ATENDE

A nación da dignidade

By on julio 24, 2014

24 de xullo de 2013. Hai hoxe un ano sobrecollíasenos o corazón co accidente de Angrois. Diciamos naquel momento que as palabras non alcanzaban a describir a fondura do horror, as nosas verbas sobre O día máis triste e máis emotivo remataban así: #LoitoGaliza, #AnimoGalicia, #OrgulloGalicia, Silencio. Así foi, un día de infinita tristeza e un día de inmenso orgullo pola reacción da veciñanza de Angrois e a solidariedade dun pobo.

Agora sabemos que algúns responsables políticos quixeron esconder a verdade negando a investigación dos feitos. Son unha deshonra para todo o país, e así llo fixeron saber as vítimas ao rexeitar a Medalla de Galicia. A Plataforma Víctimas Alvia 04155 nunha carta de rexeitamento dirixida ao Presidente dicía: “parécenos indignante que vostede se preste a protexerse das nosas críticas escondéndose tras o recoñecemento á grande humanidade demostrada polos veciños de Angrois e de todos os profesionais que nos axudaron”, e continuaba “Non nos ofenda, Sr. Feijoo (…) as vítimas e familiares o que necesitamos e esiximos é saber a verdade, que se depuren responsabilidades e se honre os que xa non están”.

Un pobo do que estar orgulloso pola súa solidariedade, un pobo do que estar orgullosa pola súa dignidade.

Hai un ano tamén, antes do accidente, facíamos unha declaración que hoxe está de máis actualidade aínda:

Un paso adiante, Galiza!

Ames sempre Galicia foi o lema que durante anos simbolizou ao noso Concello o 25 de xullo. Bandeiras galegas con esta lenda eran situadas en público con orgullo, nas casas, nas fiestras e nos corazóns para celebrar o día que nos une como pobo. Ames é un lugar de encontro, feito por xentes procedentes de lugares diversos, moitas co arraigo de séculos de xeracións amesás, outras moitas chegadas de todos os lugares do país e outras máis de diversas partes do mundo, xentes nacidas noutras terras que elixiron Ames como lugar onde asentar a vida e os soños para prosperar no futuro. Nun fogar de Ames viviu Rosalía e creouse o Seminario de Estudos Galegos, pero sabemos que nos queda moito que achegar a esta vella nación, porque somos o municipio coa demografía máis nova e un dos de maior vitalidade cidadá. En Ames hai nenas e nenos, e moita vida.

Ames Novo sempre comprendeu a celebración do día nacional de Galiza, o día da Patria, como un momento de encontro de todas as mulleres e homes que nos identificamos con este país que levantamos todos os días entre todos e todas. Do mesmo xeito Ames Novo entende que debemos converter o 25 de xullo nun tempo de encontro de todas as persoas que queiran facer de Galiza un suxeito político libre para determinar o seu futuro democrático, unha sociedade próspera, unha nación de cidadáns e cidadás libres.

O gran poeta Xosé María Díaz Castro, a quen lle dedicaron neste 2014 o Día das Letras, dicía no famoso poema Penélope:

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,

i a tea dos teus sonos non se move.”

O certo é que ás veces semella que non avanzamos, que non avanzamos como país e moito menos nas ferramentas políticas que fagan posible que a nosa terra sexa nosa e que o pobo poida ser que máis ordena. Son tempos adversos, de grandes agresións á maioría social e a todo o que significa público e común, por iso mesmo deberan ser tempos de encontro no plano político, de unión do diverso e do plural tal é como demanda a cidadanía comprometida co país e co pobo.

A celebración do 25 de xullo era unha oportunidade para demostrar que sabemos convivir e traballar en común desde a pluralidade. Polo momento os cálculos estreitos non permiten avanzar no que nos está demandando boa parte da sociedade, un paso adiante e outro atrás, Galiza. Os símbolos son importantes pero máis importante é o día a día. Ames Novo sempre vai traballar ombro con ombro con quen queira erguer unha alternativa de esquerda comprometida co país, sabemos, como Castelao, que hai sitio para todos e todas. Porque hai que pararlle os pés aos que queren acabar con todo, pero debemos facelo desde a cooperación, desde o encontro de soños, de intelixencias e do traballo diario, facendo en común coa xente, porque a política pode ser outra cousa. Viva Galiza, viva o pobo galego.

Galiza, nación de dignidade, un paso adiante.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *