ATENDE

Ames sen goberno.

By on junio 9, 2014

 Ames (6.06.2014). O Pleno iniciouse coa garda civil na porta da casa consistorial para impedir o paso ao propio persoal municipal, que viñan a demandar unha negociación colectiva seria, mentres o goberno mantén o seu desprezo ao diálogo e aos dereitos laborais. Hai moito tempo que o goberno do PP a penas inclúe puntos nos Plenos, neste tan só recollía a aprobación do concurso provisional por dous anos do abastecemento da auga, o goberno perdeu a votación nunha proposta que non quixo consensuar antes. Por parte de Ames Novo presentamos dúas mocións, unha para que a cidadanía poda decidir nun plebiscito a forma da xefatura do Estado, e outra para evitar a redución dos servizos de obstetricia no Milladoiro. Tamén formulamos rogos arredor do cemiterio municipal ou do suposto peche das unitarias de Ames.

A irresponsabilidade do goberno no tema da auga

Ames Novo defendeu unha vez máis a opción da xestión pública do abastecemento de auga e saneamento do Concello de Ames. O Concelleiro Anxo Doval rexeitou a chamada á “responsabilidade” aos membros da oposición feita polo alcalde, “xa está ben de chantaxes”, a inoperancia, debilidade e incompetencia do equipo de goberno pon á oposición na tesitura de apoialos ou “o caos”. Se no mes de novembro de 2013, cando o propuxo Ames Novo, se iniciaran os trámites para a xestión pública do servizo estariamos en disposición de asumilo con tempo suficiente. Agora pretenden facer unha licitación por dous anos, que non foi consensuada con ninguén, e con ningunha seguridade de que haxa empresas que opten a ela e moito menos de facelo antes que remate a actual prórroga, no mes de setembro, e desde logo non será por culpa de Ames Novo, senón da súa incompetencia. O goberno perdeu a votación e súa foi a responsabilidade de ter chegado a un acordo previo.

A circunvalación do Milladoiro 20 anos despois

Pacto x Ames presentou unha moción sobre o tema do tráfico en Rosalía de Castro no Milladoiro de cara a que se instase ao goberno do Estado para o estudo dunha alternativa. Foi secundada por Ames Novo, pero Pilar Candocia lembroulles que esas iniciativas foron demandas feitas con mobilizacións sociais da veciñanza do Milladoiro hai moitos anos e que a forza política que primeiro presentou emendas aos orzamentos do Estado para a súa aprobación foi o BNG xa desde mediados do anos 90. Candocia saudou que se sumasen a esa demanda pero lembrou que o principal obstáculo para resolver a situación sempre foi a falta de vontade dos gobernos do Estado, e o PP non fixo nada para resolvelo cando os de PxA formaban parte da formación de dereitas. Ademais lembrou Candocia que o Plan Xeral da época do PP de Astray tamén permitiu que esa estrada dividise o Milladoiro.

A cidadanía debe decidir sobre a xefatura do Estado

No Pleno aprobouse unha moción de Ames Novo reclamando que a cidadanía sexa consultada para elixir libremente a xefatura do Estado, presentada por Olalla Alvite. Aprobouse co voto a favor de Ames Novo e 5 concelleira/os do PSOE, o voto en contra do PP e abstención de PxA. Aprobouse tamén outra moción do PSOE nun sentido semellante. É a hora de que o pobo opine e decida, e Ames súmase a esa maioría que non lle ten medo á democracia. A moción de Ames Novo era moi similar á presentada hai uns días polo grupo de goberno de Teo.

Evitar a saturación do Centro de Saúde do Milladoiro: matronas e enfermeir@s

Aprobouse por unanimidade unha moción de Ames Novo contra a decisión do Sergas de que o Milladoiro comparta a matrona con Brión, presentada por Susana Mayo. Os cupos na nosa localidade son xa totalmente abusivos: mentres a media en España é de 12,4 matronas por 1000 habitantes, en Ames, concello á cabeza demográfica de Galicia, é de 5,4. A moción busca que o Concello de Ames se plante ante a barbaridade que supón sumar ás mulleres de Brión na atención da matrona do Milladoiro. Non podemos permitir aínda máis degradación dun servizo que xa estaba saturado, e menos nun Concello como Ames con tan altísimo número de mulleres embarazadas. Tamén se recolle a demanda para que cubran as ausencias das enfermeiras de pediatría (1 de mañá e 1 de tarde) que están provocando a redución da atención sanitaria.

 

Dentro do apartado de rogos e preguntas mostramos os máis salientables:

Desconsideración do persoal municipal

Ames Novo pediulle no Pleno ao alcalde que peche o frente aberto co persoal municipal, non só abrindo a negociación colectiva, paralizada desde hai máis de 6 meses, senón atendendo ás súas demandas, boa parte delas con resolucións xudiciais favorables.
Anxo Doval lembroulle a petición de colaboración que o alcalde fixo ao colectivo nada máis tomar posesión, petición que sobraba pola profesionalidade do persoal do concello de Ames, pero que é devolta con menosprezo aos seus dereitos. Tamén recalcou como na situación política de absoluta debilidade, de falta de iniciativa e capacidade política do goberno de Ames, é esa profesionalidade a que está mantendo a flote o Concello, por iso é vital o peche deste novo frente de conflito. Garantir os dereitos laborais do/as traballadore/as publico/as é necesario para un bo servizo cidadán

Rogar a un alcalde para que abran un cemiterio

Olalla Alvite fixo o rogo feito para que de inmediato se abra ao público o cemiterio, e erradicar ademais a discriminación por ter (ou non ter) determinadas crenzas relixiosas. Denunciando tamén o abandono das instalacións públicas (o cemiterio xa ten destrozos importantes antes de abrirse), predican austeridade para recortar o público e permiten arruinar as dependencias municipais dun… servizo obrigatorio de competencia municipal.

Hai ano e medio unha familia de crenzas evanxélicas tivo que penar para conseguir un simple nicho onde poder enterrar á súa filla falecida, non puido ser en Ames e todo por non ter funcionando o cemiterio público. A familia púxose en contacto con Ames Novo e agora presentamos este rogo -que non permitiron presentar como moción-. Iso pasou hai ano e medio e hoxe seguimos igual.

O goberno do PP de Ames nunca tivo iniciativa e sempre foi a remolque das demandas cidadás e das forzas da oposición, agora ademais non asume a súa minoría -no Pleno e na sociedade- e pretende que os problemas se resolvan sós.

 

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *