ATENDE

Cemiterio municipal, un leito de toxos e silvas

By on junio 6, 2014

«fixéronme un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangue maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.»

Con estes versos da Xustiza pola man de Rosalía de Castro queremos mostrar como para algunha xente aínda hai discrimación a hora da morte. Unha familia evanxélica tivo que penar para conseguir un simple nicho onde poder enterrar á súa filla falecida, non puido ser en Ames e todo por non ter funcionando o cemiterio público (obrigatorio). Iso pasou hai ano e medio e hoxe seguimos igual.

Os toxos que cubren as lápidas sen estrear de Ames son o símbolo tamén do abandono do público, con detrozos importantes antes de abrirse. Como predican austeridade para recortar o público e permiten arruinar as dependencias municipais (que sempre foron competencia súa).

No Pleno do 5 de xuño presentamos un rogo que xa intentamos presentar hai tempo como moción e non nos permitiron, polo que agora incluímolo como rogo, e recollemos o texto elaborado:

Rogo sobre o cemiterio municipal e a discriminación por motivos relixiosos

Exposición de motivos

Desde que a aprobación do PXOM en 2002 reservara perto de 15.000 m2 de terreo, foron desenvolvéndose distinto tipo de intervencións que permitiron ir rematando con atrasos o cemiterio municipal. Unha vez rematada a construción e acondicionamento dito cemiterio non se abriu para cumprir a súa función e atópase en estado de abandono, e xa comezou a deteriorarse de forma importante.

Non é admisible que a Administración social reclame austeridade e realice tal exhibición de dispendio público ao non aproveitar os recursos públicos, e o que é peor permitir que se deterioren antes de iniciar o seu uso. Que ademais sería un dobre dispendio, perder os ingresos e os servizos públicos por unha banda, e volver gastar para amañar as desfeitas e deixalo como ao comezo.

Os Concellos teñen a competencia en materia de cemiterios e servizos funerarios desde a Lei de Bases do Réxime Local (Lei 847/1985), e deben obrigatoriamente prestar o servizo do cemiterio municipal.

A falta deste servizo ten unha consecuencia alarmante ao impedir que as persoas de outras crenzas distintas da católica ou alleas ás crenzas relixiosas poidan enterrarse no noso municipio. Este dereito tan básico de enterrar sen discriminación de relixión, constitucionalmente recoñecido, está sendo vulnerado en Ames de forma sistemática.

Un caso extremo foi o que viviu a familia veciña do Milladoiro que non puido enterrar á unha nena en ningún cemiterio de Ames polo feito de seren cristiáns evanxelistas. O caso deste falecemento causou enorme conmoción mediatica ao tratarse da nena falecida no Centro Comercial As Cancelas, porén apenas ninguén coñeceu o penar da familia e a cruel situación de non atopar onde enterrar a súa filla, ata que por mediación do alcalde de Teo cedeu provisionalmente un nicho no cemiterio municipal de Oza en Teo. Non podemos consentir que ter outras crenzas relixiosas ou carecer das mesmas sexan un motivo de discriminación.

Tamén neste sentido a lei tamén obriga a construír cemiterios e ofrecer o servizo público cando no termo municipal careza de lugar de enterramento no que poida «practicarse os ritos funerarios sen discriminación por razón de relixión» (Lei 49/1978 de 3 de novembro). Por imperativo legal o cemiterio é un servizo mínimo obrigatorio, e cando os cemiterios parroquiais non cumpren coa obriga de enterrar sen discriminación por razón de relixión o concello ten a obriga de establecer o servizo.

De cara a dar un servizo obrigatorio para o municipio, impedir o deterioro e aproveitar eficientemente os recursos públicos e garantir a igualdade ante a lei no momento de enterro.

Por todo o exposto Ames Novo roga ao alcalde de Ames:

  1. Que o Concello de Ames inicie de inmediato todos os trámites para alcanzar en breve a apertura pública do cemiterio municipal, atendendo así un servizo municipal mínimo obrigatorio;
  2. en canto o cemiterio non se abra o Concello busque alternativas para garantir a toda a veciñanza de Ames o dereito a ser enterrado sen discriminación de relixión.

 

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.