ATENDE

O goberno de Ames só leva ao Pleno a elección dos festivos locais

By on julio 31, 2014

Foto La Voz de Galicia

Ames (31.07.2014). O único punto que o goberno do PP trasladou ao Pleno de xullo foi a elección dos festivos locais. O Concello de Ames ten decisións pendentes de carácter transcendental como o orzamento municipal. O goberno de Amor demostra a súa nula iniciativa e a súa incapacidade para afrontar os principais problemas do concello. Ames Novo pide a dimisión dun goberno en agonía continua que non atende ningún dos retos, e a cada paso crea máis problemas que resolve.

O xoves 31 de xullo haberá un Pleno no que o único tema que trasladou o goberno ás comisións plenarias deste luns foi a elección dos festivos locais, e para iso porque llo solicita a Xunta e que por outra parte son os mesmos doutros anos (a Ascensión e San Xoán), ademais de dúas mocións da oposición. O Pleno de xullo habitualmente ía cargado de propostas tanto administrativas como de planificación do ano seguinte. Agora o goberno mostra quen son os do non, os da nada.

Hai máis de dous anos diciamos Ames Novo dálle contido aos Plenos, non é nova a falta de iniciativa da dereita desde o comezo do mandato, agora alcanza a cima do ridículo. Nun momento no que tantas dificultades está sufrindo a sociedade no plano económico e no social, o concello debería estar liderando procesos para afrontar a crise. Sen embargo o goberno xa non é que non exista é que aparece para dificultar a actividade da sociedade civil de Ames bloqueando a iniciativa das nosas vivas asociacións (no comercio, na cultura, no deporte, na educación, nas festas ou na solidariedade coas persoas).

A incapacidade do goberno do PP atende a dous planos: a falta de iniciativa e a incapacidade para abordar os temas principais que ten o Concello. Desde o comezo do mandato -cando aínda non entrara en escena a minoría política- viuse a carencia de ideas dun goberno que só atendía as mínimas esixencias administrativas e que nunca dispuxo de ningunha proposta nova para abordar a situación de crise. Cambia radicalmente a situación social e o goberno non entende nada continuando por inercia. Se repasamos o conxunto dos Plenos a falta de iniciativas do goberno é alarmante, temos un non-goberno.

A segunda é a incapacidade para afrontar os grandes temas que ten sobre a mesa o Concello. Exemplos de primeira magnitude: transcorrido xa máis da metade do ano aínda non temos orzamento para 2014 ou a normativa da Xunta que está obstaculizando a realización de actividades das asociacións está sendo esixida polo Concello como policía que obriga e inspecciona en vez de ser a administración que facilita e apoia o labor das asociacións, que é beneficioso para o interese público. Á nula capacidade de diálogo coa sociedade de Ames e a falta de liderado, súmase agora a inconsciencia sobre a súa minoría dentro do Pleno e por tanto a necesidade de procurar solucións negociadas. Temos un des-goberno.

Temos por un lado un non-goberno e por outro un des-goberno. Á dereita quédalle moi grande o goberno de Ames, neste Pleno chega ao límite do ridículo: ante a grave situación social que vivimos e o PP non fai nada, temos que resolver problemas transcendentais para o Concello -o orzamento e o principal servizo municipal- e o goberno… falando dos festivos locais. É unha vergonza, é un goberno de incapaces, non afrontan os problemas e bloquean a actuación da cidadanía. Ames non merece isto, acabemos coa agonía do Concello, o goberno do PP debe dimitir.

About Admin

Leave a Reply

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *