ATENDE

Preocupación de Ames Novo pola aplicación das taxas dos comedores escolares no curso 2012-2013

By on junio 11, 2012

Na semana pasada as familias usuarias dos comedores recibiron a notificación da admisión das nenas e nenos nos distintos servizos complementarios, e tamén cal sería cota que lle correspondería pagar. Bastantes persoas están poñéndose en contacto con nós interesándose tanto polos problemas da valoración económica das familias, como pola sorpresa da elevada cota que lles corresponde.

Esta mañá Ames Novo presentou un escrito solicitando a información do número de inscritos en cada modalidade de servizo e as cotas que lles correspondería pagar. O obxectivo é analizar os datos e saber como lle afecta as familias de cara avaliar medidas de prevención de posibles inxustizas ou baixas de matrículas nos comedores.

Esta tarde o Grupo municipal de Ames Novo manterá unha reunión coas ANPA do centros educativos de Ames para abordar o tema. Formularémoslle a proposta de establecer unha mesa de diálogo goberno – ANPA – grupos da oposición, para avaliar con datos firmes de que xeito pode afectar aos servizos educativos complementarios o novo sistema de taxas.

Na reunión tamén se tratarán outros temas como a posibilidade de crear un banco de libros e un sistema de doazón e préstamo de libros unha vez rematada a gratuidade dos libros escolares; a importancia de constituír unha fórmula de diálogo permanente coa comunidade educativa a nivel municipal; o problema da convocatoria e resolución das axudas de material escolar ás familias con dificultades económicas e as ANPA, sen resolver cando xa remata o curso; e tamén os problemas dos equipamentos escolares no Milladoiro (instituto e CEIP).

About Admin