ATENDE

AMES NOVO DIANTE DAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS: CANDIDATURA ABERTA E PARTICIPACIÓN SOCIAL

By on junio 2, 2014

En Ames Novo pensamos que un dos problemas do actual sistema representativo, que baleira en gran medida de contido real a democracia, está na delegación absoluta que se fai nos representantes electos. Na práctica son as estruturas partidarias as que deciden quen nos representa, e eses cargos dependen para a súa continuidade máis da aprobación dos dirixentes das súas organización que da das persoas que lles prestaron o seu voto. Por iso nas Asembleas de decembro de 2013 e marzo de 2014 se aprobaron senllos regulamentos que definen a nosa proposta de participación cidadá na política do Concello e o sistema de conformación da candidatura para as eleccións municipais.

Conversamos co Coordinador de Ames Novo, Quique Costas, para pedirlle que nos resuma os aspectos clave destas propostas 

A primeira pregunta parece obrigada: Como afectan ao proxecto de Ames Novo os resultados das pasadas eleccións ao parlamento Europeo?

Pois basicamente, para nós, son a confirmación de dúas análises que constitúen o eixe central da nosa alternativa: A necesidade de artellar unha candidatura unificadora de todas as tendencias que avogan polo cambio real no xeito de entender a representación política e o desempeño dos cargos institucionais, e a vontade cada vez máis maioritaria no seo da sociedade de superar as estruturas partidistas clásicas e de intervir directamente na designación das persoas candidatas.

Ides presentarvos ás eleccións como un partido político máis?

Esa sería a opción máis doada administrativamente: Só sería necesario rexistrar os nosos estatutos no Registro de Partidos Políticos do Ministerio del Interior e, automaticamente, estariamos habilitados para presentar una candidatura. Pero non sería coherente por varias razóns.

A primeira é que non somos un partido. É máis, dentro de Ames Novo convivimos algunhas persoas que pertencen a, polo menos, catro partidos políticos diferentes e moitas outras que non estamos afiliadas a ningún. Ademais, maioritariamente, non cremos que deba haber partidos con un ámbito exclusivamente local, os partidos deberan ter unha visión máis xeral da política e, por tanto, un ámbito maior.

Por outra banda, nós pretendemos ser unha asociación da cidadanía amesá que está por construír unha alternativa que defenda o ben común, os intereses da maioría social, e esa é unha idea que non pode estar limitada nunha adscrición partidaria.

Por iso o único lóxico é concorrer ás eleccións como unha “agrupación de electores”, como algo que nace desde a cidadanía e con vocación de representala. Por máis que iso supoña esixencias extra, como a de xuntar un mínimo de 500 sinaturas autenticadas. Pero non podes dicir que es unha cousa e aparecer como outra distinta.

Quen vai encabezar a lista de Ames Novo?

Quen a cidadanía decida

Ides facer unhas primarias?

Non tal e como se entenden normalmente, como unha competencia entre dous candidatos, a veces algún máis, para encabezar unha lista.

O que imos facer é unha invitación á cidadanía a integrarse na nosa lista e, tamén, a decidir quen a conformará na súa totalidade.

Haberá, entón, unha votación para elixir ás persoas candidatas?

Efectivamente. A mecánica consiste en que calquera persoa, membro ou non de Ames Novo, que conte co apoio de tan só 10 membros da asociación poderá ser candidata a integrarse na lista electoral. Todas as persoas que cumpran ese requisito aparecerán reflectidas nunha lista. Calquera cidadá/n de Ames poderá participar na votación na que marcará ata un máximo de 17 nomes (o 80% do total dos que compoñen a papeleta electoral das municipais). Como resultado desa votación, as persoas serán ordenadas de acordo co número de veces que foron votadas.

Como é lóxico, logo se aplicarán mecanismos correctores nesa orde para garantir a igualdade de xénero e tamén a representación territorial (os núcleos de Bertamiráns e o Milladoiro non poderán aportar , cada un, máis que o 30% das persoas candidatas).

E como se decide quen encabezará a lista, quen se candidatará á Alcaldía?

Na propia papeleta se pedirá as persoas que, ao emitir o seu voto, marquen que candidato/a pensan que debera encabezar a lista electoral. A persoa que apareza máis veces referenciada como a de preferencia para o cargo será a candidata.

Que garante que as persoas que resulten electas na vosa lista para sentarse no Concello, unha vez tomen posesión do cargo, non actúen pola súa conta traizoando o principio de representación participativa da cidadanía?

Para integrarse na lista electoral de Ames Novo será requisito imprescindible a sinatura de un compromiso que inclúe aspectos tales como a promoción da participación cidadá no ámbito das súas competencias, a información a cidadanía… Pero, sobre todo, asumir someterse a un referendo revogatorio no que terán dereito a participar todas as persoas que o fixeron no procedemento de elección de candidatos. Porque, como dixen, nós pensamos que o cargo ten que depender das persoas que te elixen, non de quen o ostenta nin de unha organización política. E, ata onde eu coñezo, esta é unha proposta democrática absolutamente anovadora no conxunto do estado; non sei de ningunha outra alternativa electoral que a asuma.

Tedes xa elaborado o programa electoral para as municipais?

Non. O programa aínda non está feito. Naturalmente, hai liñas dese programa que si están definidas na propia acción e nas posicións que vimos mantendo, tanto na acción municipal a través das catro persoas de Ames Novo que forman parte do Pleno, como na presenza que mantemos na sociedade, participando nas loitas e acompañando as reivindicacións de diversos colectivos veciñais, ou mediante as campañas e actos políticos e culturais que promovemos. Ademais, de todo o xa mencionado referente á participación democrática e a transparencia, a defensa da igualdade (en todas as súas acepcións), dos servizos públicos, da sustentabilidade medioambiental, a protección dos sectores que máis sofren as consecuencias da crise… son alicerces básicos que teñen que servir de armazón ás propostas concretas. Ora ben, o programa de goberno, en canto que catálogo de medidas e accións concretas a desenvolver, será tamén o froito dun proceso de participación social no que as achegas se poderán facer desde colectivos ou individualmente, para seren debatidas en reunións abertas sectoriais e, finalmente, ratificadas nunha Asemblea aberta.

Como se artella a participación e o control da cidadanía na vosa proposta de regulamento?

A nosa proposta enumera unha serie de dereitos de participación na vida política municipal, tanto individuais como asociativos. Facemos un extenso catálogo de dereitos que van desde o de información ata o de facer propostas ao Pleno. Ademais contemplamos a creación de órganos sectoriais de participación e dun Consello que os englobaría a todos eles. É difícil resumir todo o contido da proposta, por canto esta está moi desenvolvida e pormenorizada. Outro aspecto, para nós fundamental, que contemplamos é a elaboración dos orzamentos municipais de xeito participativo, é dicir, que as veciñas e veciños tomen parte nas decisións que afectan a como se recada e en que se gastan os recursos económicos do Concello. Este último aspecto, o dos orzamentos participativos, que se recolle no Regulamento de participación está aínda sen desenvolver de xeito articulado, por canto estamos estudando as diferentes experiencias e modelos xa implantados en diversos lugares para de aí extraer e adaptar aquilo que consideramos máis acaído á realidade concreta de Ames.

Para máis información poden consultarse os documentos:

Regulamento para a elección das persoas candidatas de Ames Novo

Proposta de Regulamento de Participación Cidadá

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.