ATENDE

Chegou a Romaría de Ames Novo: diversión, encontro cidadán e confluencia das esquerdas

By on Julio 18, 2014

Ames (18.07.2014). Este sábado 19 de xullo xa ven a festa. A romaría aberta a toda a veciñanza que busca a diversión e o encontro social e político. O agradable espazo de lecer no Parque do Ameneiral en Bertamiráns vai contar cunha carpa para poder desenvolver no seu interior todas as actividades no caso de que chova.

O acto de apertura ás 13:00h recolle a presentación da proposta: Construíndo unha candidatura cidadá aberta. Logo o xantar de confraternidade vai dispoñer no lugar de polbo, empanada, bebidas, etc. e mesas habilitadas para quen queira traer comida da casa. Pola tarde haberá unha serie de actividades de lecer para crianzas e adultos, e tamén un coloquio con destacados representantes das diversas forzas da esquerda política. Á tardiña disfrutaremos do concerto conxunto Uxía e Narf “As Baladas da Galicia imaxinaria”

O propósito da Romaría é ser un espazo de encontro da veciñanza de Ames e un lugar de encontro de todos os movementos que apostan por un tempo novo na política municipal. A xornada vai estar chea de actividades para a diversión nun entorno moi agradable, pensadas para todas as idades, tanto para vir só, en familia ou en grupo.

O programa da Xornada:

  • 13:00h Acto: Construíndo unha candidatura cidadá aberta, intervirá Pilar Candocia Portavoz de Ames Novo e representantes de diversas organizacións políticas: Lidia Senra, eurodeputada candidata de AGE en Europa; Antón Sánchez, deputado galego e responsable de acción institucional de Anova; Xoan Bascuas, secretario xeral de Compromiso por Galicia; Angel Montero Campos, covoceiro de Equo Galicia; Xoán Hermida coordinador nacional do Espazo Ecosocialista Galego; Xabier Ron deputado galego, secretario de movementos sociais e membro da executiva de Esquerda Unida.

  • 14:30h Xantar. Temos unha zona de xantar con mesas, con carpa por se chove e á sombra das árbores se fai sol. Cada quen pode traer a súa comida e tamén haberá un polbeiro e unha barra de bar con empanada, bebidas, café, xeados… Non haberá comida organizada con menú.

  • 16:00h Comezo das actividades lúdicas: Teremos música tradicional, xogos para pequenos/as e grandes (brilé, xogos de mesa, chave…), actuacións para a rapazada, talleres…

  • 18:00h Coloquio: Concellos: participación cidadá, confluencia e transformación política, falando sobre o novo escenario das eleccións municipais na confluencia das forzas de esquerdas e o protagonismo cidadán nas mesmas. Contará con: Martiño Noriega, coordinador nacional de Anova; Xoan Bascuas, secretario xeral de Compromiso por Galicia; Angel Montero Campos, covoceiro de Equo-Galicia; Bernardo Lorenzo Cuetara, vicecoordinador de acción electoral e política municipal do Espazo Ecosocialista Galego; Xabier Ron deputado galego, secretario de movementos sociais e membro da executiva de Esquerda Unida; Daniel Fernández Blanco do equipo de traballo elixido para a organización da Asemblea de Podemos en outono de 2014.

  • 20:30h Remataremos a festa con un concerto realmente excepcional: Uxía e Narf (Uxía Senlle e Fran Pérez) tráennos as súas “As Baladas da Galicia imaxinaria” que ven de colleitar un enorme éxito na súa xira por diversos países latinoamericanos.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *