ATENDE

NORMATIVA PARA ELIXIR A CANDIDATURA MUNICIPAL DE AMES NOVO, E ELIXIR A PERSOA QUE ENCABECE ESTA CANDIDATURA

By on junio 2, 2014

1 Exposición e obxectivos:

En Ames Novo estamos implicad@s no reforzo dos mecanismos democráticos cara a unha maior participación política de toda a cidadanía. Traballamos para instaurar prácticas de goberno aberto na institución municipal que conecten permanentemente coa vontade da xente.

Cómpre, para isto, unha meirande participación da cidadanía que se involucre na xestión diaria do concello mediante redes colaborativas de achegamento cidadán, mais tamén é necesario dotármonos de estruturas políticas participativas, abertas e reflexivas que intermedien para posibilitar que esa mesma cidadanía elixa, do xeito máis democrático e formado posíbel, aos que serán os seus representantes políticos.

Por cousa disto, en Ames Novo, presentamos un innovador proceso para elixir a candidatura polo conxunto da base social que se identifica co noso proxecto renovador.

Non hai auténtica vocación renovadora e democrática que non se manteña na permanente confianza da xente que o sustenta.

Con todo, tamén caben distintas maneiras de entender as concrecións políticas do programa de Ames Novo, por isto queremos a meirande participación no propio debate sobre o programa electoral, e a elección das persoas que decidamos en conxunto máis acaídas para a súa representación.

O noso regulamento de elección da candidatura vai alén do mesmo momento de confección da listaxe. Como levamos dito a representación exércese sobre a totalidade do tempo de mandato, e non podemos obviar a necesidade de establecer un mecanismo de participación con esa mesma candidatura que resulte elixida, durante o tempo total do seu mandato. O radicalismo democrático que defendemos implica establecer mecanismos de retroalimentación permanente das persoas elixidas coa súa base. Estes mecanismos poderían supoñer a esixencia explícita do abandono da representación no caso de manifesta perda de confianza.

Por este motivo elaboramos un modelo rigoroso de participación na confección das candidaturas para as eleccións municipais e de seguimento na xestión municipal.

Estes son os eixes fundamentais:

1 O mandato representativo pertence aos electores. Establécese un compromiso entre as persoas representantes e o seu electorado.

A participación cidadá é un proceso permanente e non unha delegación absoluta para un período de tempo.

3 As persoas que queiran exercer o mandato representativo deberán comprometerse coas condicións establecidas neste regulamento e asinar o compromiso que figura nel.

4 Favorecer a participación implica a necesidade de aproveitar todos os recursos técnicos dispoñíbeis para adaptarse ás posibilidades diversas de todas as persoas interesadas.

 1 Xestión do proceso electoral

A dirección do proceso electoral e todas as cuestións relacionadas con el corresponde á dirección política de Ames Novo, que se apoiará nunha comisión creada especificamente para esta misión.

As xuntanzas desta comisión serán abertas a todas as persoas afiliadas, que coñecerán con antelación dabondo as datas, horas e lugares onde terán lugar. Así mesmo, as súas actas serán públicas e divulgaranse polos medios habituais de comunicación da organización.

A comisión electoral, garantirá o anonimato dos avais das persoas candidatas.

2 O censo electoral

O censo electoral está composto por todas as persoas que formen parte de Ames Novo, ou que enviasen a ficha de adhesión a Ames Novo antes do inicio do proceso.

Tamén se realizará un anexo do censo electoral con persoas amigas de Ames Novo que queiran participar no proceso. Para integrarse neste censo deberá ser residente no termo municipal de Ames, ou ter nacido nel, e identificarse co proxecto de Ames Novo. Correspóndelle á persoa interesada acreditar calquera das circunstancias anteriores ou autorizar a unha persoa designada pola organización para que o faga. Ademais farase a achega dun euro para colaborar nos gastos derivados del.

A elaboración do censo pecharase quince días antes da data escollida para que teña lugar a votación.

3 Persoas candidatas á lista municipal e á alcaldía do concello

Todas as persoas membros de Ames Novo poderán postularse ou ser postuladas para formaren parte da listaxe electoral e/ou para ocupar a cabeceira da listaxe e ser candidatas á alcaldía.

Nesta elección poderán nomearse tanto persoas afiliadas coma non-afiliadas a Ames Novo.

En calquera caso tanto as persoas que se postulen como as que sexan postuladas por algunhas outras persoa membros de Ames Novo, deberán contar co respaldo de 10 membros de Ames Novo. En todo caso, contarase coa autorización expresa de cada unha delas para a súa inclusión na candidatura.

Unha mesma persoa membro de Ames Novo non poderá prestar respaldo a un número de candidat@s superior a 17.

Ames Novo elaborará un programa de xeito participativo que será referendado pola súa base asociativa. Neste programa poderanse recoller medidas concretas de aplicación que serán de obrigatoria defensa por todas as persoas candidatas. Tamén haberá filosofías de traballo sobre as que caberán diferentes matices ou puntos de vista.

As persoas candidatas poderán presentar a súa filosofía de actuación. Poderán facerse agrupacións de persoas candidatas que compartan unha mesma sensibilidade específica e defender a súa candidatura e os matices programáticos que puidesen formular. Se así o desexan poderán formar agrupamentos con outras persoas candidatas, para presentar aspectos da súa candidatura.

4 Campaña electoral

As persoas candidatas poderán dispor de 10 días para explicárenlle as súas formulacións ao conxunto de persoas interesadas.

A dirección de Ames Novo, garantirá en todo caso, un espazo nos seus medios de comunicación para cada unha das persoas participantes. A distribución destes espazos será en réxime de absoluta igualdade para cada persoa candidata.

Cando menos os espazos postos a disposición das persoas candidatas serán: locais de uso público, páxina web, páxina de facebook e lista de distribución de correo.

En ningún caso se permitirá o envío de propaganda electoral aos domicilios das persoas afiliadas ou simpatizantes. Excepcionalmente a dirección de Ames Novo, por proposta da comisión electoral e co seu acordo, poderá facer comunicacións oficiais para animar a participación.

Ningunha persoa candidata poderá promover unha campaña paralela, con medios diferentes aos dispostos por Ames Novo en igualdade para o conxunto das persoas candidatas. Expresamente quedan prohibidos os orzamentos particulares das persoas candidatas para divulgar ou promover a súa candidatura.

5 Sistema de votación

A dirección de Ames Novo, convocará a xornada electoral que durará de 10.00 a 18.00 h.

As papeletas de votación incluirán os nomes de todas as persoas candidatas ordenados alfabeticamente, comezando pola letra que se determine por sorteo.

Nas papeletas de votación presentaranse separadamente as persoas que opten á alcaldía do concello encabezando a listaxe e as persoas que opten ao resto dos postos da candidatura.

Cada persoa membro do censo electoral e o seu anexo, poderá elixir un número de persoas candidatas que non exceda do 80% do número de postos que se van cubrir, redondeados ao enteiro máis próximo (coa composición actual da corporación: 80% de 21 = 16,8 serían 17).

Cada votante, unha vez escollidas as persoas ás que desexa apoiar co seu voto, marcará a unha delas como a da súa preferencia para encabezar a lista electoral.

A votación, ao longo da xornada electoral, realizarase nun dos dous procedementos elixidos e segundo as posibilidades técnicas das que dispoña a organización: en urna ou por medios electrónicos.

a) Votación na mesa: desenvolverase nos locais que a dirección de Ames Novo, de acordo coa comisión electoral, decidan establecer.

Na mesa ou mesas electorais haberá un mínimo de tres persoas que escollerá a comisión electoral, que terán a función mínima de presidencia, secretaría e axudante. Poderán formar parte das mesas electorais todas as persoas que llo soliciten anticipadamente á comisión electoral.

Para realizar a votación cómpre acreditar a identidade co DI ou documento legalmente substitutivo.

O local da votación será público e poderá permanecer nel calquera persoa interesada.

Os membros da mesa realizarán o escrutinio, que tamén será público para todas as persoas presentes no momento de pechar a votación.

b) Votación electrónica: na medida das posibilidades técnicas das que dispoña a organización, habilitarase un sistema de votación electrónica. Neste caso, igual que no voto en urna, será necesario que quede debidamente acreditada a identidade.

A duración do período de votación electrónica, de ser o caso, será o mesmo que o do voto na mesa.

A comisión electoral garantirá a confidencialidade dos datos das persoas votantes, e realizará o escrutinio dos votos recibidos.

6 Escrutinio e publicación dos resultados

Unha vez rematadas as votacións, as mesas electorais comunicaranlle os resultados do escrutinio á comisión electoral que, xunto cos resultados da votación electrónica redactará unha acta de escrutinio. A citada acta seralle comunicada á dirección de Ames Novo, que fará públicos os resultados en todos os medios dispoñíbeis.

7 Confección da candidatura municipal

Inmediatamente finalizado e publicado o resultado do escrutinio, a comisión electoral confeccionará a candidatura segundo os seguintes criterios:

1. Postos a partir do número dous da candidatura:

a) Farase unha orde de prelación segundo os votos recibidos de maior a menor.

b) A posición na listaxe iráselles adxudicando ás persoas candidatas que obtiveran o maior número de votos ata rematar o número de postos totais que deberán conformar a candidatura.

c) En calquera caso, haberá que axustar o resultado anterior aos criterios correctores que se establecen neste regulamento para promover o equilibrio de representación por xéneros e repartición territorial. Deste xeito, a distribución da orde na candidatura en función dos votos recibidos deberá intercalarse coa adxudicación por parte da persoa candidata que conte con máis votos no criterio de corrección necesario para axustar a listaxe.

d)Criterios correctores

1. Equilibrio de xéneros: o total da candidatura non pode ter máis dun 60% de representación de cada un dos xéneros. En todo caso dentro dos 10 primeiros postos da listaxe deberá haber, cando menos, un 50% de candidatas femininas.

2. Representación territorial: a listaxe non poderá ter máis dun 30% dos seus membros para os núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro, respectivamente. O restante 40%, como mínimo, reservarase para outras parroquias do concello.

e) No caso de empates que se manteñan despois da aplicación dos criterios correctores do apartado anterior, a orde da listaxe resolverase por orde alfabética do primeiro apelido, contando desde a mesma letra aleatoria coa que se ordenase a listaxe da votación. A continuación seguiranse adxudicando as persoas suplentes.

2. Persoa que encabezará a candidatura: Asignarase a quen fose sinalada por maior número de votantes para ocupar ese posto específico, e será o derradeiro posto a designar na confección da candidatura, de acordo co que se estipula no punto seguinte.

8 Elección da persoa que encabezará a listaxe

Unha vez confeccionada a candidatura a partir do segundo posto, adxudicarase o primeiro posto da listaxe.

A persoa que ocupará esta posición será aquela de todas as candidatas que obtivera, cando menos, o 40% dos votos emitidos, e un diferencial mínimo do 5% respecto da seguinte persoa en votos para ese posto.

No caso de que ningunha das persoas candidatas obtivese o resultado anterior procederase a unha segunda volta de votacións para elixir a persoa que encabezará a listaxe, sete días despois. Nesta segunda volta adxudicaráselle a cabeza da candidatura á persoa que maior número de votos obtivera.

Se como resultado desta elección se alterase a adaptación da candidatura aos criterios correctores establecidos neste regulamento, reaxustarase para adaptala a eles.

9 Renuncias

No caso de que algunha das persoas elixidas renuncie ao seu posto antes de presentarse a candidatura no rexistro correspondente, este cubrirase segundo os criterios xerais establecidos nos puntos 7 e 8 deste regulamento.

ANEXO

 CARTA DE COMPROMISOS DAS PERSOAS QUE OPTAN A REPRESENTAR A AMES NOVO NA CORPORACIÓN MUNICIPAL

1 Participar activamente nas comisións de traballo que a organización estableza para promover a participación cidadá e colaborar na xestión municipal.

2 Manter informado do seu traballo ao conxunto da organización e solicitar as axudas necesarias para mellorar o seu traballo.

3 Intentar promover a participación cidadá nos ámbitos que sexan da súa competencia.

4 Someterse ás decisións da organización e poñer á disposición desta a súa representación no caso de serias discrepancias.

No caso de que un 40% dos membros de Ames Novo o soliciten por escrito, realizarase un referendo revogatorio sobre a actuación de calquera representante inconstitucional.

Neste referendo poderán intervir todas as persoas que xa participaran no proceso para elixir persoas candidatas máis que desde aquela se afiliasen a Ames Novo. No caso de que un mínimo do 60% dos votos do referendo sexan contrarios á actuación de calquera representante institucional, considerarase que a súa actuación xa non representa o colectivo de Ames Novo nin o programa polo que fora elixido.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.