ATENDE

Servizos para todos e todas, ningún neno nin nena mal alimentado en Ames

By on junio 12, 2014

Ames (12.06.2014). Ames Novo acaba de formular unha proposta para que ningún neno ou nena de Ames poida estar mal alimentando por falta de comida. Trátase de incorporar aos servizos de conciliación durante o período de vacacións ás familias en situación vulnerable, deste xeito acadariamos un dobre obxectivo: garantir que todas as nenas e nenos escolarizados dispoñan, cando menos, dunha comida adecuada ao día, e que esta medida non supoña ningún estigma, dado que se trata de incorporalos a un programa xeral non orientado a combater a pobreza.

Recollemos as recomendacións da Defensora del Pueblo, así como do Parlamento Galego, e propoñemos a implicación das entidades que mellor poden contribuír á identificación do problema da desnutrición infantil: servizos sociais, as direccións dos centros, as ANPA e Cáritas. É moi loable evitar a estigmatización das familias, e coa nosa proposta conseguímolo, pero máis importante é comer adecuadamente todos os días na etapa de crecemento. Agardamos que o goberno de Ames sexa sensible a esta necesidade imperiosa.

Noutra orde de cousas, este ano por primeira vez o Concello estableceu un límite ao acceso nos programas de conciliación, de xeito que para establecer o límite das familias do programa “Xuño lúdico” estableceu un sorteo para decidir a quen lle toca. No programa que comeza a semana que vén, as familias aínda non saben se van contar co servizo ou non, e boa parte delas van quedar excluídas por sorteo.

Ames Novo insta ao alcalde a eliminar dito límite de prazas, que ademais se establece por causa do Plan de axuste que xa denunciamos no seu momento. Tamén denunciamos a actitude do goberno que actúa unilateralmente cando adquirira o compromiso de negociar coas ANPA e as forzas da oposición antes de introducir modificacións nos programas de conciliación. Queren recortar de novo uns servizos que Ames Novo propón que sexan universais. Tamén advertimos que as chapuzas do goberno poden ser motivo de impugnación do proceso dado que incumpren un prazo que estaba recollido nas bases de forma expresa. Pedímoslle que subsane a irregularidade, retire o sorteo e admita a todas persoas inscritos.

Recollemos o texto das dúas propostas:

Proposta de Ames Novo: Alimentación infantil adecuada tamén no verán

Recentemente a Defensora del Pueblo, Soledad Becerril, dirixiu unha recomendación ás consellerías de Presidencia de todas as Comunidades Autónomas, para que os comedores escolares atendan este verán aos menores en situación de maior vulnerabilidade. O obxectivo desta Recomendación é “asegurar que aqueles en situación de risco de exclusión, que durante o período escolar asisten a eses comedores, non se vexan privados dunha alimentación adecuada cando termine o curso. A Institución considera que garantir esa adecuada alimentación infantil debe ser unha prioridade para todos os poderes públicos nese esforzo deben comprometerse o conxunto das administracións públicas.” Preocupada porque o “peche dos comedores poda agravar as situacións de precariedade”.

Recentemente o Parlamento de Galicia por unanimidade instaba a Xunta de Galicia “a levar a cabo as medidas necesarias para evitar que ningún neno ou nena careza de alimentación ou sustento necesario por estaren as súas familias en situación de vulnerabilidade, poñéndose en marcha convenios cos concellos interesados, podéndose usar as instalacións dos centros educativos, en colaboración cos servizos públicos de benestar”.

Cáritas ten denunciado recentemente que segundo os seus cálculos o 20,1% das nenas e nenos de Galicia se atopan por baixo do umbral da pobreza. A evolución da pobreza infantil en Ames foi moi elevada nos últimos anos, igual que no contexto galego e español, polo que o Concello debe comprender o carácter excepcional da situación e actuar de forma excepcional.

Por outra parte, o Concello de Ames ven ofertando desde hai anos un servizos públicos de conciliación nas vacacións escolares (Nadal, Primavera, Xuño, Verán, Setembro) co obxectivos educativos e sociais de conciliación da vida laboral e familiar, o que implica manter abertos os centros educativos en épocas non lectivas así como os comedores. As propias ordenanzas fiscais dos servizos complementarios recollen bonificacións parciais ou totais da cota para casos de emerxencia social ou de moi reducida renda per capita na unidade familiar.

Nesta situación excepcional Ames Novo proponlle ao goberno de Ames, e ao conxunto das forzas políticas e sociais, que se adopte con carácter de urxencia a medida Alimentación infantil adecuada, tamén no verán:

  • Que os servizos de conciliación do Concello de Ames incorporen adecuadamente aos seus programas a todos os nenos e nenas que se atopen en situación de especial vulnerabilidade, e nos que as familias estean de acordo, de cara a garantir a súa adecuada alimentación.

  • Na identificación dos casos de nenos e nenas en situación de especial vulnerabilidade participarán ademais dos responsables dos servizos de conciliación: os servizos sociais municipais, as direccións dos centros educativos, as ANPA e Cáritas Bertamiráns e Milladoiro. Estes casos terán a consideración de inscrición excepcional e contarán coa bonificación total da cota.

  • Este servizo ofreceráselle ás familias con total discreción e facendo constar que o servizo suporía incorporar ás crianzas nos programas de conciliación -incluíndo o comedor-, evitando calquera tipo de diferencia no servizo ou de connotación negativa.

  • Atendendo á recomendación unánime do Parlamento para que A Xunta poida establecer “convenios cos concellos interesados, podéndose usar as instalacións dos centros educativos, en colaboración cos servizos públicos de benestar”, o Concello de Ames establecerá contacto coa Xunta de Galicia para axudar a costear este servizo, ben a través dun novo convenio ou ampliando os existentes.

Ames Novo INSTA AO ALCALDE A PARALIZAR A IRREGULARIDADE E ADMITIR A TODAS AS PERSOAS INSCRITAS NO PROGRAMA XUÑO LÚDICO

O 15 de maio de 2014 fíxose pública a oferta dos programas Lúdico e das Escolas de Verán, onde se indica que o prazo de inscrición é do 15 ao 30 de maio, e onde se recollen as Bases de funcionamento dos Programas lúdicos.

No Artigo 9 das Bases, sinálase que “En execución do previsto no plan de axuste 12-22, con carácter previo ao inicio do prazo de inscrición, a Alcaldía deberá dar aprobación ao número máximo de usuarios de cada un dos programas lúdicos.” e que “En caso de que as inscricións presentadas dentro do prazo sinalado na base número 6 excedan as prazas dispoñibles, efectuarase un sorteo para determinar a lista de usuarios do servizo, entrando as persoas excluídas a integrar unha lista de agarda”.

Posteriormente mediante o Decreto de Alcaldía 1038/2014 o alcalde decide fixar en “195 o número máximo de usuarios do programa ‘Xuño Lúdico 2014’”, pretendendo encaixalo ao determinado no Plan de Axuste 12/22.

Este decreto está asinado o 21 de maio 2014 polo que non se adecúa ao recollido nas Bases que explicita que deberá dar aprobación “con carácter previo ao inicio do prazo de inscrición”, ou sexa o día 15 de maio. Advertimos que este requisito sería motivo suficiente de impugnación por parte de calquera participante no proceso.

Ames Novo está en contra de que se limite o número de persoas que poidan acollerse aos servizos educativos complementarios porque entendemos que deber un servizo universal. En todo caso, estamos en contra de que calquera selección que se faga nestes programas se faga por sorteo, de establecer algún límite nos servizos de conciliación deberíanse introducir criterios de prioridade no referido á propia necesidade de conciliación ou as dificultades económicas das familias.

En todo caso, instamos ao alcalde de Ames:

  • A que subsane esta irregularidade, aprobando outro Decreto de alcaldía que corrixa o anterior, e dando cabida a todas as persoas inscritas no “programa Xuño Lúdico”;

  • derivado do anterior demandamos que actúe de inmediato, paralizando o proceso de sorteo e informando as familias da nova situación, que debe surtir efectos na semana que ven e por tanto deben dispoñer da información coa debida antelación;

  • que se proceda do mesmo xeito en relación coa Escola de Verán.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *