan públicas ou privadas.

• Asesorar o concello sobre as actuacións que este realice no ámbito de actuación do consello: debater e valorar os asuntos que presente o concello, especialmente a información, seguimento e avaliación dos programas anuais; e elaborar propostas.

• Conseguir información do Concello de Ames, logo de petición razoada, dos temas de interese para o consello.

• Promover a realización de estudos, informes e actuacións vinculadas ao sector.

Dada a dinámica social e asociativa de Ames deberían constituírse formalmente, e estar suxeitos a este regulamento, cando menos os seguintes: Consello Escolar Municipal, Consello Municipal de Deportes, Consello Económico e Social e Consello de Participación Cidadá.

16. O Consello de Participación Cidadá

O Consello de Participación Cidadá é un órgano de encontro e coordinación do resto de órganos de participación cidadá do municipio.

Composición do Consello de Participación Cidadá

Este consello está composto por representantes da corporación municipal, representantes de todos os órganos de participación cidadá e mais representantes da Administración municipal vinculada.

17. Outros órganos de participación

Poden constituírse outros órganos de participación veciñal como as asembleas de parroquia ou territorio, foros cidadáns para ámbitos xerais ou transversais…

18. Sistema de avaliación do funcionamento dos órganos, procesos e mecanismos de participación

Establecerase un sistema de indicadores e unha metodoloxía de avaliación dos procesos participativos postos en marcha, Seguirase o establecido polo Observatorio Internacional da Democracia Participativa (OIDP).

 

TÍTULO V. MECANISMOS DE APOIO E PROMOCIÓN DO TECIDO ASOCIATIVO

19. Tipos de apoio ás entidades cidadás

Os dereitos e accións que se lle recoñecen á veciñanza neste regulamento tamén poderán exercelos as entidades cidadás a través dos/das seus/súas representantes.

O concello fomentará e apoiará o crecemento do tecido asociativo, para o cal utilizará diversos medios técnicos e económicos; como subvencións, convenios e axuda profesional.

O Concello, recoñecendo o importante papel que teñen desempeñado e desempeñan as entidades cidadás no municipio como dinamizadoras sociais, a través das experiencias de autoxestión asociativa, promoverá e fomentará as boas prácticas de autoxestión de espazos públicos por parte da sociedade civil.

20. Rexistro Municipal de Entidades Cidadás

As entidades cidadás para exerceren os dereitos contidos nesta norma deberán inscribirse no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás e actualizar anualmente os seus datos no devandito rexistro.

Obxectivos do Rexistro Municipal de Entidades Cidadás

• Recoñecer as entidades inscritas e garantirlles o exercicio dos dereitos recoñecidos neste regulamento e na lexislación vixente.

• Permitirlle ao concello coñecer en todo momento os datos máis importantes do tecido asociativo do municipio, o seu cometido, actividade e mais cobertura.

Requisitos para inscribirse no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás

Poden inscribirse no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás as entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas que teñan o seu domicilio social ou delegación en Ames.

Documentación que teñen que presentar no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás e formalización da inscrición

As entidades que desexen inscribirse no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás deberán presentar a documentación acreditativa: acta fundacional, copia dos estatutos vixentes, número de inscrición no rexistro, acta ou certificación do órgano pertinente que sinale a xunta directiva vixente na data da inscrición etc.

21. Subvencións e convenios de colaboración

Mecanismos de financiamento das entidades cidadás

Co fin de apoiar o crecemento e fornecer o tecido asociativo, o Concello de Ames incluirá no seu orzamento anual unha dotación económica para subvencionar a realización de proxectos ou actividades de interese para o municipio segundo manifestasen as entidades cidadás.

O concello convocará cada ano para conceder estas subvencións, que deberá incluír os criterios para concedelas e para determinar a súa contía. Os criterios para baremar poderán ser debatidos desde os diferentes órganos de participación habilitados neste regulamento.

Nesta materia estarase ao disposto na Lei estatal 38/2003 de subvencións e no Real decreto lexislativo 2/2000, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas.

22. Colectivos, plataformas e coordinadoras cidadás.

O Concello de Ames recoñece a importante contribución das novas formas de organización social, a través de plataformas e colectivos cidadáns. Por cousa disto habilitaranse na concellería delegada de participación cidadá os medios necesarios para difundir o seu labor de cara á defensa dos dereitos da cidadanía e do interese xeral. A efectos informativos, comunicacionais e de difusión das súas actividades, disporán da mesma condición ca as entidades debidamente rexistradas.

23. Servizos de apoio e asesoramento.

O Concello de Ames proporcionaralles os seguintes servizos ás entidades inscritas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás e aos colectivos, ás plataformas e coordinadoras cidadás: asesoría para asociacións e entidades sociais, formación para asociacións e entidades sociais, mediación veciñal, etc.

24. Campañas de sensibilización dos valores democráticos

O concello promoverá e realizará campañas informativas para o desenvolvemento dos valores solidarios, democráticos e de participación na vida pública. Estas campañas irán dirixidas ao conxunto da cidadanía de Ames e, en especial, á infancia e adolescencia e á poboación inmigrante. Empregaranse os diferentes foros de debate regulados nesta norma para a súa difusión e o seu deseño.

25. Normativa que se debe ter en conta para elaborar o Regulamento de participación cidadá:

• Código de bo goberno local aprobado pola Federación Española de Municipios e Provincias.

 

http://www.femp.es/CartaLocal/Front/Noticias/CL_ContenidoDetalle/_sYcniRvuy5ly-yy6MEsAr2xIyOH4RgvsLsMsOhPI4uc

• Lei 7/1985 reguladora das bases de réxime local.

• Real decreto 2568/1986, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais.

• Lei orgánica 4/2001 reguladora do dereito de petición.

• Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

• Lei estatal 38/2003 xeral de subvencións.

• Lei galega 9/2007 de subvencións.

• Lei orgánica 1/2002, reguladora do dereito de asociación.

• Lei 5/1997, de Administración local de Galicia.

• Lei 11/2007, de acceso electrónico dos cidadáns á Administración.

 

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.