ATENDE

I Romaría de Ames Novo

By on julio 14, 2014

Ames (12.07.2014). Ames Novo quere convidar a toda a sociedade de Ames a unha festa o sábado 19 de xullo. A romaría aberta a toda a veciñanza inclúe un concerto conxunto de Uxía e Narf, un xantar de confraternidade, unha serie de actividades de lecer para crianzas e adultos, un coloquio coas diversas forzas da esquerda política e o acto de apertura: Construíndo unha candidatura cidadá aberta.

Podes ver a SITUACIÓN DO PARQUE DO AMENEIRAL en Bertamiráns, ao lado da Avenida da Maía, entre a rúa do Pedregal e a Travesía da Paregrina.

O próximo sábado 19 de xullo Ames Novo organiza unha romaría no Parque do Ameneiral en Bertamiráns que pretende ser un lugar de encontro da veciñanza de Ames e un lugar de encontro de todos os movementos que apostan por un tempo novo na política municipal. A xornada vai estar chea de actividades para a diversión nun entorno moi agradable, pensadas para todas as idades, e tanto para poder vir só, en familia ou en grupo.

 

Cinco son os elementos que detallamos no programa, do que queremos resaltar a actuación de Uxía e Narf (Uxía Senlle e Fran Pérez) co seu concerto As baladas da Galicia imaxinaria, que ven de colleitar un enorme éxito na súa xira por diversos países latinoamericanos, xunto ao xantar de confraternidade e aos xogos e divertimentos variados que haberá ao longo da tarde para grandes e pequenos/as. No plano máis político teremos pola tarde un coloquio sobre o novo escenario das eleccións municipais na confluencia das forzas de esquerdas, e pola mañá, á unha do mediodía, terá lugar o acto de inicio que será a presentación social da proposta de Ames Novo de candidatura cidadá aberta, trasladada recentemente a Anova, Bloque Nacionalista Galego, Compromiso X Galicia, Equo, Espazo Ecosocialista, Esquerda Unida e Podemos.

O programa da Xornada vai ser:

  • 13:00h Acto: Construíndo unha candidatura cidadá aberta, coa intervención de Pilar Candocia e dos representantes das organizacións políticas (AGE en Europa, Anova, Compromiso x Galicia, Equo, Espazo Ecosocialista e Esquerda Unida)
  • 14:30h Xantar. Temos unha zona de xantar, con mesas, á sombra das árbores. A idea é que cada quen traia a súa comida, e para quen queira haberá unha polbeira e unha barra de bar con bebidas, café, xeados… Non haberá comida organizada, con menú.
  • 16:00h Comezo das actividades lúdicas: Teremos música tradicional, xogos para pequenos/as e grandes (brilé, chave…), actuacións para a rapazada, talleres…
  • 18:00h Para quen teña ganas de debater, celebraremos un coloquio sobre o papel dos concellos na transformación política, coa participación dos representantes das forzas políticas presentes.
  • 20:30h Remataremos a festa con un concerto realmente excepcional: Uxía e Narf tráennos as súas “As Baladas da Galicia imaxinaria”

Ames Novo esta promovendo un tempo novo para o noso concello no que a cidadanía sexa a protagonista. Sabemos é posible construír unha alternativa maioritaria que reúna a pluralidade das forzas da esquerda e que asuma a alcaldía como unha forma de facer partícipe á cidadanía no goberno de Ames. Queremos compartir a nosa ilusión e esperanza comezando por compartir a alegría da festa con toda a xente de Ames.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *