ATENDE

O goberno do PP busca chantaxear á corporación. Ames Novo mantén a súa posición de municipalizar o servizo da auga

By on junio 26, 2014

Ames (24.06.2014). Ames Novo vai manter a súa posición de cara a municipalizar o servizo de saneamento e abastecemento de auga. O goberno quere forzar ao conxunto da corporación a votar favorablemente unha proposta que dea por boas as chapuzas do Partido Popular. Asistimos de novo a prepotencia e imprevisión na acción do goberno, que logo busca quen lle solucione os problemas que provoca.

O goberno do PP trae ao Pleno do 26 de xuño a licitación do servizo da auga por dous anos, como vía transitoria de cara a decidir no seguinte mandato a fórmula de xestión. Esta proposta chega despois de ser rexeitada no anterior Pleno por todas as forzas da oposición, e logo de que o PP chegase cunha proposta sen ter procurado un acordo que permitise darlle unha saída aceptable para os outros grupos; grupos que fixeron un sen número de reunións sobre esta materia para que o goberno os desprece na importante decisión da licitación actual.

Nesta situación o goberno de Santiago Amor quere forzar a toda a corporación a votar favorablemente a súa proposta a través dunha chantaxe. Un informe técnico dos servizos municipais dá conta dos importantes danos que podería ocasionar ao Concello o feito de que este servizo careza de cobertura contractual cando remate o vixente contrato o 2 de setembro de 2014. A gravidade desta situación é coñecida hai xa moitos meses e foi advertida polo grupo de Ames Novo en diversas ocasións, non só para o Concello mais tamén para a cidadanía en xeral, en todo caso, os posibles danos logo do 3 de setembro son unha simple hipótese. A novidade deste informe ten que ver coa suposta responsabilidade dos membros da corporación; segundo este, o feito de non aprobar a proposta faría incorrer ás concelleiras e concelleiros en responsabilidade civil patrimonial.

As consultas xurídicas realizadas por Ames Novo fannos dubidar desta responsabilidade civil polos feitos indicados, en todo caso, estamos certos que o/as concelleiro/as foron os máis responsables trasladando propostas viables en novembro de 2013 que evitarían esta situación absurda. Temos a absoluta seguridade de que as concelleiras e o concelleiro de Ames Novo non incorren en ningún tipo de responsabilidade civil ou doutro tipo, foron os únicos que puxeron propostas e solución con tempo suficiente. Se o goberno actuase no momento no que advertimos do problema e Ames Novo anunciou a súa proposta e novembro agora non teriamos este problema, que non é da corporación, é do goberno Popular.

O goberno do Partido Popular volve facer o habitual neste últimos anos: xera problemas el só de forma irresponsable e logo busca quen llos solucione. Primeiro o goberno do PP actúa coa prepotencia característica da maioría absoluta, intentando que as súas propostas sexan aprobadas no Pleno polo simple feito de seren propostas polo goberno, ignorando a súa debilidade política e sen facer unha mínima previsión para afrontar con garantías as responsabilidades municipais. Despois cando ve que non hai saída apela ao compromiso dos outros grupos, e chámalle irresponsable a quen non admite as chantaxes de facer o que manda o PP e facelo pasar por interese xeral. Ames Novo deu mostras sobradas de responsabilidade, facendo primar o ben común e centrando un debate que pasou de ser un conflito de intereses entre empresas a converterse nun debate sobre a conveniencia de municipalizar de cara a mellorar o servizo e facelo coas garantías para a cidadanía.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *