ATENDE

Evitemos a saturación do Centro de Saúde do Milladoiro. Matronas e enfermeir@s

By on junio 6, 2014

 No Pleno do 5 de xuño aprobouse por unanimidade a nosa moción para deter os recortes na saúde, neste caso para que o Concello de Ames se plante ante a barbaridade que supón sumar ás mulleres de Brión na atención da matrona do Milladoiro.

Non podemos permitir aínda máis degradación dun servizo que xa estaba saturado, e menos nun Concello como Ames con tan altísimo número de mulleres embarazadas. Estas son as políticas de promoción da natalidade?

Tampouco se pode permitir que non cubran as ausencias das enfermeiras de pediatría (1 de mañá e 1 de tarde) provocando a redución da atención sanitaría eses días.

MOCIÓN SOBRE O SERVIZO DE OBSTETRICIA-XINECOLOXÍA NA UNIDADE DE ATENCIÓN PRIMARIA DO MILLADOIRO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Ven de xubilarse recentemente a matrona de Brión. A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia decidiu que as mulleres afectadas compartan o servizo do Centro de Saúde do Milladoiro. Nesta altura hai arredor de 180 mulleres embarazadas adscritas a este centro de saúde e 4 novas cada mes, o que xa supón unhas cifras altísimas para unha soa matrona.

Este cambio imposto pola Consellería implica que a matrona do Milladoiro ten que estar media mañá dos martes e xoves no seu posto e trasladarse a outra media mañá a Brión. Ademais non se están suplindo as baixas de enfermeiras, nin tan sequera cando supón deixar o servizo de pediatría sen ningunha.

Para que se coñeza a dimensión do problema o número de mulleres adscritas (tarxetas sanitarias) á Unidade de Atención Primaria e do Milladoiro: 6.707 e as mulleres en idade fértil: 3.947. E pola súa banda o número de mulleres adscritas á U.A.P. de Brión son 3.283, estando en idade fértil: 1.496.

Os nacementos no Concello de Ames sitúanse por riba dos 350 ao ano nos últimos sete anos segundo o IGE, 395 (2011), 352 (2013), e pódese estimar que non menos da metade corresponden coa área do Milladoiro. Facendo unha comparación do número de matronas por cada 1.000 nacementos vemos que son de 25,9 na media dos países da OCDE; de 12,4 para o conxunto do España (Datos do «Informe sobre profesionales de Enfermería. Oferta – Necesidad 2010-2015». Ministerio de Sanidad).

Pois ben, segundo os nosos cálculos as dúas matronas en Ames para 373 nacementos de promedio situaríao nas 5,4% matronas por cada 1.000 nacementos. Se esta situación xa é insostible na actualidade, cunha ratiomedia de 4.000 mulleres en idade fértil por cada profesional de enfermería obstétrico-xinecolóxica (das peores de toda a OCDE) sumándolle ao Milladoiro as tarxetas de Brión poríase en 5.443 mulleres en idade fértil. Ademais non atenden só a mulleres fértiles, xa que prestan todo tipo de coidados de enfermería xinecolóxica, ademais dos propiamente obstétricos.

Tamén é grave o caso das enfermeiras pediátricas -unha de mañá e outra de tarde-, dado que non se substitúen cando algunha se ausenta. O cal provoca unha enorme desatención que ademais se ve aumentada polo feito de que os pediatras decidiran que cando a enfermeira non estea non farán controis de nenos sans.

Carece de sentido que se pretenda animar a natalidade, e xusto nun dos poucos municipios de Galicia que concentra un alto nivel de embarazos precarice a atención obstetricia. O Concello de Ames debe facer todo o posible para dispoñer dun bo servizo de nun campo tan sensible para a nosa cidadanía.

Por todo o dito, o Pleno de Ames ACORDA:

  • Instar á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, para que non reduza o nivel de cobertura profesional da Unidade de Atención Primaria do Milladoiro, e manteña cando menos a dedicación das matronas a tempo completo para as mulleres adscritas a esta unidade.

  • Instar a Consellería de Sanidade para que manteñan constante o grao de atención de enfermería, garantido a substitución dos profesionais en todo momento.

  • Trasladar á Consellería o carácter especial de Ames a respecto do conxunto de Galicia polo feito de ser un municipio dun alto nivel de natalidade, e da necesidade de atención sanitaria apropiada.

  • Establecer contacto co alcalde de Brión de cara a acordar medidas de presión conxunta.

 

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.